
O xornal El Progreso convidoume a publicar un artigo hoxe sobre as redes sociais e a agresividade verbal, ao fío dos casos que vimos nos últimos días. Este foi o artigo que lles enviei.
Os máis veteranos nisto de Internet sabemos que as redes sociais dixitais son algo que existe desde épocas nas que nin se intuían no horizonte Facebook nin Twitter, e por non haber non había nin sequera páxinas web. Internet naceu xa nos 80 como unha rede de intercambio de ideas entre persoas a través de grupos de noticias e xa de aquela naceron termos coma o flaming (discutir insultándose) ou os trolls (eses individuos anónimos que polarizan e alporizan as discusións).
A suba de tono e a falta de respecto derivadas son comúns nas discusións nas que participan un gran número de persoas e nas que se percibe a pouca cultura argumentativa e democrática que aínda temos. Poden comparar unha conversa entre catro veciños do portal, que se mantén máis ou menos equilibrada, coa discusión masiva de asemblea de comunidade, na que asistirán abraiados a ver coma o, en principio respectable señor do 4º Esquerda perde o norte e a compostura por un asunto de cambio de bombillas.
O anonimato pode propiciar tamén condutas reprobables. Os que temos blogs desde hai máis de dez anos sabemos da intensidade inicial dos trolls que te insultaban facendo uso de tal posibilidade, pero tamén de como, conforme o uso de Internet se normalizaba na sociedade, estes trolls reducíanse. Coa irrupción de Facebook -que é moito máis divertido cando declaras a túa identidade auténtica- o troll covarde foi amornecendo. Twitter é, nese sentido, unha nova volta ao principio do ciclo: en Twitter o anonimato resulta divertido.
Os usuarios máis activos e concienciados de Internet reaccionan sempre de xeito virulento contra calquera tipo de iniciativa gubernamental de carácter lexislativo, que sempre se interpreta como un pérfido intento de control. Esta reacción ás veces é xusta (como no debate da famosa Lei Sinde) e outras desacertada (como na Lei de Servizo da Sociedade da Información, onde algúns internautas opúñanse a algo tan de sentido común como que a que as empresas que ofreceran servizos na rede tiveran que identificarse para darlle garantías ao consumidor).
Internet non é, nin pode ser, unha república independente cunha lexislación distinta ao mundo real. Alguén que comete un delito tipificado pode e debe ser denunciado e perseguido. Pero a Rede tamén é un espazo marcado por unha cultura e valores ben propios aos que os Gobernos non están acostumados: unha cultura do aberto, do transparente, do incontrolable, do inmediato, do colaborativo, pero tamén da parodia, do disenso, da creatividade vinculada á protesta, espazos todos nos que as fronteiras do que é legal e o que non son difusas…
Se cadra iso mesmo, a ausencia de fronteiras claras, é o que asusta aos Gobernos en relación a Internet. A maior parte das medidas políticas tomadas en Europa para controlar a rede fracasaron (a lei Hadopi, a lei Sinde, etc.), sobre todo por ignorancia técnica e política. Cren que a Rede é algo allleo a nós, pero o noso mundo xa é, todo el, Internet.
As reaccións máis brutas que vimos á morte da Presidenta da Deputación de León (e noutros casos tamén de signo contrario, antes) encaixan tamén nesoutra cultura da que non nos damos librado: a dos bandismos guerracivilistas, as do rencor Sicilian style. Se o Goberno quere dedicarse á caza do difamador, se cadra debera aprender máis da rede. A mellor solución que se coñece contra trolls e desequilibrados cibernéticos resúmese nesta frase: Don’t feed the troll. Ou sexa, non alimentes o troll e deixa que morra de fame. Ou de civismo, que é o mesmo neste caso. Sen embargo, o Goberno porfía en darlles comida a fartar.

Be First to Comment