Last updated on 1 / Maio/ 2013

Midtown desde o Empire State Building
Desde a fiestra do hotel, no medio de Manhattan, á media noite escóitase ese rumor. É como un rumor colosal, intenso, acompañado dun tremor ínfimo, case inadvertido, que percorre e abanea continuamente todos os cementos de Manhattan. O rumor eterno da cidade que nunca dorme, verídica apreciación que non se pode descalificar. Ese rumor de motor circulando, de taxi negro ou pakistaní vagando polas noites sen destino fixo, á caza do noctámbulo, como se foran bandidos nómadas sen rumbo fixo por un deserto de asfalto. Desde a fiestra do meu hotel a vida está camuflada. Os rañaceos medran como fieitos á procura da luz e no inmenso espazo aberto desde o meu piso quince, procuro nesas traseiras das fachadas aos neoiorquinos, alí onde viven. Non sei cantos andares verei desde aquí: se cadra trescentos ou catrocentos repartidos por todos estes pisos.
Procuro os signos de actividade humana, ou sexa, un televisor prendido con cambios de luz tralas ventanas, algunha silueta movéndose, habitacións e luces prendidas. O escenario é un taboleiro de damas con pisos prendidos e pisos apagados, pero demo, a esta hora da noite, hai demasiados pisos prendidos. Os discursos oficiais de aforro enerxético aínda non chegaron a esta América no que calquera dos coches que andan por estas rúas fan dous dos nosos. Moitas oficinas quedan prendidas con luz pola noite, pero o máis intrigante son algunhas, aparentemente, casas. Distribuídas en tres andares, xurariamos que nun hai unha estancia para nenos, noutra un saloncillo máis ou menos acolledor. A terceira, a propia residencia. Coas luces prendidas, todas estas vivendas nas que nunca aparece ninguén, inmaculadas, parecen estancias pantasmas, decorados aparentes; pero a súa condición de patio interior é intrigante. Para quen están prendidas? Para os ladróns? Ou para os veciños?
Malia a desesperación inicial, a retina comeza a descubrir actividade. Neste inmenso caserío vertical a repetición de patróns permítenos descubrir, voyeurística, se cadra catro ou cinco pisos con actividade doméstica; luces prendidas rapidamente, figuras espectrais que atravesan habitacóns escuras bañadas pola luz do edificio de enfronte. Os avións pasan por riba, os rañaceos petan nas nubes ata desvanecerse nelas, o zunido continuo dos motores chega aló do fondo e nesta colmea humana a penas vemos escasos seres vivos, perdidos nos golpetazos de luz desde as fiestras. O arquitecto Robert Stern criticaba estes días no New York Times os plans do goberno municipal de renovar e transformar a política urbanística de East Midtown, o gran patio de veciños que estou vendo estes días, no que os rañaceos teñen cincuenta anos. “O mellor camiño cara asegurar o futuro de East Midtwon pode ben ser a preservación. A preservación, á cal demasiados no mundo inmobiliario se opoñen, ten sido un mellor estimulante cara o desenvolvemento que a rezonificación”, aseguraba Stern.
Intríganme o alto dos rañaceos, onde sempre se di que os propietarios construíron sobre as ducias de andares empresariais, dúplex de supervivencia no corazón de Manhattan. Exploro o que teño diante, ata que topo con que rirme. No alto dun edificio, un home con bata de raso fuma un considerable habano. Non é exactamente unha estampa épica digna dos comics, pero quen sabe se o home non está a pensar no mesmo ca min, nos desertos de asfalto, concretizados nesta mazá que vemos desde dentro. Afortunadamente, do interior do seu digno loft unha muller cunha copa de viño sae e reclámao para o interior.
Xa somos doce neste patio inmenso de Manhattan.

Be First to Comment