O novo boom do escumoso galego

Last updated on 27 / Decembro/ 2013

De xeito moito máis modesto e experimental que en décadas anteriores, o mercado recibiu este Nadal de golpe máis de dez marcas de viños escumosos galegos, liderados por adegas das Rías Baixas que se apoian no albariño como a Champaña na pinot noir para os seus caldos de burbullas. Se non é un boom, paréceselle moito. Conseguirá gañar a carreira dos mercados esta nova vaga de viños escumosos galegos?

Publicado orixinalmente na revista Benbo nº 2. (abril de 2013)

A paixón da viticultura galega cos espumantes é unha historia cíclica de tentativas e fracasos. Nos anos 20 producíanse en Galicia alomenos dous viños escumosos, o “Gran champán Galicia”, producido no Val Miñor (Pontevedra), e “Gran champán Gulías”, feito na zona de Beariz (Ourense), pero fáltanos aínda moita investigación para coñecer o alcance real da produción e impacto dos escumosos do país antes da Guerra Civil; será nos 80 cando se viva unha euforia de consumo interno, coincidindo coa moda galega e a movida: a presentación do escumoso Fin de Siglo, por Bodegas Lapatena, do Grupo Arnoia, no Ribeiro, e que se vivira case con fervor patriótico pero que non sobreviviu no mercado.

Tras varias tentativas entre os 90 e a década do 2000, o mercado viu este Nadal a presenza de alomenos dez novas marcas galegas dispostas a levar as burbullas á mesa. As adegas da D.O. Rías Baixas son por agora as máis emprendedoras con estes complexos viños, e o albariño é o varietal máis empregado, recollendo a testemuña da D.O. Valdeorras, pioneira nestes viños na década pasada.

Sin embargo, este boom actual está lonxe das 300.000 botellas que disque comercializara o Grupo Arnoia daquel Fin de Siglo. Un pioneiro do viño escumoso galego, como Burbujas de Baladiña, de Lagar de Besada, no mercado desde o ano 2006, comercializa unhas 3000 botellas, por exemplo. O resto dos elaboradores móvense nesa media.

Aínda que hai moitas hipóteses sobre por que agora, do que non hai dúbida é que o viño galego leva varias décadas de profesionalización e, se cadra, é neste contexto de certa madurez da industria pero tamén dos mercados onde os adegueiros procuran novas vías para abrir mercados e gustos. O asunto é tan novo que os regulamentos das denominacións de orixe non amparaban esta produción, malia existir de feito nalgunhas adegas dos distintos territorios vinícolas. Deste xeito, Rías Baixas decidiu amparar os espumosos en 2009, pero o Ribeiro non o faría ata 2012.

Unha cata colectiva

Para coñecer en profundidade as características desta nova xeración de escumosos galegos, reunimos nun dos centros da cultura do viño de Compostela, La Bodeguilla de San Lázaro, a catro profesionais do servizo e divulgación do viño en Galicia: Javier Míguez, propietario das Bodeguillas e membro da Asociación de Sumilleres Gallaecia, Eva Pizarro, a sumiller do restaurante Acio (premio a Restaurante Revelación 2013 en Madrid Fusión), Antonio Portela, divulgador do viño e o xornalista Xosé Ramón Pousa.

Na cata probáronse os brut, seguidos dos brut nature e dalgunha elaboración tinta escumosa. Unha significativa parte dos viños, como diciamos, estaban elaborados a partir de uva albariño. Antonio Portela convidou a soñar tralos primeiros grolos. “Unha uva de tanta calidade coma o albariño non pode estar limitada aos viños tranquilos. Co tempo chegarán moitas estilos”, sinala. “Eu vexo un gran futuro en dez anos no mercado interior”. A maior parte dos catadores coincidían no albariño como un dos varietais con maior potencial.

Os catadores observan polo xeral a pequena cantidade de gas carbónico presente en boa parte dos viños e, en xeral, a pouca presenza dos varietais e da súa expresión nos viños catados. Boa parte deles coinciden en que os brut parecen respectar máis o terroir, que os brut nature, se cadra gasificados en exceso. “Non son viños especialmente alcólicos”, observa Javier Míguez, quen reflexiona sobre os cambios no consumidor e en como poden encaixar estes viños nun cliente de restauración: “Na miña experiencia é que nos 27 anos que levo, cada vez véndense menos escumosos”. Eva Pizarro, sumiller do Acio, matiza o comentario: “eu creo que o cliente si cada vez demanda máis viños escumosos para comer, pero é un cliente dun nivel e dunha esixencia e dunha cultura do viño moi alta. Pode preferir un champagne para comer, pero non viños máis sinxelos”. Para Xosé Ramón Pousa, o encaixe destes viños na cultura enolóxica do país non é doado: “somos unha cultura gastronómica de moi bos brancos, e non é fácil entrar con algo novo aí”.

Un dos que chaman máis a atención dos catadores é o Señorío de Rubíos brut, das adegas Coto Redondo, no Condado, elaborado a partir dun plurivarietal de brancas tradicionais do Rosal. “Eu non creo moito nos cavas monovarietais, creo que hai variedades minoritarias que poden combinar moi ben”, sinala Xosé Ramón Pousa. Tamén o Burbujas de Valadiña, no que se aprecian notas grasas e complexas, marca un punto de inflexión na cata, se ben o seu prezo (sobre os 25 euros /botella) faino pouco asequible para o público.

Nin champagne nin cava

Polo xeral, os catadores coinciden en que non é posible comparar as diferentes realidades vitícolas de escumosos: estes escumosos galegos non son nin Champagne nin cava catalán. “O proceso aquí é ao revés que en Cataluña: aló os produtores de cava fan viño tranquilo de xeito minoritario, e aquí é ao revés”, sinala Pousa. “Como champagne non hai nada igual”, afirma Eva Pizarro, “e hai que evitar esa comparación”.

“Cando comezaron os albariños con crianza, eran difíciles de beber”, indica Antonio Portela, “porque eran os primeiros anos. Cando pasou ese tempo, eles aprenderon a traballar con madeiras e hoxe chegas a un nivel de sutileza enorme”. “Esperemos dez anos por estes escumosos”, sinala Antonio Portela, “eu véxolles máis futuro que o cava”.

Se a viticultura é un camiño, desde logo a elaboración de escumantes é unha senda que é lenta de percorrer. Os catadores coinciden na frescura, na acidez, pero tamén en que son primeiras tentativas que deben evolucionar no tempo, aprender, ter retrospectiva sobre si mesmas e evolucionar.

Sobre o envellecemento

“Fixémonos nun detalle, sabemos que os champagne son valorados pola súa complexidade e finura namentras envellecen”, indica Portela, “e sabemos que co albariño pasa exactamente o mesmo, que envellece de xeito moi noble”. Os viños catados non permitían apreciar esa dimensión futura que tan clave é para determinara a nobleza dunah variedade e elaboración. Non se pode saber se non tes un mirador ao futuro. Pero tivémolo.

O último viño escumoso da sesión non se atopa no mercado, pero con diferencia é o máis singular: a finais dos 80 a cooperativa do Ribeiro elaborou un viño escumoso con treixadura que non chegou a comercializar, pero que a adega custodiou e só abre de cando en vez. Este escumoso de treixadura, de vinte anos ben pasados, foi a auténtica sorpresa da cata. “Estanos falando do potencial de envellecemento de variedades como a treixadura”, sinala sorprendido Javier Míguez, “con notas de mazá madura, un corpo excelente”. Todos coinciden en que este viño sen etiquetar, con máis de vinte anos de antigüidade, revélase coma o máis estruturado e complexo de toda esta cata. “Agora estou vendo o futuro dos escumosos galegos”, sinala Eva Pizarro.

VIÑOS CATADOS QUE SE ATOPAN ACTUALMENTE NO MERCADO

Mar de Frades Brut Nature
Eidosela Burbujas del Atlántico
As Laxas Sensum
Burbujas de Baladiña (Lagar de Besada)
Feitizo
Nande (tinto)
Señorío de Rubiós (Brut e Brut Nature)

One Comment

  1. 26 / Decembro/ 2013

    Saíron algúns máis novos para este Nadal, pero non tiven tempo de catalos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *