Por suposto, os xornais manipulan a información desde sempre. E en campaña electoral aínda máis. Pero o que xa é máis novo é a denuncia pública e expresa da manipulación dos xornais, o seu rexeitamento expreso por parte de moita poboación e a perda crecente de credibilidade dos medios derivado do cada vez maior coñecemento das redes financeiras que están por detrás dos xornais. A manipulación, si, pero tamén o bulo con obxectivos declarados: desacreditar ou desactivar ao contricante fabricando historias a partir de medias verdades ou directas mentiras.
A finais dos 90 e principios do 2000 moitos confidenciais, creados na corte madrileña ou nas autonómicas, aspiraban a influír e presionar a través da circulación do bulo ou da manipulación argumental a cambio de determinados favores de influencia. Os confidenciais, case todos eles, foron flor de dous días, un modelo realmente insustentable de práctica de influencia, información e intoxicación parlamentaria e cortesana. Só resistiron aqueles que souberon acadar un ponderado equilibrio entre as partes.
Por iso non deixa de sorprenderme o triste espectáculo que se pode ver estes días no meu timeline de Facebook. O patético do asunto non está na politización obvia que un pode agardar destes días, senón do uso que fai moita xente, á que un lle agardaría máis cabeciña, do uso do propio Facebook como mecanismo difundidor de bulos, trolas, infundios, mentiras e intoxicacións que afectan á imaxe pública de persoas. Seudomedios que publican infamias sobre calquera dos candidatos, que son compartidas por persoas normais que, de súpeto, comparten unha estratexia de desinformación e intoxicación informativa promovida por organizacións das que nin sequera, posiblemente, teñen carné de militante. As intoxicacións son ás veces tan burdas que é imposible que, tendo dous dedos de fronte, non se vexa á legua que é todo unha trola mal fabricada. O curioso é que esas mesmas persoas son as que despois andan criticando portadas de El Mundo ou do ABC acusándoas de manipulación, etc.
Do que se deduce que a calidade da nosa democracia e da nosa cultura de medios segue sendo notablemente baixa, que do que se trata é do de sempre, do uns contra os outros, e de que a manipulación só molesta cando agrede as túas ideas, pero que é lícita se alude ao partido/ideoloxía/candidato contrario. Estes días teño visto como xente aparentemente normal rulaba burradas impresionantes contra Cañete, Elena Valenciano, Soraya Sáenz de Santamaría, Beiras, etc. Se cadra, un dos casos máis interesantes, porque a súa figura pública como político aínda se está fabricando, é o de Pablo Iglesias, o de Podemos, constantemente atacado con bulos e infundios fabricados por partidos especialmente críticos cos medios e os seus tratamentos informativos, como IU e o PCE.
Nas nosas investigacións sobre redes sociais apreciamos que a viralidade dunha mensaxe en Internet, cando non é humorística, ten que ver coa empatía do transmisor con respecto á fonte orixinal. Transmítese para apoiar, con independencia mesmo da mensaxe ou do contido. Pero cando vexo a persoas aparentemente serias e críticas comportarse como repartidores de pasquíns de tres ao cuarto, de xeito totalmente irresponsable, non podo menos que lembrar aquela mítica frase que me soltara o que hoxe se chamaría un “emprendedor” ao final dun cóctel de empresarios (ou sexa, tras varias copas e conversas) no que tamén andaban Fraga e uns cantos conselleiros: “Y a mí, por qué nadie me corrompe?”.
Pois iso.

Be First to Comment