Last updated on 17 / Marzo/ 2013

Esta historia rematará en outono, cando as follas se prendan pegañentas entre os zapatos.
É unha historia escoitada entre susurros, ao longo dos anos, unha historia que gardas en conversas que se van repetir moitas veces, alí almacenada entre o son das palabras repetidas.
A historia foise escoitando entre anacos de lume prendido, entre brisas que abanean serpeantes nun bosque de solpor.
Historias que dormitan no soño das criaturas máis abaixo dos tobos.
Historias que só poden pronunciar os mudos e as sombras. Historias dos vencidos e de todas as sombras tralos cons e penedos.
Historias para gardar cabo da cama, para regar con elas as sabas e volver a elas o día seguinte.
Historias que nin ti nin eu tivemos, pero que botamos en falta sen sabelo.
A palabra é unha testemuña gris na beira do carreiro; levada polo vento e a chuvia. Da súa topografía no territorio naceron as palabras, do barro que formou apareceu a tinta; da memoria naceu a vontade de que a peza sexa fermosa, auténtica, coma o último canto dun cisne. Porén, parte da historia nos acompañará, pegada a nós para sempre, mudada en paquetes numéricos; aló onde vaiamos, o mundo estará connosco.
Comeza este último chanzo da vida das palabras.
Cando o sol doure as carballeiras, cando as congostras cheiren a lama recén creada, cando as lesmas comecen a andar lentamente o seu pequeno e inmenso camiño, entre o verde e o pardo,
Nese momento, será nese momento, cando poidamos pronunciar o nome dos esquecidos.

que son os paquetes numéricos?
Xa o verás. ;-)
Estás a traballar nun próximo relato?
Otra cousa, que non ten nada que ver, tes algo que ver coas xornadas de castros a castrelos?
Martín, as profecías son pechadas en si mesmas. Non se poden ampliar (por agora) ;-)
Si, convidáronme a dar unha charla no de Castros a Castelos. Organízao a Asociación Monte Pindo Parque Natural. Teño que dar noticia disto esta semana, pero xa adianto que é unha gran idea e parabenizo aos que a tiveron!