Última actualización o 3 / Marzo/ 2013
A terra de Taboada e o interior de Lugo é o país das casas grandes. Non necesariamente solariegas, pero si estensas, monumentais, representando a potencia e o poder familiar. En Taboada, os veciños aínda coñecen con certa precisión a xenealoxía das familias dos numerosos pazos veciños ás súas aldeas, pero o certo é que non hai tanta diferencia monumental entre eses pazos e algunhas fermosas casas de labranza que integran baixo teito diferentes módulos funcionais: desde as habitacións ata eses grandes currais. Un pracer para os amantes da arquitectura de todas as épocas. Con esta facilidade explícancho en calquera cuneta na que pares a preguntar:
-A dona de Sabadelle, que foi dos Temes, tiña outros 19 pazos, dos que o máis sonado era o de Tor -coméntanme nunha das aldeíñas desa parroquia- Cando ela se meteu a un convento, deste pazo saían carros cheos de pezas de prata. Ao cargo del quedaron un administrador e un sancristán. E iso foi hai máis de cen anos.
Así é a memoria que se conta nas portas destas casas centenarias.
O inverno deunos unha tregua para explorar este fermoso territorio. Mercé ás xestións da familia da Casa do Romualdo, puidemos admirar unha das pezas máis impresionantes da Idade de Ferro galega, preservada por unha familia desde hai máis de cen anos. Está nunha aldea chamada Ralle. E chámase así. El é o Guerreiro de Ralle.

Fotos: Sole
A peza en si mesma, coma todas as pezas arqueolóxicas valiosas, é unha portadora e xeneradora de historias do pasado, pero tamén unha xeneradora de sucesos contemporáneos. Ela mesma ilustra a relación da sociedade galega co patrimonio cultural, a percepción dos medios, dos investigadores e dos afeccionados. O guerreiro de Ralle atópase nunha antiga casa de labranza; cando nos abriron a porta para deixárnola ver, ficamos abraiados. A cabeza, a cabeza dun xigante, descansa orgullosa no medio do curral restaurado, no lugar máis noble desta casa que os seus actuais propietarios están a restaurar no seu tempo libre.
Ver enteira esta cabeza de guerreiro, que logo describirei con máis detalle, ten un valor especial. No ano 2008, poucos meses despois da súa descuberta, os medios publicaran que a cabeza fora destruída polo desleixo dos propietarios. Seica houbera unhas obras na casa e os albaneis foran pouco a pouco escachándoa. Tamén se comentara por outros lugares que os donos, uns vellos labregos, vendérana. Na rede aínda se poden ver moitos dos típicos comentarios apocalípticos sobre o desprezo ao patrimonio por parte dos campesiños, ao desleixo das administracións…comentarios mecánicos, case automáticos, que só contemplaron unha parte desa realidade. Aínda que no medio arqueolóxico sabíase que a cabeza seguía existindo, existe a idea popular de que a cabeza, efectivamente, fora destruída, cumpríndose un episodio máis do noso proceso de autodestrución.
A realidade era exactamente a contraria, segundo me contan os actuais propietarios da casa. A filla herdou as propiedades e hoxe, canda o seu home, desvélase por restaurar e devolver esta fermosa casa taboadesa ao seu esplendor de finais do XIX. A cabeza de Ralle levaba -segundo calculan os familiares- alomenos un século con esta familia labrega de Taboada. Na idea popular pénsase que chegou do xa finado castro de Vilela -ese si destruído por unhas obras, pero públicas- hai non moitos anos. Cando a existencia da cabeza se fixo pública nos medios académicos e de comunicación -ano 2008- ata esa aldea de Ralle achegáronse numerosos curiosos, que crebaban a existencia habitual e silandeira desta casa. A vella, xa viúva, atendía as visitas e permitíalles ver esta magnífica peza galaica: chegaban ata excursións de nenos. Nos medios apareceran datos xugosos que perfilaban certa idea do barbarismo: a cabeza estaba gastada, dicíase nos medios, porque empregábase como poio para subir e baixar do cabalo.
Un día apareceron cinco homes por Ralle no lusco fusco, pedindo ver ao guerreiro. E aquí onde pasou o sucedido: a vella, desde a fiestra, asustouse, e foi cando dixo que a pedra xa non estaba, que xa crebara. Aqueles cinco homes de ben -cáptese a ironía- escandalizáronse co asunto, e aos poucos días, senón o seguinte, a Voz de Galicia falaba do destrozo da peza milenaria e do desleixo das Administracións. Todo o mundo puxo o berro no céo pero ninguén preguntou á vella, nin aqueles cinco homes non se lles ocorreu pensar que a súa chegada a esa aldea estaba a ser, na noite, profundamente inconvinte e a deshora. Aínda lembro o caos que provoquei eu e un amigo nunha aldea de Repostería (Palas de Rei) cando chegamos case á noitiña a ver un castro que estaba ao carón dunha casa. Nós iamos case correndo (para poder velo antes da noite) pero na casa interpretaron con lóxica que non andabamos a nada bó. De aquela aprendín a escoller ben a que hora se fan as visitas arqueolóxicas.
A sociedade rural da Galicia de inicios do XXI é unha sociedade do medo e da soedade. Eses dous conceptos que non poden ser separados: o medo e a soedade. Vellos vivindo sós en casas vellas, que fan ruídos. Vellos que sinten o medo da soedade, amedrentados por programas de sucesos no rural, coma o Galicia Noticias da Televisión de Galicia, que constrúen -eu creo que deliberadamente- un rural galego rodeado de perigos, estraños e bandas rumanas. Fíxense nos paseos do rural: o bosque, ese bosque medra espeso alí onde había campos abertos de labor, é a penas franqueado polos vellos. Prefiren percorrer as terribles pistas cabo das autoestradas e vías rápidas, por terreos desestruturados e infames, antes que os seus vellos camiños, por medo a axentes estraños das mitoloxías contemporáneas, coma os rumanos, os xitanos ou os droghaditos.
Hai que entender ese medo para comprender a mentira da vella. A vella inventou un relato de destrución para salvarse a si mesma, nesa noite escura, de cinco homes dos que desconfiaba. Pero tamén hai que entender que a peza segue a ter un poderoso valor simbólico para as xentes desta casa e, o que é máis fascinante para min, quizais non moi lonxe do seu sentido orixinal. Malia o medo, fíxense, a peza debe ser defendida mesmo con mentiras. A vella defendeu a cabeza.
-É da casa -dime Ángel, o propietario, ollando cara o guerreiro, cunha admiración que non parece desfeita pola visión cotiá deste xigante de hai dous mil anos. Esas tres palabras repetíronseme durante toda a fin de semana no rural lugués. É da casa. Unha frase aplicada por igual a humanos, animais, pedras ou trabes.
Como coñezo uns cantos prezos dos pagados pola comisión de monumentos da Xunta a paisanos por achados, insinúolle unha cifra probable de custe desta marabillosa cabeza de guerreiro, coma quen guinda unha botella ao mar. A cifra éntralle por unha orella e sáelle pola outra, e emociónome.
-É da casa -e encolleuse de ombreiros.

O guerreiro parece mirarnos. Está impecablemente coidado. Dámoslle a volta e localizamos na caluga onde se ven aínda ben os trazos do fermosísimo e épico casco que un día foi perceptible ao longo da súa cabeza.
-Dicían que a miña familia o empregara para pousar o pé ao baixar da besta -di a propietaria, con certo punto de anoxo- e iso non é certo. Sempre foi da casa, sempre estivo ben coidado -e sinalaba o lugar onde tradicionalmente se preservara.
O Guerreiro encádrase perfectamente no xénero artístico das cabezas da Idade do Ferro galaicas. Unha peza colosal, unha cabeza de máis de oitenta centímetros de altura. Laureano Fernández Carballo, o arqueólogo que realizou os primeiros estudos, estima que a peza foi parte no seu momento dunha enorme escultura de ao redor dos catro metros de altura, e que o torques que rodea o seu pescozo e de maior tamaño de representación en toda Europa: puro poder. Con independencia de que fose unha escultura de corpo enteiro ou só un busto, a peza continúa a impresionar como debeu ser no seu tempo. E hai un detalle ben fermoso.
Ángel, o propietario, sinálame a composición da pedra: un granito un tanto ruín con numerosas incrustacións de cuarzo, o que tecnicamente se describe como “granodiorita con megacristais”.
-Non sei por que escolleron esa pedra, por que é moi mala, e dígocho eu que me dedico á restauración -dime Ángel.
Nese momento alguén abre a gran porta do curral. Entra unha facha de luz, das últimas do día. E a cabeza parece gardar na tona do granito parte desa luz e volverse branca. É algo bastante chamativo.
