30 anos despois de Ouveade, naves de Tarsish!


Xoán Bernández Vilar. Foto: Facebook do autor

Como teño contado xa en moitas ocasións (en Herdeiros pola forza hai un capítulo dedicado explicitamente a iso), é máis que estraña a relación da literatura galega contemporánea coa nosa Historia. Dá a impresión de que a inspiración é como a memoria, profundamente selectiva, e entre os numerosísimos temas máis que atractivos do noso pasado, os escritores só se teñan interesados por momentos moi concretos. Cando se adentran en épocas pouco frecuentes para a nosa literatura -como a Idade Media- entramos nunha turbulencia de relatos ampulosos e semioníricos -perfectamente lexítimos, por outra parte- que se distancian da estrutura dunha boa novela histórica (e é imposible non pensar nas obras de Marguerite Yourcenar, por poñer un gran exemplo). Por suposto, hai casos e casos de todos oos tipos.

Por iso, se cadra non é casual que a mellor novela que se teña escrito sobre a Idade do Ferro galega cumpra xa trinta anos e sexa case inencontrable. Escribiuna o señor da foto, Xoán Bernández Vilar, posiblemente o mellor escritor de novela histórica vivo que temos en Galicia. En 1983, e hoxe tamén, a novela tiña un título bastante críptico: Ouveade, naves de Tarsish!, pero daba conta das teimas e intereses de Bernárdez Vilar que, a finais dos 70, xa se pateara o litoral atlántico de Europa na procura da comprensión do primeiro texto que fala de nós, de Galicia: a Ora Marítima. Como nos pasa a todos, o interese de Bernárdez Vilar pola Ora continúa e continuará toda a súa vida, e nestes días vén de presentar un novo traballo sobre este poema.

Lin por primeira vez Ouveade, naves de Tarsish! a finais da década dos 80. Eu era un neno e custábame entender ata o “ouveade”. Pero fiquei abraiado con aquela reconstrución dun mundo que nos rodeaba; Bernárdez Vilar anticipábase aos tempos ao representar, de aquela, o intenso tráfico comercial co sur da península, pero tamén ao construír as súas personaxes. Como en No ano do cometa, o protagonista é un antiheroe, un suxeito levado pola historia, botado para dentro, sen raiceiras claras. Representar aquel mundo sen a épica coa que moitas veces se dotaba a novela histórica pareceume un achado magnífico. Anos despois, volvendo a ler a novela, fun confirmándoo: o estilo cinematográfico, as frases curtas e directas. Aquel libro de Bernárdez Vilar era dunha gran modernidade. En trinta anos, poucas novelas para adultos, en galego, se volveron a escribir sobre a Idade do Ferro e ningunha, ao meu ver, coa calidade e o rigor de Ouveade, naves de Tarsish!. Eu podo dicir sen empacho que grazas a Ouveade eu escribín Vento e Chuvia.

Publicar un libro é un acto sempre cheo de sentidos, algúns confesos e outros non. Aos libros pásanlle como esas xoias históricas que as familias reais van transmitindo de xeración en xeración: ás veces o máis interesante é o que acontece ao redor do libro. No meu caso, agora que Vento e Chuvia xa chegou ás librarías galegas e está nos escaparates, podo dicir que se cumpre parte dun vello soño, en tempo e forma. Homenaxear a mellor novela que se ten escrito en galego sobre o mundo castrexo exactamente trinta anos despois da súa publicación. Grazas, Xoán Bernárdez Vilar.

6 Comments

  1. Elixio Vieites
    15 / Novembro/ 2013

    Pois xa que falas de Paulos o “soñador” e Astrólogo Diplomado do “Ano do Cometa” non quero deixar de poñer aquí os sinais que Mihail, o “correo”, deu aos cónsules togados de Lucerna como anuncio de tal acontecemento astronómico.
    Di na versión de Quico Cadaval para o CDG
    Mihail: “Aí vai o de costume en anos de cometa: monstros, secas e saraivas. invasións de bárbaros, aparicións de devanceiros, chegada do Anticristo, pestes, preñaduras aotónomas, trastornos e teratoloxías varias, como por exemplo : becerros de dúas cabezas, nenos matemáticos, aparición de animais exóticos non fuxidos de circos alemáns e viños medicinais. o de sempre. Despois ben o que importa, codificado. Teñen que pagar un astrólogo diplomado para o pór en Cristián”.
    Pasámolo ben CDG poñendo en escea semellante texto de Cunqueiro , o soñador, foi todo un acontecento…Que pasen máis soñadores e astrólogos diplomados que estamos en ano de cometa . Benvidos sexan os soñadores.
    http://www.centrodramatico.org/cdg/centro/obra_h.php?id=cdg_obra53_cometa&lg=gal

  2. Luis
    15 / Novembro/ 2013

    LIn a novela a mediados dos 90, durante os meus anos universitarios, nunha vella edición sacada en préstamo na biblioteca dunha facultade que non era a miña.
    Gustoume. Outra cousa é a fiabilidade histórica. E xa non falto tanto de Galicia, senón da idea de Tartessos coma poderosa cidade-estado que se enfronta a unha agresión armada púnica.

    Por outra banda, Manuel, o tempo pasa voando. Cada vez máis, según nos imos facendo máis vellos (ou menos mozos) Desde 1983 ata hoxe, non van 20 anos, senón algúns máis ;-)

  3. 15 / Novembro/ 2013

    Rediola, que son trinta e non vinte! Grazas polo apuntamento, Luis. ;-)

  4. Xoán Bernárdez Vilar
    22 / Abril/ 2014

    Magago: atopei hai uns días, por casualidade, nesta sección que case que nunca consulto, o teu comentario e contesteiche a través do meu correo electrónico, despois de procurarme a teu. Mais parece que non o recibiches. Así, pois, agradézoche de novo a túa análise sobre a novela. Respecto á temática da mesma, na realización da cal invertín uns dezasete anos, comentareiche que nese período, e aínda por bastante tempo máis, considerábanse coma verdades inapelables as opinións tanto de Adolf Schulten coma de Isaac Asimov, e os seus seguidores, de que Tartessos fora aniquilada por un ataque militar púnico. Hoxe, máis de corenta anos despois, hai dúbidas respecto a ese final, e pénsase que quizais Tartessos puido desaparecer tanto a causa de problemas debidos a presións económicas, coma a algunha acción bélica. O certo, sen embargo, é que Tartessos desapareceu da historia e da literatura nas datas da novela, ao mesmo tempo que se abandoaron as colonias fenicias que había entre Málaga e o río Mondego, en Portugal, así como as das costas altánticas de África.
    Sobre isto falo na miña Tese de Doutoramento, “O extraordinario mundo da “Ora Maritima”, publicada en decembro pasado.
    Unha forte aperta.

  5. Manolo
    9 / Outubro/ 2016

    Sorpréndeme a dificultade que hai hoxe para conseguir diversas obras dun autor como Bernández Vilar, que me parece unha voz bastante relevante dentro da literatura galega actual. Como esquecer a lectura d’A saga da illa sen nome? Foi bastante revelador ver como a literatura galega se ocupaba do pasado do mundo escandinavo. Que mellor exemplo para documentar o lema “En galego estamos no mundo”?

  6. 10 / Outubro/ 2016

    Si, Manolo, é unha mágoa que Bernárdez Vilar non sexa un autor máis valorado. Eu non me cansarei de reivindicalo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *