La grande bellezza: cine fermoso de vez

Xa pasaron bastantes días desde que vin La Grande Bellezza e sigo tan conmovido como impresionado. Non son de escribir longas recensións cinematográficas. As miñas impresións ao respecto parécense máis ben a un telegrama que sempre se podería resumir na mesma frase: “Alerta, compañeiros e compañeiras!”. Máis que críticas son toques de atención. Pero lembro La Grande Belleza e véxome aínda conmovido, con capacidade para volverme sentar cun viño -se cadra cun bo Chianti, un bo viño do sur de Toscana, da miña querida Cortona, por exemplo- e dispoñerme outra vez ao espectáculo das vanidades e da vida que escorrega.

A película non prometía ao iniciar malia as expectativas que tiña postas nela, abofé. Aquelas primeiras escenas, cando as observamos co noso barato traxe de prexuízos do día a día, parecía un videoclip para maduros patrocinado por Martini. Ata que te das de conta de que entre escenas similares de La dolce vita e esta Grande Bellezza pasou por Italia a decadencia kitsch, hormonada, siliconada, das cortes formadas ao abeiro de Berlusconi. E isto é o primeiro que se lle agradece a Paolo Sorrentino: saber que a súa película sobre a vida mundana, as oportunidades perdidas e o baleiro tralo fasto só podía ser comprendida como unha secuencia que comeza máis alá del mesmo, en Fellini ou para min, innegable relación, co melancólico Bertolucci. La Grande Bellezza vai sobre o paso do tempo, a vida relaxada dunha corte romana na que a beleza da mocidade hibrídase coa decrepitude de gran poderío económico. O protagonista, o excelente actor Toni Servillo, interpreta a un xornalista de sociedade absolutamente brillante, e se non xa me dirán da entrevista á artista da performance. Pero este noctámbulo e vividor só gardará unha cousa do pasado: unha moza, un faro, e un mar.

La Grande Bellezza é un desafío visual, barroco, excesivo e fastuoso como a propia Roma. Pero alén do efectismo vibrante de imaxes incribles, unha tras doutra, a película introdúcenos nunha trama sobre homes, vanidades e tempo absolutamente imprescindible.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *