Last updated on 10 / Marzo/ 2013

Estes homes e mulleres que deberan estar desfrutando dunha última tranquila etapa laboral antes da súa xubilación pasan as horas libres dos seus traballos en peches por todo o país, vestíndose camisetas, levando termos de café nos bolsos e facendo soar incómodas e insanas bocinas. Durmen intraquilos, as súas conversas son monotemáticas e síntense profundamente sós e abandonados: os responsables públicos non son quen máis de poñer unha cara de conmiseración mentres pensan como escaquearse do problema. Algúns espabilados de máis beiréanos e un intenso cheiro a podremia se despide das oficinas onde antes os atendían máis ou menos dignamente. Son os afectados polas preferentes: pequenos aforradores deste país que foron directamente enganados por empregados sen escrúpulos que participaron dunha impresionante corruptela global.
Hai anos, nun cóctel de emprendedores e TIC organizado polo Goberno galego (etapa Fraga), achegousenos un coñecido que, coma todo o mundo, evolucionaba gracilmente entre corrillo e corrillo. Con asombro, mesmo con estupor, preguntounos estrañado ao final do cóctel: “e a min, por que ninguén me corrompe?”. Esa frase amoral presidiu e preside o estado das cousas que nos rodea. Unha corrupción non só legal, senón ética e moral: todo o mundo está disposto a poñerse un prezo no mercado das cousas, e nin sequera demasiado alto. Nada cambiou neste sentido, pero a vida demostra que hai xente e xente, e persoas e persoas.
O que non lles contarán moitos medios é que moitos dos líderes dos movementos de afectados polas preferentes, curiosamente xa cobraron e recibiron o 100% do investido. Nova Galicia Banco tentounos desactivar a base de restituirlles os aforros, saltándose os seus opacos procedementos de arbitraxe e avaliación. Pero moitos destes líderes -e aquí vén a lección de ética- seguiron ou seguen dando a cara á fronte do movemento, conscientes de que a súa fortuna ten que ver con esa presión colectiva. O banco tentou estender o lixo e a podremia cara o movemento, pero aínda hai quen cre nalgo máis que en si mesmo. Son eles un espello no que mirarse. Un director de sucursal a un líder zonal do movemento, un día a primeira hora, nas protestas:
-Pero que fas aquí se ti xa cobraches?
Fede.
Caixa Galicia e moitos dos seus empregados abrazaron con alegría a decisión de vender merda a puñados; ningún deles, nin os directivos nin eles, foron quen de calibrar que ao facelo estaban sepultando o principal activo que tiña a entidade para estes clientes (nunca o tivo para min): a confianza. Por iso, escoitar a Luis de Guindos e ao Goberno español é basicamente vomitivo: porque insulta aos cidadáns galegos que creron no sistema e na súa confianza, e se fiaron nos seus pequenos aforros dos directivos das sucursais. Ao pretender que estes clientes eran investidores expertos, estáos a insultar e acoplar a unha calaña da que eles non forman parte. A dos especuladores con poucos escrúpulos.
Estas xentes comezaron a aforrar os seus cartos nas últimas décadas do franquismo. Eses cartos sobrevivíronlles ás crises económicas dos 70 e dos 80, pero tamén ás euforias tolas da década do ladrillo. Eses cartos eran un símbolo dunha clase media que non nacera como tal; nunha sociedade que deixara de preocuparse por acaparar terras que por gardar aforros, unha sociedade propiciada polo propio Estado, e organizada en pequenas vilas e en redes de confianza das que formaban parte directores e interventores de sucursais de bancos. Eu nunca crin nin crerei a un director de banco máis alá do mínimo, pero eles si o fixeron, despois de trinta anos xestionando as súas contas.
O máis chamativo desta crise social é o desamparo dos cidadáns. Dun tempo a esta parte, o Estado está desaparecido, e non só iso: pode mostrar a súa cara máis cruel e antihumana contra os lexítimos afectados destas prácticas consentidas e coñecidas por este Estado truhán. A dunha coherción, a dun insulto, a dunha falta de respecto ao cidadán contribuínte durante décadas que desnaturaliza e deslexitima automaticamente a ese propio Estado ao que xa non lle vemos ningún sentido, ese Estado que só protexe aos poderosos e perdeu o camiño da protección ao desvalido. No canto de arroupar aos cidadáns, o Estado actúa coma un psicópata fuxidío. O papel da Xunta nunca foi, por certo, máis marxinal, excéntrica e covarde. O fascinante é que estes homes e mulleres da inocencia gris aínda cren, aínda confían, en políticos que todos os do resto sabemos que xa os venderon, por catro pesos, hai ben de tempo e só agardan é que o asunto, coma todos, remate por enfriarse. Contan dunha señora disfrazada que se atopou este ano a Feijóo no entroido de Verín. Feijóo tamén estaba disfrazado, seica. A señora faloulle das preferentes, e seica Feijóo, coa copa na man, preguntoulle polo seu nome.
O fascinante é que despois de todo, a señora cría, na súa inocencia gris, que depositar ese nome nas entendedeiras do Presidente disfrazado ía ter algún tipo de efecto ou consecuencia, e que non era simplemente unha saída para continuar de copichuelas con razonable comodidade. Teño coñecido ese truco da pregunta do nome desde hai moitos anos, que desactiva ao protestante e lle enche dunha ilusión agradecida cara o poderoso. O teu nome é a túa honra.
Disclaimer: eu teño unha pequena cantidade de diñeiro afectada polas preferentes (nada grave), investida no meu nome por un familiar meu. Pero familiares meus están moi afectados por este asunto. É unha situación moi grave que coñezo de primeira man, e quero aquí deixar constancia da miña ira pero, sobre todo, da súa tremenda indefensión ante a impunidade de banqueiros e Estado.

Bien contado.
Yo conozco a uno que prejubilaron de Caixa Galicia, con cincuenta y pocos años. No se lo creía, justo antes del boom. La sucursal que había en mi pueblo la cerraron. Cada vez que paso a por fruta por delante, y no es coña, me acuerdo de la gente de la que tú hablas.
No hay derecho, no hubo ética y se ha establecido el miedo y la pereza en nuestras burbujas vitales.
Un abrazo.
Unha das cousas que máis me fastidia é o moralismo que se gastan algúns arredor deste tema. A pé de rúa, está relativamente estendida a opinión de que “o merecen, por ambiciosos”.
O caso é que eu tamén coñezo afectados polo asunto. E de cobiza egoísta, nada. Nalgún caso, vellos que despois de xuntar cartos toda a súa vida, intentaron deixar un capital o máis amplo posible aos fillos e os netos. Vivir das rentas producidas, coa única fin de non tocar os cartos que serían para que o fillo puidese rematar de pagar a hipoteca, e o neto estudar nunha boa universidade ou abrir un negocio propio.
Noutro caso, parellas sen descendencia, que véndose no outono da vida, pensan que cando un deles falte e o que sobreviva non se poida valer… se hai que ir a unha residencia, polo menos que sexa das boas.
Penso que non debemos esquecer a carga simbólica que tivo todo isto: na súa inmensa maioría, os perxudicados son aforradores natos. Xentes que traballaron toda a súa vida, e que a base de esforzos e traballo, moitas veces a niveis estajanovistas (incluida, con frecuencia, a emigración) lograron xuntar un certo capital. Capital que sobreviviu ás tentacións consumistas da primeira década do século XXI, onde a xente se empeñaba para pagar cruceiros polo Mediterráneo, cambiaba de coche cada dous ou tres anos, ou invertía en bolsa cunha ledicia digna dun “broker” neoiorquino.
E cando lles preguntas por que picaron, de parvos non teñen nada: recoñecen que se ese producto, e eses beneficios, llos ofrecera outra entidade financieira, desconfiarían. Pero o producto viña da súa caixa de aforros de toda a vida. E con frecuencia, ofertado polo empregado e/ou director de oficina ao que coñecían dende fai lustros ou décadas.
Esa é a carga simbólica da que falo: co asunto das preferentes, a Banca o que fixo foi exterminar á vella garda da nosa sociedade: os aforradores, os que miraban a peseta antes de gastala, os campesiños reconvertidos en urbanitas nos 60, os que se fiaban da palabra dese empregado de banca ao que coñecía “de toda a vida”… As preferentes, ao final, foron un xeito de botarlle o cebo a aquel sector da sociedade menos dado ás aventuras financieiras, e convencelo para que tamén se sumase á festa…
Efectivamente, Pingue, la deriva se perdió y la ética fue inexistente.
Luis, coincido absolutamente no comentario, pero paréceme especialmente significativo o parágrafo final: a perversión de empregar a confianza humana para remexer ese capital potente que non tiñan outro xeito de incluír na voráxine financeira.
Xa é significativo que un home tan moderado coma ti se exprese con esta carraxe. Só un apunte; dis que algúns deses líderes xa cobraron e inda así siguen aí. Eu coñezo un que ainda foi máis aló. Chamárono para a arbitraxe tres horas despois de facer unhas declaracións críticas coa Xunta, e, atención, el non o solicitara! Cando é un requisito indispensable, claro. Pois ben, este home rexeitouno. E dixo, “ata que cobre o último da plataforma, eu non participo de ningunha farsa”. E aí segue, ao pé do canón. (O asunto está humildemente publicado).
E un ha autentica vergoña,
confiemos en que podan solucionarlle
o tema os afectados, e que se apliquen o conto
de que cando as barbas do teu veciño
vexaS RAPAR………..
Eu non son un dos afectados por este tema. Tampouco teño familiares nin amigos, que eu saiba, envoltos nel. Mais non son alleo a un gravísimo problema, baseado nunha aberrante estafa, que afecta a moitos e moitas dos meus concidadáns.
Coma ti, tampouco eu depositei confianza algunha en ningunha entidade financeira nin en ningún dos seus “amistosos” empregados. Nin antes nin, por suposto, agora.
Pero son un máis á hora de esixir XUSTIZA nas rúas. Xustiza que pasa pola restitución do que se lle debe a cada un dos estafados (e ata o último céntimo) e a petición das responsabilidades penais que correspondan.
A miña solidariedade con eses milleiros de estafados por individuos sen escrúpulos nin vergonza.
La mayoria de los gallegos salimos del campo aldea,y somos sabedores que nunca se nos ocurriria hacer fusionar forzosamente a varios labregos, son cientos de años de historia y si se fusionaran varias familias de labregos seria contraproducente por lo tanta a las cajas las acabo de matar las fusiones forzosas .
Pero por la zona de O Corgo Lugo ya se anuncio hace años parte de lo que sucede ahora en varios escritos y en Manuscritos Persianicos –