Last updated on 4 / Outubro/ 2013

Dous amigos descansan á tardiña en Chartres. Foto: Sole
Francia debe ser o país que máis teño visitado e do que aínda me falta moitísimo por visitar. Raro é o verán que non fago un oco para percorrer algunha das súas rexións. Eu son da teoría de que Castelao estaba trabucado cando dixo que Portugal era a Galicia botada a andar. Para min, máis ben é Francia a Galicia botada a andar, ou mesmo mellor, o país do que aprender a camiñar. Recoñezo ao meu país continuamente cando viaxo por aqueloutro. Na Bretaña, como é obvio, pero tamén en moitos outros territorios da Francia actual.
Pero Francia é, ademáis, un dos países máis baratos e cómodos para viaxar, con independencia da túa condición. Por exemplo, é o único país que coñezo que asume o turismo interior como fonte de riqueza e o turismo familiar como unha consecuencia deste turismo interior. Eu non teño fillos, pero marabíllome de como en Francia é moi doado percorrer o país cunha recua de cativos e conseguir que o pasen ben mentres ti tamén o fas.
Unha das claves do turismo en Francia é o barato que é o aloxamento, mesmo se non queres ir de camping, como xa teño comentado nunha ocasión previa. Aquí van uns trucos por se queres practicar e escapar uns días a este país.
a) Aloxamentos low cost. Realmente, é unha categoría ben efectiva. Hai unha chea de establecementos low cost, limpos e seguros, ás aforas da cidade, e son ben utilizados polos viaxeiros en tránsito. Combinan diferentes niveis de confort (baño colectivo, sempre moi limpo, ou baño de habitación) con amenidades importantes (wifi gratis, Canal +, etc.). Podes pasar todas as noites entre 30-40 euros. Cadenas como Formula 1, Étap (agora Ibis Budget), Quick Palace, B&B, etc.
b) Gasolina a prezo normal. O susto tremendo que un leva cando entra a Francia polas autoestradas é o prezo criminal da gasolina, especialmente en marcas como Agip. Pero hai un truco importante. Nas saídas das vilas atópanse os supermercados (Carrefour, Intermarche, etc.), e moitos deles teñen gasolineiras para atraer aos consumidores. Estas gasolineiras ofrecen o combustible a un prezo máis baixo, con diferencias moi importantes ás gasolineiras de autoestradas practicamente igual que aquí e ás veces máis barato.
c) As formules. Os restaurantes franceses inclúen tres ou catro fórmulas con prezos diferentes nos que se conteñen habitualmente as especialidades da casa ou os pratos típicos da rexión. Virtualmente, podes tomar un menú ‘rexional’ a partir de 13-15 euros incluíndo 2 ou 3 platos + 1 bebida. E a partir de aí para arriba. E todos, nos sitios turísticos, teñen un menú infantil a 7-8 euros. Que queres outras cousas? Sen dúbida ningunha.
d) Fai picnics! Cada 15 quilómetros, as caras autoestradas francesas teñen un aire, unha área de servizo que están a anos luz das españolas: son bosques, parques, museos, o que queiras. Os franceses viaxan facendo picnics á mediodía en todas partes, así que atopas zonas de lecer por todas partes. Nós sempre imos aos mercados locais, ou aos supermercados, e probamos os riquísmos patés e queixos. Deixa a noite para xantares máis sofisticados.
e) Despois do post, Xoán Castro lembroume a mítica ‘garrafe d’eau’. Isto é un puntazo. Ti non tes por que pedir bebidas nun restaurante francés. Podes pedir unha ‘garrafe d’eau’, unha xerriña de auga do grifo, e tachán! Bebida de balde! Non te cortes, que é o máis normal do mundo. A nós tennos pasado ver como eramos os únicos dunha terraciña sen a xerriña…
Nas vindeiras semanas, alternando con outros contidos, irei publicando posts da nosa última viaxe francesa. Se queres ir abrindo boca, podes consultar a nosa anterior viaxe á Bretaña francesa.

Galicia sempre se pareceu máis a Francia, o dí o Códice Calixtino, e o propio nome de Gallaecia ven dos galos, a palabra latina para falar dos celtas, como Galicia. A min Portugal non me dí nada, ainda que algúns frikis queran facernos provincia portuguesa.
Bons conselhos. Há uns dias nós estivemos por Iparralde e a verdade é que há um par destas dicas que tivemos ocasiom de pôr em prática (principalmente o do piquenique à base de embutidos, queijos e doces da zona, hehehe).
Os queixos de Iparralde son pa’morrer neles! :)
Pois sim, nós compramos um Ossau-Iraty que a pouco mais entramos em contato com os devanceiros ;-) E já nem che conto o “kouign amann” bretom com que concluimos o jantar; para os que somos uns larpeiros, nom se podia pedir mais!