Versalles: a arquitectura do poder

O pazo real francés dá para unha boa reflexión sobre como se inventa unha realidade ficticia para dominar o mundo real

Os grandes historiadores franceses teñen abordado o problema de Versalles: un paradigma da arquitectura e poder na Europa do século XVII, construído deliberadamente por Luis XIV, o Rei Sol, como unha representación do seu propio reinado e os valores que debían definir a este. Versalles simboliza o inicio dun destacado papel do Estado francés como árbitro e líder dunha Europa convulsa. Versalles é un pazo-símbolo, xa que logo, un lugar concibido para transmitir cousas, para contar cousas, para representar: non para vivir.

Incomódanme un pouco estes pazos barrocos nos que a monarquía constrúe unha realidade paralela -con fragmentos de mitoloxía, outros de historia, de simboloxía clásica nas que o monarca busca -habitualmente sen éxito- transformarse nalgo próximo a Deus. Nunha Europa actual máis ou menos republicana, con repúblicas reais ou republicas de facto con reis de opereta -ou zarzuela-, estes pazos están desprovistos do seu compoñente esencial, que non son os cortinóns, os tapices de Flandes ou os frescos dedicados a Artemisa ou Minerva nos salóns de pasos perdidos, senón os protocolos que rexían a vida do pazo. Esta cama do rei perde o esencial da posta e o nacente do sol -o dormitorio de Luis XIV estaba orientado para aliñarse coa posta ou o nacente-, que é o protocolo da alta nobreza, quen ve deitarse e quen ve espertar ao rei, limpar as súas legañas e empolvar a súa pel bébeda de enfeites.

Versalles está construído de acordo cun conxunto de reglas matemáticas. Se cadra o máis pavoroso -entendo que haxa xente con sentidos distintos- é a xeometría ríxida que se aplica aos xardíns: verdes domeñados pasados a milímetro, cortados en altura para inspirar perspectivas e xeometrías. A natureza totalmente vencida para servir de bufona á corte. A cuestión é que nin o propio Luis XIV aturaba o seu propio mundo real: de todos os seus vastos xardíns, aos visitantes recomendaba visitar a horta -se cadra o lugar no que, á final, as prantas medan máis libres e vizosas- e en canto podía escapaba coa familia para o Grande Trianon, un vizoso pavillón dunha pranta moito máis xeitoso e cunha natureza máis envolvente. Non lonxe do Grand Trianon está o conxunto de casiñas que mandou construír María Antonieta, tamén para escapar do horror de Versalles. Aquí a natureza déixase medrar máis inglesa: consíntense os relevos na paisaxe, as voltas, a paisaxe pequena e vizosa, coa vexetación máis opulenta e xoguetona. Realmente é un descanso nesa xeografía dictatorial que é Versalles.

Persoalmente, non tiña moi bo creto de María Antonieta. O seu famoso comentario aos revolucionarios que foron a Versalles, xa cando as cousas estaban serias: “Se non hai pan, que coman pasteis!”, que sería certo ou non, resultaba practicamente merecedor da guillotina non tanto por provocadora como por parva. E, desde logo, a película de Sofía Coppola coronoume a antipatía. Pero o descanso visual que me supuxo o seu pequeno mundo idílico e irreal no medio da outra irrealidade case stalinista e ofegante de Versalles redimiume un tanto á última raíña francesa.

Paga a pena a visita? Pois claro. Sobre todo se miras por debaixo do pan de ouro miserable que envolve as pedras e descubres que todo isto é unha gran mentira para xustificar un poder absoluto. Por iso debe visitarse Versalles. Porque, doutro xeito, sen tantos metros cadrados nin simulacros nin fastos, de algún xeito o poder segue preocupado en construír o seu mundo a través das arquitecturas.

Fotos: Sole Felloza

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *