Co gallo do 30º aniversario do Consello da Cultura Galega elaboramos este documental que conta cal é a misión, visión, obxectivos e traballo do CCG. Son moitas voces que van analizando, de xeito tranquilo, a herdanza cultural, a relación cos poderes públicos de Galicia, a propia idea de cultura e o papel do CCG na cultura galega. Tamén é un repaso aos inxentes fondos que xa ten a institución en ámbitos moi distintos, nos que destaca todo o que se consegue dixitalizar ou adquirir da herdanza galega nas Américas. O documental dura 48 minutos e foi realizado por Toño Chouza cun equipo de profesionais moi interesante, como Pixi Arnoso na dirección de fotografía. A dirección de proxecto é de Cristina Mouriño e máis miña.

Daquela…ata o venres!
Que me podes dicir da Sección de Patrimonio e Bens Culturais. Pódese chamar, consultar algún arquivo. Segundo o obxectivo
c) Analizar cantas cuestións se refiran ao patrimonio cultural galego, nas súas diversas facetas e niveis, atendendo á súa preservación, ao seu estudo, á súa valorización e á súa difusión.
Ou non?
Pois case toda a actividade pública que fan pódela consultar na Mediateca do CCG: http://www.consellodacultura.org/mediateca/resultados.php?q=patrimonio&x=0&y=0
Tamén están abertos a recibir propostas, xuntanzas, etc. E agora estamos iniciando o desenvolvemento cun proxecto superinteresante a nivel documental, pero dese non podo falar ata que saia. :-)
Era por probar sitios distintos onde se “traballa” co patrimonio, de outros estamentos xa vou collendo a agulla de marear ;)…e a cota de malla. Moitas grazas
Primeiramente, quixera parabenizar ao equipo que asina este traballo por todo o que atinxe aos aspectos formais. Dito isto, quixera sublinhar e deixar para a vosa reflexión o feito de que dun total de dezaseis persoas entrevistadas, só tres son mulleres. Quixera incidir en que os persoeiros relevantes aos que se fai mención como axentes basilares na construcción dunha cultura e identidade propias galegas son só homes. Quixera sinalar tamén que non se menciona en ningún momento o departamento de xénero do CCG que existe de facto e fai un traballo ben digno e necesario aínda que á vista desta peza audiovisual, claramente insuficiente. Se a función desta Institución é a de reflictir a sociedade, se o concepto de cultura que entende e divulga este órgano é o que o señor Freixanes comenta no documentario, non se entende e mesmo ofende que nestes intres siga invisibilizado e silenciado o papel que as mulleres xogaron e xogan nos asuntos tratados ou deixaron e deixan de xogar nos asuntos tratados porque non se lles permitiu xogalo. Son galega, son muller e desenvolvo o groso da minha actividade no eido cultural por iso quero deixar constancia desta reflexión que, coma min, tantas outras e outros poderían doadamente facer. Ogallá o futuro do CCG non se asemelle demasiado ao seu pasado.
Moitas grazas
Un saúdo
Noa, o CCG ten moitas Seccións e Comisións:
Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade
Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas
Sección de Lingua, Literatura e Comunicación
Sección de Música e Artes Escénicas
Sección de Patrimonio e Bens Culturais
Sección de Pensamento e Sociedade
Comisión de Igualdade,
Comisión de Publicacións e Biblioteca,
Comisión de Acción Exterior
Nun documental é imposible representalas a todas, de aí que no docu se detalle o funcionamento da estrutura do CCG entre Rosario Álvarez, Marisa Sobrino e Maximino Zumalave, que obviamente exemplifican o funcionamento de todas contando a mecánica de aquelas nas que están integrados. É unha opción, claro, pero a nosa foi explicar como funciona máis que os contidos de cada unha delas (obviamente inviable nun documental). Pero todo o mundo pode visitar o web corporativo do CCG ou a plataforma culturagalega.org para ver o traballo que se realiza por parte de todas as comisións e seccións do CCG, afortunadamente bastante abundante. Iso é o que che podo dicir eu como técnico, en canto ás decisións de realización do docu.
Ola Manuel,
Comprendo perfectamente que nun docu de 50 minutos é complexo incluír 30 anos dunha institución como esta, tocando todas as fasquías que a componhen. Mais ao meu entender, outra opción tan interesante e tan posible á hora de decidir que contidos entrarían e cales ficarían fóra da escaleta, que persoas serían entrevistadas e cales non nunha peza que vén a conmemorar o 30* aniversario tería sido a de invertir ou compensar a traxectoria eminentemente masculina do CCG e da sociedade en xeral mediante outro tratamento e outro enfoque. Mesmo se podía ter empregado outra linguaxe menos excluínte e máis integradora, pois esta está xa na sociedade da que o CCG pretende ser espello. Iso é o que non fixestes e o que a min non me gusta.
Alén diso, insisto en que formalmente é un traballo redondo. Parabéns por iso.
Moitas grazas
Saúdo