
Xa temos falado en Capítulo Cero dun dos enólogos máis sorprendentes e bravos deste país: Xosé Lois Sebio. Nos últimos anos, Sebio está a apostar por unha liña de viños elaborados baixo a súa propia marca, entre os que sobrancea este Salvaxe 2010, un Ribeiro elaborado a partir de cepas de fincas de Gomariz e Arnoia. Pura marabilla, señora: un viño branco feito a partir de variedades “marxinais”, como lado e silveiriña, con achegas tamén doutras variedades máis estendidas, como a treixadura ou o godello. Cepas vellas, moi vellas, tratamento biodinámico, sen a penas manipulación en adega, segundo o seu elaborador, e que ofrece unha nova visión, única ata o momento, dos brancos galegos. Complexo, equilibrado, de trago moi longo, ideal para explorar ao longo de todo un xantar. Probárao hai un par de anos, pero sen dúbida gañou redondez e complexidade con este tempo en botella. Un auténtico tesouro nos brancos de Galicia, non volo esaxero. Sebio fixo 1340 botellas, así que cousa non é nada doada de conseguir, pero paga a pena meterse na xungla enolóxica para facerse cun par de botellas (só conseguir unha crea ansiedade).

Be First to Comment