Crónicas Mundanas: O Instante Decisivo

E non vou parodiar ao célebre fotógrafo Cartier Bresson, quen empregaba o “instante decisivo” para definir o momento no que a fotografía pode ser. Vou falar doutro instante, en concreto. Resulta que descubrín unha nova medida temporal que se podería situar entre o segundo e o minuto. Chamaríalle terrazo, e defíniríao como o intervalo de tempo que tarda un hosteleiro compostelán en montar a terraza do seu bar en canto o céo nos agasalla cunha raiola. Ese momento de baixar ao rocho onde se apilan mesas e cadeiras canda as caixas de tetrabriks de leite e as de aceite de oliva e dispoñer eses dispositivos captadores de luz que son as terrazas dá o sinal de que algo semellante á primavera pode estar chegando a Compostela.

Está claro que non sempre é así. O tempo en Compostela, a xulgar polos últimos anos, é máis involucionario que evolucionario, un artefacto climático profundamente conservador que é capaz de deixar sen palabras ata os máis porfiados reivindicadores “daqueles invernos de antes que si que eran invernos”. A terraza compostelana, estimulada como a do resto do Estado polas prohibicións de fumar, convírtese deste xeito na avanzadilla máis temperá da primavera, superando á explosión de cor das máis impacientes das xestas ou desde logo moito antes das anduriñas.

Pero hai outra máis. Sentina o outro día mentres tomaba un refresco nun paradoiro habitual meu, o San Jaime. Un hosteleiro lle dicía ao outro que onte chegaran os primeiros grupos, que os viran el. Esas primeiras avanzadillas xaponesas ou cacereñas que marcan na cidade vella o cambio de estación. Imaxineime os hosteleiros compostelanos subidos a unhas altas torres, explorando con catalexos a chegada de autobuses procedentes de Cambados, A Coruña ou Madrid, e asubiando uns aos outros o inicio da tempada de pesca, igual que se facía nos caladoiros de bacallao.

Pero eu tamén emprego aos peregrinos para identificar a chegada da primavera. Cando vexo na Praza do Obradoiro, no medio dunha brisa inclemente que trae bolsas de aire húmido e traizoeiro do Sarela e do Pedroso, cando vexo, digo, o desembarco crecente de peregrinos en camiseta e pantalón curto, que descansan durante unha hora deitados na fría pedra que puliron os currantes do Mestre Mateo, decátome de que isto das estacións é un asunto que, no fondo, depende máis da vontade dun mesmo que do que nos receiten a sección O tempo do telexornal. Propóñolles que fagamos un crowdfunding para o vindeiro ano e bauticemos á última cicloxénese como Anduriña xeitosa, ao estilo vintage das orquestras compostelás dos 70. Vendo outras políticas turísticas de cidade que se descubren por aí, igual non parece tan descabellado.

Publicado en CompHostelería!, marzo de 2014.

Sé o primeiro en comentar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *