A marabillosa historia da espada de Brandomés

Last updated on 12 / Febreiro/ 2014

Colaboro co equipo fantástico de profesores e alumnado do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, liderado por Séchu Sende, nas súas actividades de recuperación do patrimonio local. Teñen feito un traballo magnífico co conxunto de mámoas de Oirós. Por conectar o territorio co pasado e coa mitoloxía, o ano pasado faleilles das espadas da Idade do Bronce depositadas no río Ulla, un conxunto magnífico descuberto ao longo de décadas. O que quería era ilustrar a relación entre os mitos e as realidades arqueolóxicas, neste caso cunha mitoloxía de gran potencia que os rapaces e rapaces ben coñecían, como a artúrica.

Cal sería a sorpresa dos profes cando nun proceso de recollida de tradición oral, no lugar de Brandomés (parroquia de Brandariz, Vila de Cruces), unha das rapazas localizou unha lenda impresionante de boca de varios veciños e veciños do lugar (por certo, famoso pola súa empanada, segundo a Wikipedia). Apareceron dúas versións:

Nunha delas, a espada, de ouro, guindouse ao río despois da morte dun guerreiro. A outra version di que no fondo do rio Ulla hai unha espada, no lugar coñecido como o Tesouro.

É posiblemente unha das escasas, por non dicir únicas (nisto é mellor non dicir únicas, as singularidades cárgaas o demo) mostras de lendas populares na Europa atlántica, vivas, que falan do ritual do depósito votivo dunha espada asociada a un guerreiro. O achado é tan fascinante que é unha mostra de por que hai que seguir recollendo tradición oral. Aquí tedes máis información. E xa vos adianto que o conto non acaba aquí. Hai unha segunda parte que é aínda moito máis emocionante, unha parte na que a maxia e a realidade xúntanse…

Por certo, os rapaces do IES do ciclo de forxa, asesorados polos arqueólogos Marcial Tenrreiro e Bea Comendador, van reconstruír as espadas de bronce do Ulla e van facer unha festa para depositar, alomenos unha delas, de volta no río, na primavera. Eu xa encarguei unha espada para min e asegúrovos que tentarei estar alá para contalo. ;-)

5 Comments

  1. Pancho-Lapatianco
    11 / Febreiro/ 2014

    Moi moi interesante. E non é por amolar, Manuel, pero ¿non che será, como está ben documentado pola antropoloxía, outro caso de “lenda” recreada no imaxinario popular, a raíz de ter escoitado falar destes achados arqueolóxicos?. Non é que o fagan apropósito claro.
    Tedes un exemplo cercano e parecido nos contos desa señora de Mallou, que ten relatado Sole, que contaba contos de Anxel Fole que tiña aprendido de nova, como se foran “de toda a vida” (e non deixaba de ter a súa razón, claro).
    Visto quen forma o equipo, non dubido que a cousa sexa certa, pero sería bon afondar no asunto. Quizais xa o aclares nas próximas entradas, e eu estea a falar de máis.
    En todo caso, noraboa a todas por esta nova iniciativa. O de facer reproduccións cas cativas e cativos, magnífico.
    Saúdos.

  2. 12 / Febreiro/ 2014

    A ver, Pancho. As lendas non chegan inmaculadas desde ningún tempo, e que eu saiba, non digo en ningún momento no texto que a lenda chega da Idade do Bronce. Son elaboracións “líquidas” ás veces mil voltas readaptadas. De aí que os mouros acaben por ser franceses e mesmo alemáns…como é obvio e evidente, interpretar as lendas ao pé da letra é un erro, pero o que hai que facer é mirar é un pouco máis lonxe e preguntarse por que existe esa lenda cabo do río. Sexa vella ou sexa mesmo unha elaboración a partir dos relatos artúricos que tanto gustaban na Galicia medieval ou mesmo un relampo da época da Guerra da Independencia, ou por outro motivo, o asunto é igual de interesante porque o que temos aí é unha lenda enormente singular que se relaciona cos achados arqueolóxicos dos que seguramente esta xente nin sentiu falar. Creo que en ningún sitio do texto digo que esa lenda ten tres mil anos: hai que ler un pouquiño mellor ou presupoñer/imaxinar algo menos. ;-)

  3. 12 / Marzo/ 2014

    Precisamente nas entrevistas que me fizeram os rapazes do Instituto de Vila de Cruzes quando se puseram em contacto comigo expressara essa relação entre a interpretação de achádegos casuais de armas nas águas no passado e a possível origem de lendas como a arturiana

    Em espero breve sairá o texto no blogue do projeto dessa entrevista onde se explica algo mais isto, pelo momento deixo-vos um textinho muito breve sobre esta lenda e outra na que aparece uma espada junto com os nossos eternos mouros ;-)

    http://archaeoethnologica.blogspot.com.es/2014/02/espadas-aguas-e-mouros-duas-lendas.html

    Um Saúdo

  4. 12 / Marzo/ 2014

    Errata: Na entrevista, …só uma JeJe ;-)

  5. 7 / Novembro/ 2015

    Aparecen unhas covas estrañas en brandomés

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *