Tiven a sorte de ver como Sole Felloza evolucionaba fotograficamente -xa directamente como animal dixital- desde unha mínima Nikon CoolPix ata hoxendía traballar profesionalmente con boa parte dos cociñeiros de referencia de Galicia en temas de fotografía gastronómica, aproveitando os seus coñecementos culinarios coas técnicas fotográficas. Nada mellor hai que fusionar mundos de coñecemento. Aínda que xa tiña hai moitos anos un pequeniño blog fotográfico chamado ISO400 -unha homenaxe irónica á necesidade de empregar alta sensibilidade para fotografiar as ausencias de luz dos invernos galegos-, agora transformouno nun delicioso escaparate do seu traballo no ámbito da fotografía gastronómica, de viaxes e sobre o patrimonio cultural. Fotografía realista e cun estilo propio: case todo se prepara previamente e o tratamento e o retoque dixital posterior son mínimos. Aínda faltan moitas cousas por meter, pero paga a pena xa perderse nos proxectos, poñer pantalla completa, e morrer de fame ou de escaparse polo país adiante! Aquí podes ver o ISO400.

Be First to Comment