Dous Shakespeare desde o presente

Last updated on 29 / Marzo/ 2013

Non toda a cultura sobrevive, coa súa mensaxe, ao longo dos séculos, nun sentido case diáfano e esencial. Teño aquí na casa un monllo de noveliñas victorianas de amor, un fato de relatos baratos de vaqueiros, baraturas literarias dos anos 20. O seu interese pasou do entretemento ao árido e técnico terreo da antropoloxía e da filoloxía. Ninguén coñece o mecanismo da linguaxe universal, ou máis ben do sentido universal: ese que é quen de comunicar un drama directamente ao corazón e ao longo dos séculos, con certa facilidade, como un coitelo que entra na manteiga que pasou toda a noite sobre a mesada da cociña. Pero de algún xeito, os relatos sobre o poder de William Shakespeare conseguírono. Sempre é fascinante contemporizar o relato, trasladalo ao mundo contemporáneo. Nos últimos anos, se cadra a turbulencia dos tempos, das políticas e das crises axuden a conseguir esclarecer o texto. Pero o parasentido que percorre as imaxes destas dúas películas vai máis alá: representa o noso diálogo, a nosa achega desde o presente a esta representación da natureza humana.

I. Coriolanus

Dirixida polo actor Ralph Fiennes, e ubicada nun tempo e lugar imprecisos -entre os 90 e o presente, entre os Balcáns e Inglaterra- este relato sobre o soldado sanguinario e cruel que é preciso para a existencia dunha sociedade, pero os sentimentos encontrados que este esperta entre a comunidade que protexe, non pode ser menos que sobrecolledor. Traído ata o presente a través de toda a parafernalia das imaxes tan acaídas dos grupos de combate norteamericanos en combate urbano por Basora ou Bagadad, a relación entre o fascista salvador e a plebe que o rexeita trala victoria é unha boa reflexión sobre as formas de autoritarismo contemporáneo, moitas veces encuberto en metadiscursos que o envolven e camuflan.

O papel de Ralph Fiennes é potente, pero se teño que escoller, quédome coa impresionante presenza da súa nai, Vanesa Redgrave, convertida na esixente nai, que encarna esa figura de moralidade austera e incorruptible, eterna fronte ás turbulencias do asasino desbocado.

Trailer:

II. César debe morrer

Tan atípica como marabillosa, esta película dos irmáns Paolo e Vittorio Tavani, dous chavalotes de 81 e 84 anos respectivamente, é un estraño xénero: unha docuficción que son dúas historias ao mesmo tempo: o drama shakesperiano Xulio César, por unha banda, e a súa preparación e representación por un grupo de presos (reais) da cadea romana de Rebibbia.

O obradoiro de teatro do director Fabio Cavalli nese cárcere é real; boa parte dos actores, presos con longas cadeas de 15 anos ou mesmo perpetuas por crime organizado ou asasinatos, representan as diferentes personaxes do drama de Shakespeare. Como lembrarán, esta historia vai sobre a conxura republicana para deter a futura tiranía de Xulio César, na cimeira do seu apoxeo de poder. Unha obra na que se debate continuamente sobre o concepto de liberdade colectiva e individual, sobre a entrega a unha causa e sobre a traizón ás persoas e a estas causas. Os presos do penal de Rebibbia interpretan maxistralmente esta peza de Shakespeare, ensaian por corredores e angostos patios nos que a luz pasa sempre de esguello. É imposible, para eles, non atopar nas liñas do texto das súas personaxes, a lembranza da súa propia vida e pena. E o mecanismo de liberación que supón o teatro failles ser conscientes, aínda máis, do seu confinamento entre as catro paredes. Os irmáns Tavani rodaron esta xoia pola que acadaron o Oso de ouro na Berlinale.

Trailer:

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *