Last updated on 24 / Abril/ 2013
Algúns dos relatos máis fascinantes e menos estudados da costa galega é narrativa das orixes. Basicamente son unha pasada, desde o meu punto de vista: narran a procedencia ou a fundación dunha vila mariñeira actual nalgún espazo montesío relativamente próximo dentro dos límites da demarcación municipal. Hai moitas formas de contalo e narralo, pero todas coinciden en explicar a fundación das vilas mariñeiras por un movemento de poboación desde o interior próximo e por unha memoria dun litoral desértico, en moitos casos considerado perigoso pola proximidade da piratería. Os relatos tamén inciden en cuestións de economía e mesmo de representación de clase: a transformación dunha sociedade agraria nunha sociedade mariñeira e a construción de conceptos de alteridade entre as dúas comunidades, moitas veces a penas separadas entre elas por centos de metros. Por unha banda, os intrépidos e modernos mariñeiros (así se vían eles) fronte aos burráns, tarugos e inamovibles labregos (así vían os mariñeiros á xente de campo). Tamén podía ser ao revés. Os despilfarradores, arroutados, famélicos e irreflexivos mariñeiros fronte á solidez, a seguridade, o sentido común e o pote cocendo o unto e as nabizas dos labregos.
A cuestión é que sabemos que estes feitos na maior parte dos casos son certos na súa esencia: as comunidades mariñeiras das Rías galegas confórmanse aló polo XIII-XIV (máis este último), e estes burgos, fomentados polas diferentes aristocracias locais, aprenden rapidamente a combinar a actividade pesqueira coa actividade comercial coa Europa mediterránea e atlántica. Os relatos están baseados nun pouso de verdade inmanente. Pero é máis que interesante a interacción da arqueoloxía con estas lendas das orixes.

Ruínas en San Andrés da Canle
As lendas das orixes, da procedencia, son ben importantes. Aluden á raíz dunha comunidade, danlles sentido. O venres pasado, en Corcubión, tivemos o gustazo de que Jano Lamas, erudito local de Corcubión e bo amigo, nos levara ata San Andrés da Canle, cerna das lendas de orixe, espazo orixinal de Corcubión. San Andrés da Canle é hoxe sobre todo vestixios de socalcos e importantes obras hidraulicas tradicionais de canalización do pequeno regato de San Andrés. Pero hai un espazo, o igrexario, hoxe unha ampla terraza, no que a tradición fala sobre a igrexa orixinal. O visitador episcopal aínda veu as súas ruínas no século XVIII, e mandou tiralas para que non se realizaran “actos sacrílegos”. Que actos serían? Ritos de fertilidade tan do gusto desta Costa da Morte?

Espazo coñecido coma o Igrexario. Aquí está soterrada a antiga igrexa.
Alí, en San Andrés, refuxiados nunha valgada, agachados da vista do mar pero cun control directo da ría de Corcubión, as comunidades que alí viviron ao longo dos séculos subiron a refuxiarse das invasións piratas; cóntao Xelmírez no século XII na Crónica Compostelana, pero tamén contáno aínda hoxe as xentes de Corcubión. O refuxio, o lugar secreto e protexido, hoxe unha umbría pola que corre sen parar a auga. Un lugar fermoso e discreto. O último que marcha dun lugar habitado, en Galicia, é a igrexa. A igrexa mantívose como parroquia durante séculos, e tamén o cemiterio. E seica alí viviron tamén “frades mercedarios”. Todo está aí abaixo. Pero a pedra boa foi para a igrexa nova de San Marcos. E hai un grial “desfragmentado” no Camiño Real, nunha casa, que seica tamén procede do San Andrés da Canle e que aquí vedes.

O Grial “deconstruído” procedente de SAn Andrés da Canle. A ver se distingues as tres pezas.
Un patrón cultural común?
Pero cando visitaba San Andrés da Canle, viñéronme por comparación outros dous lugares de orixe das nosas rías que tiveron algún tipo de actuación arqueolóxica. O que me chamou a atención é que curiosamente, os dous lugares son practicamente idénticos aos de San Andrés da Canle, como se houber un patrón cultural de establecemento destes lugares. Un deles é o rego de Quintáns, na Pobra do Caramiñal, onde a xente lembra que antes estaba o “concello”. Aló, baixo os piñeiros, no fondo dun minúsculo val, cabo dun caudaloso rego, hai unha campa que aínda soa hoxendía cando se camiña por riba dela soa a oco. Hai máis dunha década o lugar foi obxecto dunha minúscula prospección que revelou a existencia dun camposanto baixo os piñeiros que investigara Acuña Castroviejo, aínda que a súa cronoloxía -creo lembrar, non está publicada- era “tardorromana ou medieval”. En realidade, debe agachar a existencia dun pequeno complexo relixioso cunha capela que mesmo desapareceu da memoria popular.
O outro exemplo está en Louro, en Valga, onde se escavou hai pouco o xacemento interesantísimo da Igrexa Vella de Santa Comba de Louro (Valga). Pódese consultar abondosa información no web oficial. O equipo dirixido por Emilio Ramil revelou unha impresionante secuencia cultural nese xacemento das orixes, que os veciños de Valga sancionaran marcando cun cruceiro o antigo emprazamento. Nunha valgada profunda, cun caudaloso regatiño ao carón, o xacemento da igrexa vella comezaba cun enigmático forno tardorromano -testemuña da secuencia habitacional entre a época romana e a Alta Idade Media, ao que seguía unha pequena igrexiña paleocristiana -unha das primeiras, senón a primeira- escavada integramente en Galicia, contemporánea do final do Imperio e do Reino Suevo. A ela sucedíalle outra igrexa destruída por un incendio ao redor do século IX -unha visita pouco amistosa dos Lordomani?- e outras fases medievais e de época moderna.
O interesante, como digo, é a estraña e curiosa coincidencia de ubicación entre os tres sitios arqueolóxicos: San Andrés do Canle (Corcubión), Quintáns (A Pobra do Caramiñal) e Igrexa Vella (Valga). Os tres están en lugares apartados do litoral, pero ademáis, deliberadamente ubicados en valgadas pequenas que sufrirían posteriormente densos usos agrícolas. E os tres dispoñen dun pequeno curso de auga ao carón. En ambos os tres, ademáis, o lugar é recoñecible por estruturas aterrazadas e socalcos, que agora sabemos que se inician en Galicia como técnicas agrarias ao final do Imperio e principios do mundo suevo. Aquí podes ver os tres:

Imaxe LIDAR do refuxio de San Andrés da Canle (estrela) en relación a Corcubión.

LIDAR de Louro (Valga). A igrexa vella (estrela) e notade a proximidade do castro.

LIDAR de Quintáns (A Pobra do Caramiñal).
En Galicia, as lendas e a realidade son dúas caras da mesma moeda, que achegan valiosos datos para coñecer como se foi conformando a poboación da costa. Se es dalgunha vila costeira galega, tes constancia de relatos similares na túa zona?
Quero agradecer a Jano Lamas o seu guieiro e consolidada documentación que nos permitiu coñecer este antigo refuxio da súa vila.

Falando dos Lordomani, viches a serie “Vikings” Manuel?, quen sabe se en Corcubión tamén atoparon estes a súa Inglaterra do sur.
Si, pero aínda vin só un par de episodios. Estou agardando a ver algún máis para comentala. :-)
Son fillo dunha muller das Rías Baixas e dun chairego… a percepción mutua de labregos e mariñeiros, descrita no primeiro párrafo, arrancoume un sorriso. Pero abofé que tales tópicos entre as xentes da costa e do interior existen… crecín rodeado deles ;-)
Em Betanços tes Betanços o Velho em Tiobre
Mui bom post coma de costume! Gracinhas!! Respecto de histórias semelhantes penso q há umha na minha vila, ainda que referida a outra parróquia polo que nom podo dar muitos detalhes. Santo Andrés do Hio tem umha lenda vinculada tamém a um traslado, ainda que neste caso vinha directamente do castro que está em Donom, no Facho, dominando os cantis dende o alto. Santo Andrés mesmo herdou as manhas sandadoras de Berobreo, ao que se ofreciam os peregrinos em época galaico-romana. Espero nom ter mesturado cousas que nom som. Penso que foi assim que lhe escuitei a alguém a história. Umha aperta!