Explorando os viños de Barbanza e Iria con video a 360º

Estes días estou preparando unha reportaxe sobre os viños de Barbanza e Iria para o vindeiro número da revista Benbo. Nesta pequena indicación xeográfica hai xentes ilusionadas por sacar adiante uns viños interesantes e por procurar unha singularidade e un espazo para este histórico territorio dentro do conxunto da oferta de viño galego.

Aproveitei para probar un gadget que me chegou hai quince días, e que por mor deste tempo lamentable, non puiden aínda probar decentemente. De feito, a chuvia continua durante as horas libres que teño impídeme explotar o gadget co rendimento que lle quero tirar. Pero aproveitei as visitas de hoxe para comezar a explorar as súas aplicacións.

Trátase do GoPano, un sinxelo gadget que, anexo ao iPhone, permite obter videos interactivos de 360º que podes explorar en calquera dirección mentres a acción vai circulando (ou mesmo se os paras). A calidade do vídeo non é moi aí aí porque hai que ter en conta que o que fai é “enganar” á óptica do iPhone, canalizándoa dentro da imaxe que el proxecta. Precisa máis luz da que hai estes días, pero está ben para explorar.

Ben, antes de seguir, mellor que experimentedes por vós mesmos. O primeiro vídeo é con Francisco Crusat, propietario da casa de turismo rural Entre os Ríos e a adega Altares de Postmarcos, na Pobra do Caramiñal. Crusat é un gran dinamizador do deporte e a empresa no Barbanza. O vídeo permítenos seguir as súas explicacións de como está estruturado ese fermosísimo micromundo acuático no que el vive.

Estoutro vídeo permítenos coñecer a Antonio Saborido, un colleiteiro que nos levou a ver as míticas viñas de Xirpín, alí onde a uva raposo -un marabilloso patrimonio enolóxico de Galicia- ten aínda cepas de 150 e 200 anos.

A principal reflexión e interese deste tipo de vídeo é: para que vale? É dicir, que avantaxe ten sobre o vídeo convencional? Aínda quero exploralo moito como formato, pero claramente non é un substitutivo da montaxe. É dicir, este tipo de vídeo non se vai cargar o sistema plano-contraplano dunha entrevista, ou similar. Pero si que pode ter certos usos, especialmente usos inmersivos, ou cando queremos evitar o “dirixismo” da montaxe para que o usuario/espectador teña unha interpretación máis aberta do que está pasando nalgún lugar. E logo claro, este tipo de vídeo funciona ben en experiencias que ocorren completamente ao teu redor: experiencias naturais, festivais, etc., porque se aproxima á percepción natural dos espazos. En todo caso, este aína é o priemiro paso. Precisa máis calidade, e precisa máis exploración e usos desde o punto de vista narrativo.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *