Castigado por climas estremos, con veráns tórridos e invernos fríos, e primaveras e outonos do Douro deliciosos, suaves e coa natureza dando o mellor de si mesma, un paseo polo Douro vinícola é unha excursión fermosa a pouca distancia de casa. A rexión está chea e vida. As enormes abas do río van permitindo crear microclimas no descenso, e alí dentro caben vales, prantacións frutais, quintas enteiras, granxas, concellos e vilas. Iso é así antes de entrar na rexión do viño do Douro, moito máis dura a nivel climático, e onde a poboación redúcese drasticamente.



Peso da Régua é a capital deste micromundo vinícola; a pequena cidade, creada no século XVIII por un industrioso e ilustrado Marqués de Pombal para canalizar a produción de viño. O Douro pasou de ser un monocultivo para os viños doces pensados para mercado inglés a diversificar e ofrecer cousas, cada vez máis novas, conservando moito da súa cultura particular. Vede aí, por exemplo, eses tintos emcorpados, feitos a partir do mesmo viñedo plurivarietal que os Portos, e que obriga a cuestionar ese mito do viño definido a partir dun varietal.
Hai certas posiblilidades de facer enoturismo pero curiosamente, nunha zona definida por varias publicacións coma un dos mellores destinos turísticos en Europa, non é doado procurar moita información. Nós visitamos fermosas adegas, río arriba do Peso da Régua, tentando comprender a marabilla paisaxística do que viamos: a enteira transformación dun accidente natural nun complexo e sinuoso taboleiro de traballo humano.





Así chegamos ás primeiras adegas. Non hai moitas que estean abertas sen cita previa. Un bo plan, para coñecer as mellores, sen dúbida é reunir un pequeno grupo, alugar un microbus en Peso da Régua, e concertar algunhas visitas. Pero para os viaxeiros máis casuais, que non lles apetece facer moito ruído, como nós nesta ocasión, hai posibilidades de facerse un pequeno plan a medida.
A Quinta do Tedo é unha auténtica marabilla. Na actualidade, esta propiedade do século XVIII ten agora na súa dirección a Vincent Bouchard, viticultor borgoñés, e Kay Steffey Bouchard, con experiencia nos viños de California. O outeiro desde o que a adega asómase ao Douro convírtese nun marabilloso micromundo no que catar os viños. Esta mañá non buscamos doces, queremos coñecer os outros viños que se elaboran polo Douro. Probámoslle os Quinta do Tedo. Gústame a versión básica, con a penas uns meses en barrica, cheo de matices e complexidade.


Un pouquiño máis arriba hai que entrar noutro micromundo, o das adegas Fonseca. Gabeando co coche por pequenas pistas, chegamos a esta fermosísima quinta na que te ofrecen, antes da degustación, un paseo polos viñedos co que entender o posterior proceso de elaboración dos Portos. Aquí, en Fonseca, só fan viños doces, pero apetece probar unha bebida de moda por alá, un Portonic, un cóctel de Porto branco e tónica que presta de marabilla nunha mañá de enoturismo.


Marchamos da rexión do Douro con moitas ideas na cabeza e con algunhas conviccións: entre elas, as de que ao Douro fícalle un potencial enorme desenvolvendo aínda máis os seus viños non doces, que teñen un terroir, un estilo e unha elegancia singularísima no contexto da península.
Fotos: Sole Felloza

No nos encontramos de milagro!!! Estuvimos recorriendo la zona la semana pasada y nos encandiló, aunque nos perdimos ese Portonic, del que tomo nota por si hay una segunda vez. Maravillosas fotos, como siempre!
Grazas, Matiba!
Precioso viaje.muy cerca para visitar y muy fermosas as fotos felicitar a Sole.
É certo, Fina, as fotos son unha gozada. :-)
O Portonic é un intento de rexuvenecer o nicho de mercado do vinho do Porto e de adaptar o seu consumo ós locais de hostalería (pubs e discotecas) para xente máis nova (nos que as copas tradicionais de viño “non venden”), como explica a Isabelle Marrama (Drta de Asociación de empresas productoras do vinho do Porto) aquí (10:20 min.): http://portocanal.sapo.pt/um_video/ECs7etGTMW9EBnvINdkO
Parabéns polo blog.
Grazas por completar a información!
A nós tamén nos marabillou o Douro Vinhateiro. Pasamos uns días en Pinhao disfrutando da paisaxe, a comida e o viño da Regiao. Estivemos aloxados no LBV House Hotel, que ofrece a un prezo incrible, unha estancia de “luxo”.