
O escenario é Volterra, se cadra unha das cidades-vilas máis impenetrables da Toscana nas que eu me teño topado. Volterra e a súa comarca é destes lugares nos que aínda falan de cando os invadiron os romanos; así de forte é o sentido etrusco deste fermosísimo país toscano polo que é imposible non sentir continuamente nostalxia -especialmente con este tempo autenticamente agresor. Aquí, en Volterra, a herdanza desa misteriosa cultura que é o mundo etrusco segue con certa forza visual, monumental e sentimental.
O arqueólogo e escritor de sona Valerio Massimo Manfredi emprega Volterra e os seus arredores para un excelente best-seller, un thriller de notas fantásticas, lendarias e mitolóxicas, protagonizado por un arqueólogo que se ve envolto nunha maldición milenaria que aterroriza as noites da cidade e do campo. As difíciles relacións entre a administración de Patrimonio, a policía, a localidade e o eterno cancro do furtivismo arqueolóxico italiano vanse tecendo polo medio desta historia que, sen máis -nin menos- pretensión que entreter e enganchar -como me gustaría a min escribir así- tenche collido no corazón e sementa en ti as gañas de volver a esta cálida terra onde o tempo é capaz de negociar treguas.

Be First to Comment