Un pequeno medio de información política, Galicia Confidencial, pasou de blog a un medio máis completo no que se inclúe información cultural, deportes e información local a través de pequenos medios asociados. Fíxoo en dez anos: a súa travesía no deserto foi de longa duración, pero sostida, ata a mínima sustentabilidade actual. O mérito é todo do seu director, Xurxo Salgado, un home que, polas súas venas, máis que sangue corre zume de toxo para resistir a todo e a todos, e para carburar rápido cando é preciso. Xurxo escolleu un dos sectores de contidos máis difícil de monetizar en Galicia, no caso de que veñas dunha familia que non é “das de toda a vida”: a información política. E, se eu fora el, había moito tempo xa que tiña pechado o chiringuito ante o que hai que escoitar e ver ás veces. Pero el aguantou.
Síntome un pouco eu nese aniversario tamén, xa que eu desenvolvín as dúas primeiras versións a nivel tecnolóxico de Galicia Confidencial. Foi hai bastantes anos, pero fíxeno para botarlle unha man a Xurxo e na idea de que eran necesarios máis medios e máis pluralidade para o xornalismo do noso país. Hoxendía o GC é un medio ao que cada vez lle irá mellor, cunha carteira de anunciantes e unha comunidade de lectores que procura ampliar a súa base de audiencia e social. Moita sorte a GC e, como din os vellos, imos marcar unha data: de aquí en dez anos!

Be First to Comment