Un testamento, as ausencias e as presenzas

Última actualización o 13 / Decembro/ 2013

Escribín hoxe unha reportaxe para culturagalega.org sobre a recente edición do testamento do Mariscal Pardo de Cela a cargo de Eduardo Pardo de Guevara; o historiador avanza que continuará traballando na comprensión deste valioso documento e outros datos que xa está a manexar sobre tan controvertida figura da nosa Historia. Podes consultar a reportaxe aquí.

O documento (que aínda non está dispoñible na rede) pode resultar frustrante para quen estivera considerando atoparse cun discurso prebélico de William Wallace. Non o é nin o podía ser: un testamento é un coñazo de documento pensado para a distribución de bens, un texto de carácter administrativo destinado a ordenar un estado feudal, un conxunto de bens, propiedades, obrigas e débebas entre familiares. Sen embargo, sorprende a cantidade de información tanto explícita como implícita que ten o testamento. A explícita xa saiu máis ou menos publicada nos medios de comunicación desde que se coñecera a noticia: a existencia dun fillo ilexítimo chamado Xoán, o posible enterramento dO Mariscal no convento de Viveiro, a data errónea de conmemoración da súa morte (que debeu ser a primeiras de outubro de 1483) ou un dato interesante como que a súa prisión foi nunha “cámara” da casa dun coengo da catedral.

Sen embargo, os datos implícitos, os que se len entre liñas por quen ten moita práctica de interpretar este tipo de documentos, son bastante máis chamativos, e eu case engadiría inquedantes. O primeiro, é o feito de que o Mariscal Pedro Pardo de Cela tiña moi poucas propiedades en relación aos grandes nobles da época. O seu peso, o seu importante peso político na Galicia do solpor dos grandes señores feudais, era sobre todo político e simbólico, algo insólito pero un dato ben fundamental. O Mariscal sustentaba o seu gran peso na época en si mesmo, no seu prestixio feudal. O segundo elemento inquedante do testamento son as testemuñas que figuran presentes no testamento. Hai que entender o que representa un testamento para un nobre galego da época: é o documento que garante e testemuña a sucesión da liñaxe, da casa, do poder simbólico do apelido e do sangue. Os testamentos dos grandes nobres eran refrendados polas máis importantes testemuñas do reino: as altas dignidades eclesiásticas, os familiares do testamenteiro, pero tamén os xefes das casas nobles amigas. O testamento era un documento fondamente social, fondamente ideolóxico, enmarcado nunha visión do mundo baseada na herdanza e na transmisión estruturada do poder e do seu reparto entre catro familias.

A diferencia doutros documentos previos asinados polo Mariscal, no aparentemente protocolario testamento de Pardo de Cela a penas hai alusión ao Rei, e o nobre lugués non se define como vasalo real, algo bastante atípico. Pasada por alto a referencia á monarquía, non podo menos que persoalmente pensar nun Pardo de Cela que xa non se considera vasalo real (como para considerarse!). Pero o máis chamativo son as testemuñas. Canda un grupo de prebendos da catedral de Mondoñedo, chega a quenda dos seglares. Aquí van:

“Gil de Baracaldo, et Juan Sánches de Carión, clérigo de la diócesis de Palençia, et Miguel Sanches de Bobadilla, et Galor de Baçan, et Christóbal de Mata e Pero Xaramillo, escuderos et criados del rey, nuestro sennor.”

Pardo de Guevara decátase do sintomático que é isto: non hai un só galego entre todas estas testemuñas laicas, malia asinarse en Mondoñedo, e malia ser o habitual contar con estas testemuñas. O nobre, custodiado por casteláns foráneos, asinará o seu último documento aillado da súa propia sociedade. Guevara sinala que no testamento non figuran fórmulas e sistemas destinados a engrandecer e potenciar a liñaxe trala morte do señor, algo frecuente nestes documentos. Podemos interpretar a historia de Pardo de Cela como queiramos, pero esa ausencia de galegos, mesmo de futuro, nas horas finais do Mariscal será todo un presaxio de todo o que virá despois.

4 Comentarios

  1. José B. Méndez Padín
    13 / Decembro/ 2013

    Parece dar a entender, tanto este artigo coma o de culturagalega.org, que coa morte de Pardo de Cela se perdeu case a “esencia” de Galicia, ou parte do seu poder. Cando realmente non é así. Igual é errónea a miña interpretación, pero é a impresión que dá.
    Saúdos.

  2. 13 / Decembro/ 2013

    Ola, José. Non me refería a “esencias”, senón máis ben á perda efectiva de poder político da nobreza galega a partir deste momento.

  3. José B. Méndez Padín
    13 / Decembro/ 2013

    Cos Reis Católicos tódolos nobres de “España” perden poder, porque os reis buscaban a centralización do mesmo, non a gran fragmentación feudal tan importante nos séculos anteriores.
    Os nobres buscaban o interese propio, non da “comunidade” na que vivían. Así o mostran, por exemplo, as revoltas como a irmandiña.

  4. Airas
    15 / Decembro/ 2013

    Os nobres buscaban o interese propio como fan as élites locais en calquera lugar do mundo e en todos os tempos, mais eran elites nacionais que concibían os seus intereses desde un imaxinario local non castelán. E como en calquera lugar do mundo no que a monarquía castelá se tratou de impor as elites foron cooptadas, destruidas ou asimiladas…Os dirixentes incas, aztecas, os caciques dos pobos orixinarios do Caribe e tantos outros supoño que pensaban no interese propio tamén. Ademais o fenómeno é particular da Coroa de Castela e León, na de Aragón, máis federalizante e avanzada politicamente o proceso non se deu así. En Galiza tamén supuxo a centralización e substitución case total das elites eclesiásticas e a substitución lingüística, durante varios séculos deixou practicamente de haber cargos eclesiásticos ostentados por xentes do país. Os escribáns no século XVI víronse obrigados a ter que ser exminados en Castela e en castelán. Foi a finalización dun proceso de asimilación e colonización en toda regra e o reforzamento do carácter castelán do poder político exercido no país. Non tivo porque ser a historia así, o proceso de substitución do feudalismo podía darse de forma endóxena sen intervención allea se en determinados momentos as conxunturas históricas se resolvesen noutro sentido, por exemplo no século anterior na guerra entre Pedro o xusticeiro e Enrique de Trastamara onde foi derrotado o bando máis afín á burguesía, ao comercio e o que era apoiado polas grandes casas nobiliarias galegas. Foi o que foi, e a lectura desde o presente destacando o control da nobreza pola monarquía autoritaria castelá ou destacando o proceso de recentralización e desgaleguización responde a unha ollada desde o presente condicionada tamén pola maneira en que entendemos a Galiza do presente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *