Zárate Tras da Viña 2004: ouro líquido

Zárate é un apelido sinónimo de calidade e bo facer nos viños do Salnés. Este Zárate Tras da Viña 2004, vinificado a partir dunha parcela de 0.6 has a partir de cepas prantadas nos 70 é un auténtico canón de viño, unha explosión de notas salinas, minerais, e tonos equilibrados, balanceados. Quedan moi poucas botellas deste albariño de dez anos que segue conservando unha acidez impecable e lonxeva. Coñecino grazas a Eva Pizarro, na sesión que impartiu con Iago Castrillón e que tiven o pracer de moderar, sobre a “nova tradición” galega de sala. A botella abriuse o luns para o Fórum gastronómico e hoxe aínda probei no restaurante unha copa desa botella: impresionante a evolución só en dous días dun viño dunha lonxevidade magnífica. Unha demostración máis de que cos albariños, como dixo Eva Pizarro, estamos continuamente cometendo “infanticidios”.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *