Last updated on 4 / Outubro/ 2013
Quixen en Chartres percorrer o labirinto que rexe toda a prodixiosa edificación gótica, pero estaba cuberto de cadeiras. De feito, custoume velo, discreto, metido baixo unha inmensidade de cadeiras baleiras, esperando a feligreses que nunca chegan. De feito, era domingo, e o servizo relixioso refuxiábase nunha estrema da nave central, mentres, aproveitando unha mañá fresca e apetecible, a luz ía entrando polas vidreiras e polo mesmo feito de percorrer o firmamento, ían contando historias distintas. Quixen percorrer o labirinto, en silencio, coas mans collidas por atrás, musitando algún texto repetitivo, para saber se cando rematase, era un home novo, ou cando menos, un home menos vello.
Algo naceu en Chartres no seu tempo, unha faísca que caeu no medio da palla seca: eu non son moi da arte gótica, que me parece estática e repetitiva, considerablemente aburrida, pero en Chartres naceu a luz sobre a noite. O recollemento e a penumbra románica, dada a deixar extraviar os soños da razón, mudou aquí, cando os homes máis ou menos humildes soñaron coa gloria, co poder e, se cadra, con algún día poder mirar cara a cara a Deus. Por iso nestas vidreiras mestas é toda a sociedade a que camiña sen esconderse. A sociedade coas súas clases, coas súas castas, cos seus prexuízos e enfermidades. Velaí os toneleiros, os viticultores, os cabaleiros, os burgueses, os doentes, as parideiras, os señores e os vasalos. Non teñen medo a escenificar o seu incensante laborar de formigas ante un Deus que atravesa luxoso os muros coa luz.
Lembro a un arquitecto intelectual que criticaba a arquitectura da globalización actual. Non coñezo arte máis globalizada que o gótico: homes e nacións que renuncian a un estilo do que non eran conscientes e abrazan a idea do templo que se constrúe elevándose, coma Babel, pero máis ben para que a súa torre ou torres foran vistas nos camiños, entre o centeo e o trigo medrado. En Chartres empezou a técnica que quere desaparecer como máxima expresión da súa existencia. Agora, no século XXI, preocúpanos o mesmo: que a pedra, o metal e o plástico esvaeza e só quede a función e o sentido.
Fotos: Sole Felloza

parece ser que foron os templarios os que están detrás da construcción de Chartres, a máis fermosa das catedrais góticas