“De castros a castelos”, unhas orixinais e interesantes xornadas en Carnota

Son un absoluto entusiasta dos ecosistemas creativos: cando creas un contorno, un ambiente de creación, a paixón diversifícase de xeito organizado: por iso a cultura hai que fomentala de xeito aberto, creando ‘campos de xogo’ que dean lugar a iniciativas policéntricas. Isto está a acontecer en Carnota, onde a Asociación Monte Pindo Parque Natural acaba de montar unhas xornadas de luxo, “De castros a castelos”, moi orixinais no seu prantexamento. Celebraranse en Carnota o 1 e 2 de xuño, e son un complemento fantástico para os proxectos arqueolóxicos en curso no concello e no debate xeral no país sobre estes momentos da nosa Historia:

Durante dous mil cincocentos anos, boa parte de Galicia foi unha paisaxe fortificada. Desde a Idade do Ferro ata a caída dos Irmandiños a finais da Idade Media, Galicia viviu un intenso proceso de fortificación e construción de estruturas defensivas e militares. Comprender os procesos de cambio, as causas da fortificación e da súa decadencia son as claves das Xornadas de Historia e Patrimonio “De Castros a Castelos”, que se celebrarán na Casa do Concello de Carnota o 1 e 2 de xuño, organizadas pola Asociación Monte Pindo Parque Natural.

Participarán arqueólogos e historiadores especialistas nas diferentes épocas, nun programa completísimo. Os prezos de asistencia, de aloxamento e comida para os que queiran vir pasar eses dous días a Carnota son moi populares (habitacións a 20 euros, manutención a 10, inscrición a 5 euros). Pódense presentar comunicacións. Toda a información está dispoñible no web das xornadas. E aquí tamén podes acceder ao programa.

3 Comments

  1. Luis
    12 / Marzo/ 2013

    Outra ocasión máis na que os galegos da Diáspora quedamos cos dentes longos… Hai algunha posibilidade de desfrutalo en diferido? Intención de publicar as actas ou de colgar na rede videograbacións?

  2. 12 / Marzo/ 2013

    Pois non che sei, Luis. Ponte en contacto coa asociación, a ver que te conta ao respecto!

  3. maceirax
    1 / Abril/ 2013

    Si, vanse publicar as actas, aínda non se decidiu o formato. Asi mesmo pretendemos gravar as conferencias, ou cando menos retransmitilas súas novidades textualmente polas redes sociais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *