Estes días descubrín dúas ‘sitcom’ que estou certo que farán as delicias dos irlandófilos que se pasan por Capítulo Cero. Divertidas, irreverentes, provocadoras: como nos gustan, vaia. Imos a por elas:
London Irish. Catro mozos irlandeses (2 mozos e 2 mozas) que, coma tantos outros do seu país, marcharon a Londres a buscarse a vida. Ben, estes non son, digamos, o prototipo de emprendedores. Alcólicos, parias, frikis e desleixados, estes catro irlandeses sobrelevan o tempo bebendo no pub do que son encargados entre pintas e affaires afectivos descalabrados. Esta comedia é bruta coma un arado, ácida e excesiva. O mellor, por suposto, eses momentos étnicos sabrosos que tanto nos gustan pola comparanza, coma eses pais que os deixan a dous quilómetros do aeroporto de Dublín para non pagar o parking (lémbrame ás historias que se viven agora coa nova terminal de Compostela) ou, por suposto, o maxistral protagonismo dun velatorio delirante xa no segundo episodio, para que saibamos de que pau van. Unha serie actual de Channel Four.
Por certo, unha vez que a vexades, non me digades que non molaba unha de galegos en Madrid.
2. Father Ted. Recomendoumo unha alumna e foi un gran acerto. A historia vai de tres sacerdotes que fican confinados a unha pequena illa irlandesa occidental para purgar unhas vidas licenciosas de máis. Aínda que levan unha vida cortés coa veciñanza, os tres están recluídos no seu pequeno mundo. Hai unha ama de chaves terca como unha mula e os tres curas son, cadaquén, máis peculiar: desde o máis vello, alcólico, roncador, roñador ata o máis novo, pánfilo, ateo, inocentón e sátiro cando lle deixan. A illa -outra vez masaxes étnicas- sufre de cando en vez a chegada de barcos ingleses que tiran a unha foxa submariña barrís de cemento con residuos radiactivos, a ver se vos soa. Ah, e o norte da illa decidiu marchar un bo día, pechado, iso si, de brétema. Marchou e non se sabe onde foi parar. Pero tranquilos que aínda quedan tres puntos cardinais.

Acábasme de alegra-lo día coa mención a Father Ted. O combo formado por Graham Linehan (responsable de IT Crowd, outro produto memorable, no que un irlandés ten tamén un papel protagonista) e Arthur Mathews acada nesta serie curtiña e asequible (só tres tempadas, non sei se desafortunadamente) o epítome dese aquel irlandés na televisión. Grazas!
-amazing!