Ettore Scola gravou no 2005 en dixital Gente di Roma, posteriormente levada ao cine. Esta é unha película coral, cruzada de historias de xente común que vive nunha cidade na que poucas cousas son comúns: Roma. Pero hai unha fermosa metáfora que escacha con todos os arquetipos e imaxes comúns que nos temos construído sobre Roma, ao longo de miles de películas e series vistas. En Gente di Roma non se ven vespas, ou a penas se ven. O nexo común que une historias tan corais é un bus da rede municipal que arrinca, de madrugada, levando a un parado a un suposto traballo que xa non ten, pero non se atreve a contarlle á súa muller o seu novo estado. A partir de aí, o autobus enfía historias pequenas pero, moitas delas, sorprendentes, sobre os traballadores e traballadoras romanas. Algunhas das personaxes son tan meritorias como chamativas: desde o reporteiro que tenta comprender o racismo romano ata o home que escoita aos mortos no cemiterio. Outra das escenas, a do membro da cuadrilla de limpadoras recitando discursos da Roma clásica desde o estrado do Pazo do Quirinale ante o cachondeo das señoras da limpeza, quedará sempre gravado na memoria.
Gente di Roma é unha película dun home que sinte unha gran simpatía pola Humanidade que lle rodea. Ettore Scole deixou para o futuro un testamento sinxelo e feliz das doces mallas que unen aos seres humanos.

Be First to Comment