A frouma que tapa o castelo de Bembibre

Last updated on 26 / Agosto/ 2013


Na imaxe, foxo da mota de Bembibre

A contorna de Santiago de Compostela está inzada de castelos de época alto ou plenomedieval aínda por estudar.

Cando comecei hai anos coa serie Repúblicas de Homes Libres, a penas podía imaxinar a cantidade de fortalezas que estaban agachadas baixo os bosques do noso país, e da súa impresionante proximidade formal, nalgúns casos, coas técnicas de construción de fortalezas que se poden atopar nas Illas Británicas ou no oeste francés. A base de ver máis dun cento de fortificacións, das que só se conserva documentación da época medieval para un 13% delas, un descubre que os edificadores de toda esta densa paisaxe prefeudal e feudal operaban de acordo coa oportunidade. Empregaban pedra cando había pedra, e terra cando había terra.

Hoxe visitamos, aproveitando este tempo que anticipa o outono, o castelo de Bembibre, no Val do Dubra. Malia que unha canteira devorou un 30 ou 40% da fortaleza, o resto atópase nun estado de conservación excelente. Un parapeto exterior de terra, moi prominente, e un foxo interior que anticipa a zona da mota, que se eleva sobre o seu territorio, controlando a Depresión Meridiana e tamén, posiblemente, un paso do río. Os paisanos faláronnos de como, cando eran pequenos e aquí non había bosque, tiñan que ter coidado de que as vacas non caeran ao foxo, porque non se podían sacar despois, e as ovellas malamente. Tamén nos falaban dunha depresión no máis alto da mota, fenómeno que é habitual en case todas as que vemos e que poden corresponder ás estruturas dun torreón ubicado na zona superior.

Non é posible falar de cronoloxía. Non hai restos de tella neste castelo, nin as recordan aos vellos, pero a estrutura e as dimensións son basicamente similares aos dunha nova fortificación sen catalogar, localizada en Negreira polo amigo Elixio Vieites. Son auténticas motas normandas de manual, pero en Galicia, este tipo de construción puido terse iniciado nunha fase moi temperá pero chegar mesmo ata o século XV. Non o sabemos, pero estas dúas novas motas, máis unha posible tamén localizada nas proximidades de Labacolla, revelan unha impresionante densidade de pequenos recintos defensivos ao redor de Compostela que non aparecen, demasiado claros, na documentación medieval, engadindo unha interesante incógnita á xa de seu apaixoante historia medieval das terras de Santiago.

6 Comments

  1. Elixio Vieites
    24 / Agosto/ 2013

    Pois aquí vai o “Monte do Castelo” en San Martiño de Broño , Negreira. Broñohttp://patrimoniogalego.net/index.php/48672/2013/08/o-monte-do-castelo-de-san-martino-de-brono/

  2. manuel
    24 / Agosto/ 2013

    Qué demonios le has hecho al blog, no me gusta, nada de nada

  3. 24 / Agosto/ 2013

    Bo traballo. Póñoche unha direción onde se da unha breve descipción dos castros e mámoas de Val do Dubra. E algún xa estiveches e fixeches un traballo ben feito: Portomeiro, Portomouro, Novais…
    A dirección é:
    http://castrosdevaldodubra-patimho.blogspot.com.es/
    Grazas

  4. 24 / Agosto/ 2013

    Grazas, Patiño! Coñezo ben a túa páxina, é unha estupenda compilación para un territorio máis que interesante!

  5. 25 / Agosto/ 2013

    Grazas, Magago.
    Dende o Castriño de Bendoiro (En Celtiberia.net) sígote. E decir unha vez máis que fas unha labor moi importante co noso Patrimonio e quero darche azos para que continúes.
    Grazas

  6. para patinho
    25 / Agosto/ 2013

    Este comentario é para Patinho, onde colocas a mámoa de Malvares existen dúas máis, próximas á que sinalas, é dicir, en Malvares existen tres mámoas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *