Enric González: memorias demasiado líquidas

Last updated on 3 / Abril/ 2013

As autobiografías. Que cousa complicada que son! Se as escribes moi cedo, escríbelas en quente, e cando a carne está en quente todo parece que encaixa sen problemas. Se tardas en escribilas, poida que te entre a derrota -máis que o beneficio- da dúbida. Sería así, ou non sería? Preciso ponderalo antes de facelo público.

Pensaba iso nestes días mentres lía as Memorias Líquidas de Enric González (só en electrónico, editadas por Jot Down, mercables aquí). Para quen non o coñeza, Enric González é un veterano xornalista de El País que durante o último ERE apuntouse por el mesmo na rolda de despidos para iniciar unha nova vida, na cincuentena, como free lance e agora en El Mundo. Repasando os arquivos de Capítulo Cero, descubro que sempre que falo de Enric González (dos seus libros) irrúmpeme a frase “non sei que pensar”, que repito en cada post, o cal revela, por unha banda, a coherencia da miña capacidade perceptiva ao longo do tempo e por outra, a miña vagancia na procura de recursos verbais un pouco máis ricos. Pois ben, con Memorias Líquidas non sei que pensar. Ou si.

Pensadas en realidade como unhas memorias profesionais, de veterano xornalista, estas historias de Enric González van dando conta da súa vida profesional en El País (o groso da súa vida profesional). Son entretidas, interesantes e intelixentes, pero hai un problema, ao meu ver. Desde a miña perspectiva persoal, máis que unhas memorias profesionais, son unhas memorias da súa relación cos seus xefes, coa autoridade competente, vaia. Se ben é certo que é o xefe, en última instancia, quen decide o cambio da túa vida (de correspondente en Nova York a correspondente en París, por exemplo), as Memorias Líquidas de Enric González escasean precisamente no líquido que prometen: o conciliábulo noturno de xornalistas, o que se aprende das fontes, as vivencias atravesadas no camiño, que poden ser aventureiras ou non. Lembro, por exemplo, unha magnífica pasaxe trazada dun encontro cun Miterrand solitario e case ausente; en si mesma é tan maxistral coma o dramático relato -que pon os pelos de punta- dunha muller e o seu neno en Ruanda. Escribiría Enric González tanto da autoridade competente se decidira facer unhas memorias profesionais dentro de cinco ou dez anos? Aí fica a miña dúbida. Non se pode negar, tamén, que documentan un periodo crítico para un dos diarios de referencia do mundo, a súa transformación e a inxerencia dos grupos económicos, cada vez maior, na independencia da redacción. Pero tamén a ansia e a desesperación para frear precisamente esa perda de referencialidade.

Sen embargo, as Memorias de Enric son bastante pudorosas nese ámbito, e si moi detallistas nas enredadas cos xefes. Particularmente, non me interesan o máis mínimo as revisións deste tipo a nivel persoal, aínda que os teus xefes sexan directivos de El País: o que revelan esas Memorias é que os xefes de El País son basicamente coma os xefes de, non sei, La Vanguardia, do Eroski ou de Inditex. Xefes. Por veces sentín que o libro estaba escrito para unha estraña categoría de intelectual español, que recoñecín unha vez no rencor dun catedrático progre cara El País nun seminario da Menéndez Pelayo: esa categoría de intelectual español ao que nunca convidaron a colaborar en El País e, xa que logo, está inmensamente resentido ao respecto con este medio que non pode deixar de ler diariamente. Para este tipo de lector -que ten unha causa tan noble ou miserable como outra calquera- estas Memorias Líquidas, coas súas críticas e retratos de Cebrián ou de Javier Moreno, resultarán se cadra bastante sabrosas.

A min, que buscaba máis do oficio, da mirada e das consecuencias da escrita de Enric González, soubéronme a pouco.

2 Comments

  1. Luis
    1 / Abril/ 2013

    Interesante reseña. Hoxe vin nunha librería-café de Plasencia “Memorias líquidas”, en formato papel. Encadernado en cartoné, con pastas vermellas. Polo que me contou a dona do local, o libro non se vende, o que lle chama a atención tendo en conta que a revista Jot Down sí parece ter unha certa aceptación…

  2. 1 / Abril/ 2013

    A quen lle guste a cousa xornalística moi de dentro, Luis, está ben. Pero para min é unha oportunidade non moi ben aproveitada. Mágoa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *