Nas viaxes, nada hai mellor que leirear, como di unha amiga: é dicir, deixarse perder por camiños pequenos, guiados por indicadores que non se comprenden totalmente. Así nos pasou e grazas a iso localizamos un bosque encantador nas proximidades de Reims: o Forêt Domaniale de Verzy, máis coñecido como o lugar das Faux de Verzy. Naquel bosque, antano fogar dunha abadía, sobrevive un patrimonio vexetal único: aquí está a maior concentración en Europa da Fagus sylvatica var. tortuosa, un tipo de faia que poderiamos traducir pedestremente como Faia Retorta, que é digna de ver. A especie está protexidísima, e o sendeiro, que non ten ningún tipo de dificultade, permite achegarse a elas e sorprenderse co estrutura da árbore, que deu lugar a numerosas lendas medievais.


A árbore esténdese ao ancho para tentar coller cada vez máis luz, formando unha sorte de campás ou mesmo casas baleiras no seu interior. É como se a árbore creara unha tenda de campaña para ela mesma.

Ubicadas no medio dunha fraga -xa que logo, con moitas máis variedades-, a súa aparición no medio dun frondoso bosque lembra a un xigante que se camuflara cunha manta de verdor e xogara ás pantasmas cos nenos. A Fagus Sylvatica tortuosa é tan escasa que, segundo a Wikipedia, só existen 1500 exemplares en Europa. En Verzy está a maior concentración desta vulnerable e fermosa especie.

Pero houbo un detalle que nos alucino na configuración deste sendeiro, e era a súa adaptación para distintos tipos de persoas e, de maneira especial, para discapacitados. Ollade este vídeo e mirade que marabilla (os dentes póñenseme longos):
Fotos: Sole Felloza

Be First to Comment