Fórum Gastronómico: As impresionantes leccións de Josep Roca


Foto: Xurxo Lobato

O Fórum Gastronómico A Coruña 2014 está a ser un gran éxito de público. Hai moitísimos eventos e actividades, e tempo haberá para analizalas. Pero quero deixar constancia dunha, posiblemente a máis emocionante que vivín: a de Josep Roca, o sumiller do Celler de Can Roca. Vinte e pico viños, sen tempo nin axenda, e el propoñéndonos un marabilloso percorrido mariño que comezaba en Xeorxia -na viticultura máis vella do mundo- ata o Atlántico. Puiden catar viños impresionantes, fermentados nas tinaxas de barro, con notas terrosas profundas. O percorrido -non vou aquí anotar todos os viños, sería imposible- levounos ata Exipto, ata Sicilia, ata Cataluña, Madeira, Porto…o nexo de unión xa non eran os patróns organolépticos que un agardaría nunca cata convencional -proximidade nos aromas, nos gustos, nas elaboracións…non. Roca xa está por riba do ben e do mal: Josep era quen de sacar binomios terra/mar, bocoi/barro, montaña/val que ían moito máis alá das ríxidas etiquetas da cata convencional.
El falaba de equilibrio, de harmonía, de profundidade, de sensacións laterais. Ir a unha cata de Josep Roca é abrir o espírito co viño: en serio, é unha experiencia esencialmente emocional, máis que técnica, levada da man do viño como intercesor entre a materia e a imaxinación, entre a terra e o home. O viño como interfaz coa vida.

A súa preocupación actual está na historia do ivño, no que o viño representou para as diferentes culturas; está na procura do esencialismo, do que fai ao viño unha máxima expresión cultural. Na casa, afirmou, ten viño da tumba de Tutankhamon. O viño estaba ubicado en tres posicións simbólicas distintas. Están estudando como rehidratalo para tentar reconstruír e saber a que sabe. Son circunstancias incribles. O último viño que probamos, Trafalgar, é un xerez de 200 anos. Só un belisco, un sorbo, e aquelo foi como unha tormenta bélica, pura pólvora, caldo ingobernable que te sacudía entre tufos de explosión.

Unha cata que non esquencerei na vida.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *