Last updated on 18 / Xuño/ 2013

En maio de 2010 publiquei neste blog un post sobre un raro sitio arqueolóxico ubicado en Negreira: o castro de Cornado. As miñas dúbidas xa estaban presentes no título: “Un lugar chamado Cornado“. Elimináralle o apelativo castro e deixábao nun impreciso lugar, ante as dúbidas que me asaltaban. O que vin alí chamoume moito a atención, pero pareceume demasiado como para ser considerado.
Eu estaba buscando de aquela algún gran refuxio preto de Brandomil. Estaba mergullado nas primeiras fases do proxecto Repúblicas de Homes Libres, e fascinado en como preto da antiga Tyde e da venerable Iria Flavia dábanse enormes fortalezas aparentemente baleiras no seu interior coma o Castro Valente ou o Monte Aloia. Sabendo que Brandomil, no concello de Zas, fora unha poboación romana de notable entidade, unha cuestión pausible era a existencia dalgunha posible fortificación deste tipo. O problema é que Brandomil e a súa comarca inmediata é un territorio de dondos outeiros; hai que buscar os montes nas estremas. Un dos máis próximos era este lugar, Cornado, en Negreira, á saída do val da Barcala e na confluencia cun val que subía desde o mar de Esteiro. Tempo despois, Antón Malde chegou ao mesmo lugar, pero por outro camiño. Tentando entender a Torre dos Mouros, Malde fixo un baleirado de todos os castros da comarca que rodeaba a Carnota, observando as formas e estruturas defensivas. A estraña forma rectangular de Cornado estrañáralle e comentáramo. Eu rinme. E amoseille o que atopara había uns días atrás.
A ferramenta de CDIX recén estreada incorporara, á fin, as fotografías do voo americano de 1956, e un país distinto, o país agrario, a penas transformado por infraestruturas e crecemento urbanístivo volvía aparecer. Era a Galicia das leiras, das explotacións agrarias e gandeiras, das masas forestais escasas e dos camiños antigos, tradicionais, beirando pequenas parcelas de minifundio cultivadas ata o confín. Repasando algúns sitios arqueolóxicos para ver que nos amosaban en 1956 cheguei a Cornado e xúrovos que boteime para atrás, e quedei mirando a pantalla durante moitos segundos sen facer outra cousa.
O que sospeitaramos na visita de maio de 2010 e non nos atreveramos a escribir estaba moito máis próximo á realidade. Aquelo era real, e era xigantesco.

Aquel recinto fortificado, con forma de naipe, con esquinas redondeadas e rectangular, estendíase por todo o alto do monte máis prominente do contorno. Como digo, as dimensións eran enormes: 450 metros de longo no eixo lonxitudinal NE-SO, e un ancho de 283 metros. Dito doutro xeito: aproximadamente unhas 12 hectáreas de terreo. Para facervos unha idea, o castro máis grande de Galicia, San Cibrán de Lás, ten unhas 10 hectáreas. A fortificación estaba adaptada perfectamente á topografía.

Gráfico: Antón Malde / Elisa Amigo
Tras analizar os planos, Antón Malde decatouse de que a fortificación adaptouse á topografía do terreo pero houbo tamén importantes traballos de remoción de terras nalgunhas das partes para adecuar as estruturas.

Gráfico: Antón Malde / Elisa Amigo
Como podedes ver nesta aplicación sobre 3D do campamento de Cornado, a súa ubicación é totalmente predominante sobre o contrario. Pero había máis. Fixádevos nesas fotos e decatarédesmos dun detalle abraiante. As fincas nas que está dividido no interior a fortificación están determinadas por un eixo central, exactamente como correspondería coa delimitación do Cardus Maximus, a rúa central que discorre Norte a Sur nun campamento romano.
Volvimos a Cornado, sabendo o agridoce da nosa sensación. Cornado sufriu unha intensa ocupación agraria que, nos últimos anos, viviu tamén unha concentración parcelaria. Á forza de analizar o terreo, localizamos que efectivamente conservábase unha parte das defensas de Cornado. Son as que se poden localizar nestas áreas:

Na área norte pódese observar un terraplen que vedes aquí:

Na área oeste durante a muralla atópase en mellor estado e verifícase a existencia dun foxo que beirea a muralla durante un dos tramos.
Cornado no novo contexto de detección de campamentos romanos no Noroeste
Unha das primeiras cousas que fixen ao localizar Cornado foi poñerme en contacto co arqueólogo David González, un activo profesional da arqueoloxía asturiana que, canda outros compañeiros, ten localizado numerosos campamentos romanos nos últimos anos en Asturias e León, complementando e mesmo estendendo o que contaban as fontes sobre as Guerras Cántabras. David mirou Cornado e sinalou que esa era, exactamente, unha forma e figura habitual nos campamentos.
Pero había máis cuestións. A primeira delas era as dimensións. Os dous campamentos romanos clásicos en Galicia, ambos os dous escavados, a Cidadela (Sobrado dos Monxes) e Aquae Querquennae (Bande), son moito máis pequenos, ocupando recintos de pouco máis de dúas hectáreas, abondo para a vivenda dunha cohorte de lexionarios (300 homes). Sabemos, ademáis, quen vivían neles e cando se estableceron. En Ciadella (Sobrado dos Monxes) estableceuse a Cohors I Celtiberorum a principios do século II d.C. En Aquae Querquennae instálase a Cohorte III da Legio VII Gemina ao redor do 69 d.C. É dicir, ambos os dous campamentos aséntanse case un século despois da conquista nominal de Gallaecia polo Imperio e as súas funcións son, posiblemente, de control territorial, de minería e obras públicas. Ou sexa, dito no presente, eran uns cuarteis da Garda Civil.
Pero Cornado é distinto. Cornado pecha 12 hectáreas de terreo, unha enormidade para as medidas exiguas dos campamentos lexionarios existentes en Gallaecia. Pero sen embargo son unhas medidas normais para os campamentos de combate das Guerras Cántabras, cando un enorme continxente militar, boa parte das forzas da maior potencia militar do mundo antigo, se desprazaron ata o Noroeste da Península Ibérica. Á fronte delas, o primeiro emperador de Roma, Octavio Augusto.
En efecto, os castra stativa e os castra aestiva (campamentos de inverno ou campamentos provisionais de verán) localizados en Cantabria ou en Asturias acadan estas dimensións. Sabemos deles quen eran: lexións adentrándose nun difícil territorio hostil, lexións dispostas a librar batallas que lles custaron moi caras a ambos os dous bandos. As medidas de Cornado son para acoller a un continxente militar en accións de guerra, pero tamén de control dos territorios máis valiosos. Ao pensalo, decateime. A conexión Cornado-Brandomil, pola que eu chegara aló por primeira vez en maio de 2010, volvera ter sentido. En Brandomil, na conca do Xallas, houbera minería de ouro. E Cornado está no medio e medio dunha das áreas con maior número de epígrafes romanos de toda a antiga Gallaecia.
Antón consultou a cartografía antiga, como adoita facer, e deu outro chimpo de sorpresa:

Consultando o mítico mapa de Fontán, de mediados do século XIX, atopou que ao norte de Cornado, pero nas proximidades, outro lugar chamado A Corna era un cruce de camiños moi relevante en todas as direccións (incluíndo unha intrigante “A Pontevedra” nese camiño que vedes do sur). O propio Cornado ve pasar xusto aos seus pés o Camiño de Santiago, pola banda sur. Como vedes tamén no seguinte mapa físico, o asentamento de Cornado, directamente conectado coa Depresión Meridiana a través do val da Barcala e cunha potencial liña de subministros por mar a través da serra de Outes e os seus fondeadoiros naturais é fascinante.

Se Cornado é un campamento romano, mesmo un campamento romano non ocupado durante moito tempo (non parecen existir moitos materiais) convírtese no maior campamento romano de Galicia pero, sobre todo, transfórmase no lugar no que miles de soldados formaban a maior forza de ocupación que penetrou neste vello territorio de Galicia ata a época dos franceses. Habitualmente calcúlase que unha lexión precisaba un campamento dunhas vinte hectáreas, aínda que as medidas varían moito en función de múltiples factores. Aquí estamos falando, en todo caso, dun continxente de varios miles de soldados.
A cuestión é que cremos que mesmo poderiamos saber o nome dun deles.
Quinto Xulio Aquino, soldado da Legio X Gemina, unha das lexións que participaron nas Guerras Cántabras, nas fontes. A súa estela foi localizada en Cícere (védela ao norte, no mapa de Fontán), no concello de Santa Comba, e a súa estela consérvase no Museo do Pobo Galego. Ata agora, a presenza deste soldado de orixe itálica, morto el e a súa muller, e do seu pai, un veterano lexionario tamén, era un pouco enigmática. O profesor Acuña Casroviejo, que foi quen estudou a estela, suliña por varios datos que debe ser anterior ao 63 d.C., que é cando a lexión marcha de Hispania. Aquí tes os datos do seu estudo.
A pregunta de fondo: a guerra e as súas vítimas
Unha segunda cuestión ten que ver co proceso no que estamos teimando desde hai tempo: que sucedeu exactamente durante a conquista de Gallaecia? En que medida se tomaron acordos e en que medida o proceso foi cruento, violento e afectou á poboación que vivía aquí? A presenza deste posible -e impresionante- campamento romano en Cornado introduce importantes cuestións ao respecto que van máis aló do control de minería no que tradicionalmente se quedan os historiadores e arqueólogos galegos cando falan da presenza militar romana en Galicia: parece que falan do ministerio de Fomento no canto dun exército de conquista e ocupación. A presenza de Cornado como campamento militar introduce importantes cuestións ao redor da guerra, da insurxencia e do dominio violento do antigo territorio galaico. Dito doutro xeito: Roma enviaba tantos soldados porque facían falta.
A cuestión é: que facían aquí estes tipos e de onde chegaron? Cremos que non é a única traza que quedou deles, desta lexión pantasma que nos aparece agora en Negreira. Comezamos a ter un posible rascuño dun teatro de operacións bélico e militar ata agora pouco considerado.
Contarei máis disto no segundo post que dedicarei a este asunto nesta semana, e no que veremos que, de feito, a presenza deste enorme contixente lexionario no occidente galego non é nada rara. Tanto Antón coma min estamos moi cheos de trabalo e quixemos presentar a posibilidade de existencia deste campamento nas xornadas De castros a castelos, dos amigos da Asociación Monte Pindo, porque nos parecía o lugar oportuno e pertinente por moitos motivos, pero estamos saturados de traballo. Avisarei antes de publicar, por suposto. :-)

Puta concentración parcelaria! (perdonando)
Os romanos sabían impoñer a lei e a orde. A verdade é foron os únicos que souberon facelo! (A vida de Brian dixit)
Parabéns, paréceme un achado caralludo. Estou desexando saber máis!!!
A todo isto, os máis pillos do lugar seguramente terán visto isto:
Podería ser -aquí xa estamos falando a título meramente especulativo, eses muros W e S quedaron todos arrasados na concentración- dunha reformulación en pequeno do campamento, nunha reocupación posterior por un continxente máis pequeno. Fixádevos que, curiosamente, está na parte máis alta do outeiro.
Isto é algo moi habitual tanto nos campamentos das guerras cántabras coma noutros sitios. Vai aquí o exemplo de Swine Hill, en Escocia:
Sobre a ara romana de Cícere de Quinto Julio Aquino,soldado da Legio X Gemina, podemos ler:
http://cronicasnerias.blogspot.com.es/2012/09/un-legionario-romando-enterrado-en.html.
Recordar que foi achada outra ara dun lexionario en Vilar (San Tomé de Ames) concello de Ames que di. “Xunio Flacco veterano da Lexión VII Gemina cumpriu libremente este voto a Pietas”, Podémolo ver no libro http://www.usc.es/smucea/IMG/pdf/mulleres.pdf (pax 43)
Falando da forma de Cornado, a min sempre me chamou moito a atención o castro que está en Zas a 8 km ao norte de Brandomil, é coma unha versión en pequeno do mesmo sitio.
http://visorgis.cmati.xunta.es/cdix/descargas/pdfs/ALTURAS_LIDAR/AlturasLidar_0068A-0704.pdf
http://visorgis.cmati.xunta.es/cdix/descargas/pdfs/PENDENTES/Pendentes_0068A-0704.pdf
Ben Magago, se estades no certo (e todo indica que o estades) é un descubrimento de traca e fogos artificiais.
Atopar un campamento deste tamaño e tan metido no territorio galaico obrigaría a revisar toda a historia escrita sobre a conquista da Gallaecia e o desenrolo das guerras Astur-Cántabras. Porque ata o de agora parecía que por aquí os romanos non tiveran nin sequera que levantala man para ocupar o territorio. Pode que este campamento xunto co máis que posible campamento de Lucus (previo e orixe da cidade) nos estén a indicar que a realidade, coma sempre, é moito máis complexa do que se poida crer.
Noraboa polo blog, estás a facer unha laboura de divulgación impresionante.
Grazas, Toñejo. Coñeciamos o sitio arqueolóxico desde hai un tempo e, aínda que en arqueoloxía sempre hai que andar con moito tino -e ves que indicamos “posiblemente”- cremos que o sitio arqueolóxico de Cornado reune todas as características para pasar a unha fase de debate e discusión pública, do mesmo xeito que se está a facer cos novos campamentos romanos en Asturias e León.
Adiántoche que non é o único sitio arqueolóxico localizado, pero a maior parte dos outros aínda non teñen un bo nivel de indicios como para seren feitos públicos. Sobre a relectura da última Guerra e como sucedeu, efectivamente, temos unha teoría ao respecto que cremos que vai ser de interese. A segunda parte deste texto, que publicaremos nalgún momento desta semana (previo aviso nas miñas redes sociais) vai nese sentido, e non quero avanzar moito máis por agora neste sentido.
O certo é que estamos traballando nun texto moito máis armado ao respecto, pero como digo no post tanto Antón coma min estamos neste momento a mil entre exames, congresos, cursos de verán, etc. Pero como amosamos o lugar nas xornadas de Carnota desta fin de semana, crimos necesario cando menos dar un avance no blog. Tamén avanzaremos algo do que te dicía sobre o contexto de Cornado.
Una estupenda noticia, Magago, estoy totalmente de acuerdo en todo lo comentado por el contertulio Toñejo y esas…”Bellum Augusti contra barbaros” de Floro habría que darles un pequeño repaso. Esa confusión Minius/Sile esperemos quede solucionada, esa sería la intención, en un próximo artículo que saldrá en cuestión de días en la web de José Luis Santos: “Terrae Antiqvae” donde la “única” pretensión es dejar a las claras que no hubo confusión alguna en confundir ámbos ríos con la única pretensión de dar solución a un mítico monte.
Repito, Magope, ¡¡¡excelente noticia!!! ahora a practicar el “sub cinere lumen” que es lo vuestro como arqueólogos.
pd) No olvidaros que el Trega, la posible Abóbriga pliniana o aquella otra Abrega en la desembocadura del Miño según Al Idrisi, está por una 21 Ha un poquito más del doble de Lansbriga (castro de San Cibrao das Las).
Manuel, teño a sensación de que este país, de ter outros 10 coma ti, sería outra cousa ben distinta. Non podo máis que darche os meus máis emotivos parabéns por este impresionantísimo achado, tiven a sorte de intercambiar algunhas palabras contigo hai tempo, e ademais dun tremendo investigador desprendes unha enorme calidade humana. Noraboa de corazón.
OS NOMES DOS LUGARES DE CORNA E CORNADO, SON MOI PARECIDOS A CARNOTA E CORNIDO, O IGUAL QUE ESTAÑO, ESTAÑEIRAS, EN CORNIDO HAI CALZADAS ROMANS E MESMO A FORTIFICACION DE TORRE DE MOUROS A SUA ENTRADA TEN UNHA CALZADA ? VERIAN POLO SUR E FARIAN ESTE CAMPAMENTO? OS NOSOS REFUXIARIANSE NO MONTE PINDO XUNTO COS CASTROS DA VEIRA DO XALLAS.. . .GRAZAS
XA ME TARDA O PROXIMO
Moitas grazas, pero a cousa non ten moito mérito, xa estaba aí! :-) Eu son simplemente un correspondente de guerra atrapado nun conflito do pasado. (que redonda me quedou esta frase, ha).
Laura, varias cousiñas. As calzadas pavimentadas -ou os pequenos tramos de pavimento de acceso a castros ou outros recintos- non son patrimonio exclusivo de Roma, fixéronse antes, durante e despois dela. Comentarche tamén que a muralla do Pindo practicamente descartamos que sexa castrexa. As canteiras en grada que hai ao carón dos lenzos -xa falarei un pouco nalgún post sobre iso- permiten descartar a súa orixe castrexa. A súa factura ou é de época romana ou medieval. Pero coincido contigo en que invita a cavilar e imaxinar!
Non moi lonxe do Cornado tamén podemos atopar algúns topónimos como Corneira, e xa do outro lado do Tambre atopamos Cornanda. Noraboa polo achadego e esperamos con ansia novas indagacións. Un saudo!
Interesante artigo. Só unha cousa, non funcionan os enlaces ó LIDAR nin ó artigo citado do lexionario.
Saúde.
Boas, a ligazón do artigo do lexionario estaba correcta pero por algún motivo ese arquivo xa non está en academia.edu. Pódese descargar tamén aquí (por agora):
http://dialnet.unirioja.es/descarga/articulo/1997597.pdf
O campamento de Cidadela, segundo as últimas investigacións podería ser a petrificación dun campamento anterior altoimperial de madeira, ou o que é o mesmo a Lexión que o levantou de primeiras non é a mesma que despois construiu os muros de pedra, que correspondería coa Legio VII de principios do século II. Eso é o que teño entendido.
Interesante! Podes darnos algunha publicación ou referencia sobre o tema? Na última bibliografía que eu manexo sobre o campamento de Cidadela non hai ningunha referencia a un campamento anterior:
http://www.academia.edu/889294/El_Material_Constructivo_Latericio_en_el_Campamento_Romano_de_Cidadela
http://www.academia.edu/1561195/Produccion_y_comercializacion_en_el_campamento_romano_de_Cidadela_Sobrado_dos_Monxes_A_Coruna_
http://dialnet.unirioja.es/descarga/articulo/3725200.pdf
http://dialnet.unirioja.es/descarga/articulo/3725163.pdf
en academia edu hai un artigo Castramentación romana en el Noroeste Peninsular. Hai que ler entre liñas e ler tamén as notas ó final do artigo.
“La lectura de paramentos confirma la existencia de dossubfases bien diferenciadas para el periodo altoimperial (Costa García, 2010): una que se correspondería con la fundación del propio fuerte y otra que parece responder a una serie de adaptaciones y reformas internas que relacionamos con la ocupación del mismo por parte de otra unidad distinta a la que lo habría erigido (NOTA 2).”
Si, é moi interesante, pero refírese a un momento ben posterior ás Guerras Cántabras, como moito a Domiciano (69-96 d.C.). Máis que cambiar a cronoloxía, o estudo propón que unha cohorte lle prepara o terreo a outra.
No excelente artigo de José Manuel Costa García, Estudo de paramentos e análise das estruturas exhumadas na “pars nobilis” do campamento romano de A Cidadela (Sobrado dos Monxes, A Coruña):
“Descoñecemos tanto o momento de erección do forte coma o axente encargado de facelo. A proposta de finais do século I – inicios de século II para a fundación do campamento segue sendo perfectamente válida. A data máis antiga ven confirmada pola numismática (moedas de Domiciano) e algúns materiais cerámicos, mentres que a tipoloxía das estruturas defensivas podería tanto confirmar este punto como retrasar a fundación ata finais do reinado de Traxano e comezos do de Adriano. Cabe entón a posibilidade de que o forte fose erixido por outra unidade, moi probablemente unha uexillatio da Legio VII Gemina, acantonada en León, en previsión da nova misión da Cohors no Noroeste hispano.”
Ver o artigo completo aquí: http://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=3282785
Wow! exelente articulo. gracias..!
Noraboa macho, tanto a tí coma a Antón. Conozo moi ben o campamento da Cidadela e algo menos o de Aquis, e en moitas conversas con Antón e con José Francisco oin falar de que tiña que haber outros campamentos, que si Cohortis Gálica que si Cortegada….É impresionante de verdade, impresionante!
Noraboa a todas as que estades participando nesta investigación. Abriante. Xa agardamos máis. Pagou a pena a espera.
Agora entendo eses silencios vosos, e que co que xa sabiades, rapidamente descartárades “outros” lugares.
Grazas, Pancho. Ti ben sabes a cantidade de recintos cadrados que hai neste país!!! Eu creo que levo mirado centos, e deses centos quedeime con catro…
Por certo, hoxe a noticia do campamento sae na Voz, pero bastante liada. Fala de que no Cornado había 300 homes (en realidade supoñemos que había miles) e que se chamaba a lexión Oeste. En realidade nós non sabemos como se chamaba a lexión. Pero si sabemos que estaba ao oeste…
http://www.lavozdegalicia.es/noticia/sociedad/2013/06/05/mayor-campamento-romano-negreira/0003_201306G5P26997.htm
E agradecer tamén a cobertura impecable prestada por El Correo Gallego:
http://www.elcorreogallego.es/terras-de-santiago/ecg/un-gran-campamento-negreira-revolucionaria-conquista-romana/idEdicion-2013-06-05/idNoticia-810197/
Tralas pegadas do Monte Medulio
Pregunto desde a ignorancia, o topónimo Cornada ten logo algo que ver cosas cohortes romanas¿
A parte doutros topónimos similares xa mencionados nos comentarios, tamén temos o de Cornoas, onda a central do Tambre.
Parabéns polo ártigo (unha vez máis)
Non, xa temos tido esta discusión previamente no blog, no post que está ligado ao principio. De principio pode ver de Coronatum (unha coroa no alto do monte) pero tamén por vir de corna. Eu teño recollido esa palabra cunha acepción -que non figura en diccionarios- de “esquina”, ou de “esquina prominente”, coma no Castro das Catro Cornas (Viladecruces). Pode estar aludindo á feitura da muralla. En Galicia hai moitos topónimos tamén a partir da raíz prerromana *Cor-, que vén significando “pedra”.
Supoño que xa coñecerás a lenda da pontóriga de Ons
oxe lin a noticia no correo. noraboa! polo visto o concello vai facer algunhas excavacions, oxala atopen alguns restos interesantes. pensar k tiven ese monte sempre detras da casa e que agora atopases esto… polas duas ladeiras do monte, hai unha especie de camińos con muros altos e unha finca cercana chamase campo dos oleiros, non sei si gardan relacion e falando oxe con mińa nai dixome que seus avos decian que no castro habia unha mina de ouro. gustame a historia sobre todo o que ten que ver co imperio romano e os celtas de ahi que me alegre un monton que esto estea na mińa aldea.
Ola, a pé ata mar (Outes) tárdase un día, desde A Maía, un dia, desde Brandomil, outro día case. Non pode estar mellor situado ese cadrado. En todo caso penso que vou facer todos eses camiños a pé, e xa che direi :)
Saúdos
Boas,
Non ten que ver co asunto directamente, pero no lugar de Espai, perto de Herbogo (Rois) vese no voo americano un castro marcadísimo, no lugar de O Castro .), pero o raro é que hoxe a croa nos últimos vooo vese sen vexetación? núa! (que hai ali?)
Vense perfgectamente as liñas dos muros desde o ceo!
Pois estupendo. Faino e xa me contas! Fíxate nos camiños do mapa de Fontán: igual é interesante facer eses itinerarios por eles.
É o castro de Socastro. Limpárono e escavárono hai uns anos, por iso o ves limpiño. É unha chulada, por certo, se podes faille unha visita. :-)
Un cornado é tamén unha moeda en castelán, que ven de estar coroada, coronatum. En Galego non perderío o n ao desaparecer antes o “o”. Parece bastante claro
Interesante o dos camiños. Vese que non seguen a liña de menores desniveis do relevo, senón probablemente as que tiñan menos vexetación. Está claro que non podemos mirar cos ollos de hoxe. Para o sur o mapa de Fontán indica camiño por Campolongo, nas extensas chans e debe caer a Outes por algures, que non vexo.Pero o acceso ao mar parece complicado, sebía de ser un pantanal intransitable, cos canaveirais, o lóxico sería ir caer a Ponte Nafonso. Brandomil está só a medio día, unhas horas en cabalo (ou menos). A ruta do val de Barcala segue a ruta actual da estrada. Todo para o norme é pan comdo, pero terian que pasar varios ríos e esquivar varios brañais
Todo para o Norte, digo, desculpen!
unha pregunta por mera curiosidade, os lugares ou aldeas que teńen por nome castro e por que algundia albergaron un castro uo outro tipo de fortaleza ou castelo? por certo estupendo blog non sabia da sua existencia ata que apareceu o da mińa aldea.
Pois en moi parte da ocasións é así.
Grazas, Lolo!
Andrés, perdoa por non comentar antes. Si, a lenda de Ons é moi interesante, aínda que eu creo que a temática dos lexionarios se encaixa máis nos relatos piadosos de mártires cristiáns. De todos os xeitos, non deixa de ser curioso que esta lenda, do cal o tema non é nada abundante en Galicia, estea por alí preto. :-)
Parabéns pola publicación neste blog do maravilloso achádego. Mágoa non ter, coma noutros países, un programa de divulgación arqueolóxica na TV! Sería dexesable que éstes contidos chegaran a toda a ciudadanía para frenar a contínua destrucción no noso patrimonio arqueolóxico por ignorancia e desidia dos poderes públicos. Nountro senso, dicir que anos antes das últimas excavacións na Cidadela, podíase apreciar por toda a súa extensión cantidade de fragmentos de tégula romana a nivel superficial. O feito de que saibámo-la unidade militar acantonada neste enclave obedece os fragmentos de tégula con estampillado do nome da Cohors I Celtiberorum. Neste caso que revelas, non se atoparon tamén restos de tégulas..?
Ola, Xacordei.
Non, como digo no texto a penas hai restos superficiais, o cal é coherente con boa parte dos campamentos localizados nos últimos anos en Asturias e León, que son tamén parquísimos en cultura material. Todo parece indicar que eran castra aestiva, campamentos estacionais. Nestes campamentos, ao longo de todo o Imperio, o volumen de obxectos localizados é moi baixo, porque a lexión non ficaba alí por moito tempo. De feito, se a lexión estivera acantonada durante moito tempo, teríase sabido moitísimo antes da súa existencia. Para explicalo, eu recorro ao seguinte exemplo: ti imaxínate escavar dentro de dous mil anos un camping da costa galega. Que atoparías? Pois algunha moeda ciscada, un craviño de cravar a tenda, un mecheiro gastado… Aquí igual.
Con respecto ao programa de divulgación, concordo totalmente.
Fai un tempo o Laureano (Fernández Carballo) chamárame a atencion sobre duas liñas perdidias do texto de Orosio VI.21.6, alí dise que no marco das guerras cántabras os legados Antistius y Firmius loitaron en varias duras batallas y someteron as partes mais lonxanas da Gallaecia (praeterea ulteriores Gallaeciae partes). Sábese que Orosio resume, moito, os libros perdidos de Tito Livio correspondentes a que era, para Livio, a historia contemporánea, a das guerras civís romanas e a instauración do poder de Augusto, en cuxo marco sitúase a culminación da conquista de Iberia. A implicación de ata 8 lexións e os seus correspondentes auxilia (en número normalmente outros tantos) implica unha forza tremenda, como indica Manuel. Seguro que non viña por aquí de merenda. A aparición xa fai un anos do chamado Edicto do Bierzo, un decreto de Augusto do ano 15 BC sobre cousas da Gallaecia, sinala a novedosa mención dunha provincia Transduriana de existencia efímera pero que amosa ben a importancia das guerras cántabras e o feito que levaron a certas innovacións institucionais. Si se confirma unha data temperá para este campamento (algunha cata parece imporse) redondearía arqueolóxicamente esta información que xa estaba presente nos textos. Doutro lado, a porcura de ouro parece clara e a comunicación co mar fundamental. Recordemos que a fundación de Lisboa faise como base para a primeira expedición romana cara o NW peninsular. O camiño de achega de suministros máis doado era por mar e tal como sabemos recentemente (traballos de Alfredo González Ruibal e Xurxo Ayán, o camiño era coñecido de vello).
Tes que levar a César a “medilo”.
Noraboa.
Marco
Enhorabuena por el texto y por el trabajo de recopilación de información en el entorno. La verdad se que la identificación de campamentos en el territorio de la actual Galicia es un hecho de gran interés que sin duda va a agitar más aún las interpretaciones establecidas sobre la conquista romana del Noroeste peninsular y de la orla cantábrica. Al igual que planteamos en relación con los campamentos que han ido apareciendo en los últimos años en las actuales Asturias y León, este descubrimiento, así como los otros indicios que tenéis por ahí, lo primero que van a provocar es que muchos investigadores vuelvan la vista a las menciones de Orosio sobre el sometimiento de las selvas a la orilla del mar en las fuentes del Miño ;) Se pone interesante este tema. Sin duda va a haber mucho debate en los próximos años. Seguimos pendientes del tema, y por nuestra parte intentaremos también de aportar nuevas informaciones pronto. Un fuerte abrazo!
David
Apaixoante! Parabéns!
Mil gracias esta genial :)
máis sobre o campamento romano de cornado
Para ler un artigo sobre as guerras cántabras: Menéndez Blanco, Andrés y Jiménez Chaparro, Jesús Ignacio y González Álvarez, David y Álvarez Martínez, Valentín (2012) “La conquista romana del Occidente Cantábrico: novedades arqueológicas”
http://eprints.ucm.es/15593/
Moi interesante, pero hai algunha institución cun mínimo interés en facer algo tanxible sobre tal posible campamento?, polo menos que o cataloguen, fagan algunha cata e vixíen non se desfaga mais.. Neste últimos anos lévanse atopado pegadas de, en principio, campamentos non permanentes por outras zonas da península; poderiades dar algunha bibliografía ó respecto sobre eles?. O mesmo pregunto se sabedes algo sobre a denominada “Cava de Viriato”, un espectacular recinto octogonal próximo á cidade de Viseo, pois apenas se atopa bibliografía accesible sobre o mesmo.
Ola, Nogueira. Sobre Cornado xa remitimos a nova información a Patrimonio, para que amplíen o perímetro de protección sobre o sitio arqueolóxico (o actual non protexía toda a estensión do xacemento). É case o primeiro paso que hai que dar, xa que a zona inferior do posible campamento está machacada polas obras forestais. Sobre os castra aestiva do norte e noroeste hai moita bibliografía xa: busca en google e vas atopala con facilidade. Tamén neste blog tes cousas. Sobre a Cava de Viriato contábase moito o tema dun campamento, pero seica a datación da fortificación é posterior. Iso si, é tan rara como abraiante.
Gostaría que leeras no Boletín de Estudios Vigueses ( Glaucopis) dous traballos sobre certas fortificacións arredor da impoñente Cidade das Achas (“O oppidum preromano de San Martiño de ladróns” e “O oppidum preromano de San Martiño de ladróns, nova achega”). Por se tivera algún interés con relación á penetración romana no noroeste. Todos os números do BEVigueses son accesibles en internet.
Espero algún comentario ó respecto.
Gracias.
Ola, Francisco, perdoa por tardar en contestar, pero estes días andiven ben liado. Coñezo ben esa zona da Cañiza e estiven visitando os castros máis relevantes dos que fala o autor. No caso da relación da Cidade e As Cerquiñas, estamos, ao meu ver, nun caso máis desa proximidade aínda sen explicar de dous castros, como hai alomenos dúas ducias de exemplos en Galicia, aínda que en poucos casos se poden hoxendía visualizar tan ben como As Achas e As Cerquiñas. Os poucos que hai excavados contan historias diferentes (pero poucos están publicados polos equipos que os escavaron), e penso nos castros de Neixón (épocas distintas, un cun uso doméstico e outro máis recente cun uso de almacén / festexo / relixioso), ou nos castros de Bendoiro (escavado un deles, uso doméstico II-I a.C., creo lembrar). Pero hai moitísimos máis casos de castros moi próximos entre si. Que eu saiba, no caso de As Achas e As Cerquiñas non hai unha soa evidencia científica dun uso militar romano ou dun asedio. Iso non quita o interesantes que son. As Cerquiñas paréceme unha auténtica pasada. Con respecto ao recinto que publica Fernández Nogueira na súa nova achega acontece un pouco o mesmo. A min non me parece exactamente un xacemento arqueolóxico. Teño que dicir que revisei todas as fotos antigas e non o vexo nesa áreata os anos 90 ou así (el di que xa existía nos setenta), cando si vexo perfectamente en todas as fotos as Cerquiñas.
O xacemento máis raro e atípico dos que fala o autor, ao meu ver, é un que el non considera demasiado, di que debeu ser un “curral de gando”. Falo do Coto de Galos. Se cadra el considerouno menos porque cando escribiu os textos non existían aínda as tecnoloxías que temos hoxe, e é un sitio impenetrable pola maleza. É un lugar tamén vinculado á Cidade das Achas polas lendas, pero non se coñece popularmente como castro -o cal xa o fai intereasante- e estamos falando dun espazo densamente fortificado con premisas que se escapan ao mundo medieval baixomedieval galego que coñecemos e que non encaixa demasiado ben tampouco co concepto de castro.
Porén, parabéns a Fernández Nogueira por preocuparse tanto pola súa terra e por investigar por ela. Oxalá en todos os concellos galegos houbera un investigador así!
Apertas!