O río Ulla e a Terra de Iria á luz das súas fortificacións: conferencia no Casino de Padrón este venres 14

Estou preparando unha conferencia que había moito tempo que tiña gañas de dar, aínda que sexa para organizar unha gran cantidade de información que teño ao respecto. Púxenlle como título O río Ulla e a Terra de Iria á luz das súas fortificacións, e organízaa o Instituto de Estudos Irienses no Casino de Padrón este venres 14 ás 20:00 (entrada libre).

O río Ulla permítenos crear un escenario que ás veces é fronteira, camiño, canle de comunicación e eixo transformador dun territorio que ocupará unha centralidade económica e política no país durante a Idade Media, debido á súa proximidade a Compostela, unha centralidade simbólica durante a Alta Idade Media (o único bispado non desmantelado polos musulmáns, en teoría), unha centralidade loxística durante o Imperio Romano (posible punto de finalización ou de inicio da romanización, vía de entrada comercial de produtos suntuarios), e unha centralidade por oposición durante a Idade do Ferro (confluencia fronteiriza de alomenos dous pobos, e pode que máis). Así que un pouco o obxectivo da charla é pensar o río como un profundo axente dinámico ao longo da súa historia e como ao seu redor atopamos monumentos (presentes ou ausentes) que evidencian ese dinamismo.

Vou poñer aquí catro exemplos para abrir boca:


O Castro de Bexo

O Castro de Bexo ten un carácter profundamente dual: ubicado nas condicións precisas para ser creado na I Idade do Ferro pero coas estruturas monumentais e a profunda artificialización do territorio dun sofisticado oppidum da II Idade do Ferro, como acontece cos grandes oppida do norte de Portugal. É o castro máis grande da área pero tamén o de estruturas máis complexas, que evidencian o tratamento arquitectónico da topografía da montaña como un todo orgánico. E máis dualidades: é un castro profundamente maltratado pola acción forestal que, sen embargo, conserva áreas case inalteradas ao longo dos séculos.


O Castelo de Chenlo (Valga)

Dominando a entrada á Terra de Iria, este é un exemplo clásico das motas galegas no seu mellor estilo “pratiño voador”. Mota artificial de notable altura rodeada dunha muralla circular e un foxo. Como moitas destas fortificacións medievais que estamos a localizar, a súa visibilidade é relativamente reducida, máis ben é “puntual” e vinculada, moi posiblemente, ao control do Camiño de Santiago que pasa aos seus pés. Neste caso, as evidencias de ocupación medievais son moi claras, pero a súa cronoloxía, alén disto, é difícil de establecer por agora.


Conxunto arqueolóxico da Mouraza Grande. (Rois)

En Rois, tamén moi vinculado a un control viario de acceso ao val de Iria, atopamos este enigmático conxunto arqueolóxico, conformado por unha mota altomedieval dun único recinto (os amigos, de cachondeo, a este tipo de motas sen elevación interior chamámoslle ‘castrimotas’) na zona norte (cota superior), un castro clásico do Ferro II (cota inferior) e un enigmático sitio arqueolóxico rectangular no centro chamado A Mouraza Grande do que falarei na conferencia. Unha forte presión defensiva e cultural sobre este camiño, que se complementa con outra fortificación medieval próxima.


A Rocha Branca e a súa estraña ‘irmá’

A Rocha Branca (o castro da dereita) foi o refuxio dos bispos de Iria desde tempos inmemoriais, pero a partir do traslado da sé a Compostela, a Rocha Branca foi pouco a pouco transformarse nun lugar de lecer para os bispos ata ser, a finais do XV, “a casa máis fermosa do Reino”, que diría unha testemuña do pleito Tabera Fonseca. Pero nas descricións do XV non aparece este marabilloso fósil que vedes á esquerda, un castro dun tamaño similar á Rocha Branca, a escasos 30 ou 40 metros do castelo dos bispos. Non deixa de parecer unha destas arquitecturas das ‘capitais de reinos’ irlandesas, na que o recinto está conformado por varios rath circulares. Estamos falando de xacementos sempre separados no tempo ou nalgún momento formaron parte do mesmo conxunto?

Todo isto e moito máis o venres que vén, 14 de marzo, no Casino de Padrón ás 20 h. :-)

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *