The Grand Budapest Hotel: o cine encantador

Pensas moitas cousas cando ves The Grand Budapest Hotel, a última película de Wes Anderson. A primeira, sen dúbida, é a notable ausencia de comedias no cine actual, de grandes comedias; preséntanse como tales ás veces lamentables remedos de drama que supoño que a distribuidora tenta camelar como pasatempos divertidos a base de montaxes enganosos para trailers. A segunda, a capacidadee do cine contemporáneo, coa súa riqueza tecnolóxica, para crear mundos que sobardan o cinematográfico e xeneran un enorme pracer estético. The Grand Budapest Hotel é un divertidísimo soufflé cinematográfico, con grandes notas estéticas. Baseado nos libros de Stephan Zweig, segue o ronsel de tantas e tantas creacións culturais (desde a banda deseñada ata a novela) que recrean un imaxinario país de Centroeuropa nalgún momento entre o último tercio do XIX e a II Guerra Mundial, un país que ten cousas de Austria, de Chequia, de Hungría… A elección do periodo de entreguerras para a acción contada en The Grand Budapest Hotel é tamén interesante, porque nesa época xa a moda dos enormes hoteis de luxo estaba pasando. De feito, alguén refírese ao conserxe Gustave H (Ralph Fiennes) como alguén que xa actúa “fóra do seu propio tempo”. O resultado é unha marabillosa xoia de ambientación, na que poucas cousas fallan e que consegue ser, ante todo, encantadora en todas as dimensións desta palabra.

Nota: recomendo prolongar a experiencia no web na Academia Zubrowka.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *