
Por Manuel Gago. Publicado orixinalmente na revista Benbo, número 3.
Só tres adegas galegas se atreven a domar a uva merenzao dentro das súas botellas como monovarietal, e as tres están na Ribeira Sacra. O asunto é para botarlle valentía. A variedade Merenzao, empregada habitualmente como complemento no coupage dos tintos do interior galego (en pequenas proporcións do 5% ou 10%) é moi pouco produtiva, pero ademáis ten características delicadas, como unha finísima pel que se estraga con facilidade en días de chuvia, converténdoa nunha variedade pouco querida polo viticultor que precisa ingresos estables e sólidos.
Carlos López Otero, director comercial de Ponte da Boga, lembra a colleita 2011, na que unha chuvia incesante arruinou os acios do merenzao mentres que as cepas de mencía, ao carón, aturaron a chuviscada sen dificultades. A anada 2011 levouna a chuvia, pero Carlos López disfruta e presume da anterior, 2010, nestes momentos no mercado. Son ás penas 1500 botellas do Capricho de Merenzao, pero este caldo convertiuse nun auténtico buque insignia da marca.
Sinal de identidade da Ribeira Sacra
Cando falo con María José Yravedra, directora da Adega Ronsel do Sil, ela está traballando en Parada: “estou rodeada dunha paisaxe incrible, na ribeira do Sil, e acabo de falar coa estación de viticultura de Pontevedra, preguntando moita información sobre a historia, a xenética, para coñecer as orixes da merenzao. É un camiño que hai que investigar moito”. Á merenzao ou bastardo búscaselle ascendente francés, en concreto na uva trousseau, ben consolidada na rexión do Jura, no Franco Condado. Aínda que entre os viticultores franceses, a peregrinaxe cara o occidente de Santiago desta uva está ben clara, outros científicos prefiren estudar mellor a xenética desta uva.
Pero a ciencia pode combinarse coa poesía da cata. “Eu creo que é un sinal de identidade da Ribeira Sacra”, asegura Yravedra, “os aromas a incienso e a sotobosque son os aromas que sintes cando paseas pola propia viña”. En realidade, a merenzao está admitida polos consellos reguladores de Ribeira Sacra, Monterrei e Valdeorras, aínda que, como dicimos antes, é na Ribeira Sacra onde se está producindo un importante movemento de renovación que aposta por monovarietais ou por coupages onde predomina o merenzao, acompañada de clásicos como a mencía, o sousón ou o brancellao. Hai que ter en conta que durante moito tempo o carácter destas variedades foi achegar carácter e personalidade ao viño, ou complementalo naquelas virtudes organolépticas das que carecía a variedade principal empregada.
E que ten esta uva de fascinante e de interesante? Pois moitas cousas. Desde a delicadísima cor –que varía entre a suavidade aterciopelada do viño Alpendre, de Ronsel do Sil, ata a concentración tánica que obtén Fernando Algueira no seu merenzao- ata a súa estrutura, tremendamente peculiar e suxestiva. Un viño de taninos lixeiros, que entra moi fresco en boca, pero que se corona cuns deliciosos tonos especiados. Cando Fernando Algueira, asesorado polo mítico Raúl Pérez, iniciou o seu merenzao de 2007, fíxoo en adegas de cuarto ano para que a madeira non devorase á delicadeza potencial deste viño.
Unha das claves do merenzao é que se convirte con facilidade nun viño de garda. A súa pel, tan lixeira, deixa pasar o sol ao acio e incrementa a concentración da uva no bago, subindo alcol. En Ponte da Boga colleitan o seu merenzao ao principio para controlar que o grado non pase de 14º. E iso nun viño galego ten mérito. Os adegueiros aseguran que o viño mellora de xeito sustancial en botella.
Potencial diferenciador
O certo é que o merenzao parece funcionar igual que o tostado do Ribeiro, do que xa falamos nun número anterior. Convírtese nun excelente embaixador da marca, máis alá da súa rendibilidade inmediata e de que non é doado de vender (custan ao redor dos 20 €). Carlos López, de Ponte da Boga, conta como cando hai seis anos Hijos de Rivera –propietaria de Estrella Galicia- mercou a adega, ordenou retirar as cepas de variedades non galegas e comezar a explorar as uvas autóctonas. “Nós temos a sorte de que como estamos nunha empresa grande podemos facelo”. Tiran 1500 botellas do seu Capricho de Merenzao, pero van camiño de ter o viñedo de merenzao “máis grande do mundo”, ironiza Carlos. Serán dúas hectáreas que incrementarán a produción a 3000 ou 4000 botellas que por agora van destinadas esencialmente a un mercado gourmet. En Ronsel do Sil fan 2.300 botellas, “nun estilo moi artesanal”, afirma Yravedra, e procurando preservar a cor lixeira que define o seu Alpendre, algo que esixe unha atención continua durante o proceso de vinificación. Son viños que se distribúen esencialmente en enoteca, son caldos para connoiseurs.
Maria José Yravedra teno claro: “é o futuro de Galicia, porque é unha variedade aínda non globalizada, que non se atopa en Australia nin en Napa Valley. Temos que crer nela como protagonista”. “É un viño para presumir”, sinala Carlos López Otero. Non será doado crear unha mercadotecnia para este merenzao, sen embargo, aínda que a todos os bebedores de viño con que o catamos dixeron que era excelente. “Non é un viño comercial”, afirma Yravedra, “non é un viño pret-à-porter, é un viño fóra das modas. É coma un deses traxes rexionais que gardaba a túa avoa nun baúl do faiado”.
Agradecementos: Vide Vide!
Fotos: Sole Felloza
Tres merenzaos para explorar
Capricho de Merenzao.
Adega: Ponte da Boga S.L.
Anada: 2010
Variedades: Merenzao (85%), 5% Sousón, 5% Brancellao, 5% Mencía
Prezo: 22 euros.
Alpendre
Adega: Ronsel do Sil
Anada: 2011
Variedades: Merenzao
Prezo: 22 euros
Algueira Merenzao
Adega: Algueira
Anada: 2010
Variedades: Merenzao
Prezo: 25 euros

E onde pode facerse un cun deses tesouros?
En Compostela, en Vide Vide! telos seguro. Na Coruña supoño que nalgunha viñoteca especializada…
Alpendre probado: fóra de serie, delicioso. De paso collín un Panchín branco e tamén o pasamos pipa ata que acabamos con el; tanto, que xa recunquei no pedido. Gracias pola recomendación, unha vez máis.