-Eles sabían escoller moi ben a pedra, pero é que esta pedra creo que ten este truco -dígolle.
A pouca calidade do granito seguramente facilitou o desgaste do frontal da cabeza ao longo dos séculos (hai que fixarse que a parte traseira do busto está moito menos desgastada) pero no seu tempo, cando a luz do sol lle daba de fronte, esta cabeza debía destacarse, brillar, tornarse branca coa luz da mañá, do solpor ou da lúa chea. O seixo, de novo, no centro enigmático dos obxectos da nosa cultura. Debera ser o seixo nomeado a pedra nacional de Galicia, acompañante durante milenios e culturas distintas as arquitecturas humanas.
A recente descuberta no castro de Besomaño, en Ribadumia, doutra cabeza de guerreiro, aparentemente na súa posición orixinal, permítenos especular coa ubicación destas. Se ben os científicos imaxinaron estas esculturas guerreiras nas proximidades das portas de acceso aos castros, a descontextualización dos achados de cabezas e estatuas formaban un auténtico…crebacabezas. Pero en Besomaño a cabeza estaba exactamente aí: un busto incrustado na muralla, ao carón do acceso. Rafael Rodríguez, o director da intervención, chámalle o Protector. E se cadra esta é a función destas figuras.

Senteime fronte a el, e pensei na súa función apotropaica, a súa conxura contra o mal que podía ameazar á comunidade. Fixámonos no curioso lacus que a figura tiña tallada na copa da cabeza, non sabemos se accidental ou intencionado. E sentado fronte a el tiven a tentación de miralo e preguntarlle: “Quen es?”. Porque a súa figura, a figura de heroe que ten no pescozo o torques máis grande esculpido xamais na prehistoria europea, é profundamente humana. Os galaicos non colocaban nas portas a figuras aparentemente sobrenaturais, dunha natureza distinta; non había monstros imaxinarios asiáticos, senón homes colosais, pero homes á fin e ao cabo. O defensor era un deles, alomenos na súa presenza física. Canto tería esta figura de mito, canto de realidade, canto de memoria?
Pensei tamén no enigma dos cascos, eses cascos que aparecen con tanta frecuencia nas estatuas dos guerreiros galaicos, pero están ausentes ata o momento do rexistro arqueolóxico. Si é certo que apareceron algúns, en Portugal, ou en Salceda de Caselas, pero…por que non máis?
Pensei en como a vella de Ralle defendera ao Guerreiro de aqueles que pensaba que o ían roubar. É que a ancestral función de defensa deste xigante de granito e seixo, ás portas do castro de Vilela, fora invertida por aquela anciá. O castro de Vilela, por certo, que revelou un interesante arcaísmo: abandonado durante os tempos da invasión romana, foi reocupado por outro grupo indíxena (ou o mesmo) setenta ou oitenta anos máis tarde. Durante douscentos anos viviron alí, en pleno Imperio romano, mantendo unha cultura material esencialmente antiga, máis propia da segunda Idade do Ferro. Entrementres, o Imperio avanzaba cara o seu declive. É deliberado este arcaísmo como identidade, ou só responde a unha posición de aillamento cultural, de excentricidade con respecto aos grandes roteiros comerciais romanos? O pequeno lacus ubicado sobre a cabeza desta xenuina peza galaica parece que sobre o poderoso imaxinario simbólico das xentes dos castros se pousaron usos sacrais romanos. Quen sabe!

O guerreiro de Ralle, as protestas para o seu traslado a un Museo, fixéronme pensar. Escoitei as palabras daquela familia, que amaba a pedra como parte da súa propia identidade de casa, ese punto intermedio entre a identidade colectiva e a identidade individual. Tamén lembrei a prevención subxacente en moitas declaracións de especialistas, en relación a que a pedra podía estar en perigo simplemente por estar nas mans de aquela familia labrega. Pero pensei máis.
Pensei na memoria deste país, desde o século XV ata o XX, gardada nos pazos deste país. Memoria apodrecida en arquivos húmidos, memoria vendida a anticuarios de Madrid, cadros retirados nas noites escandalosas, incunables xogados en casinos, nas aras romanas-maceteiro. Pensei en que aínda faltaba a primeira vez -ata que o Sorriso de Daniel reclamou a devolución de dúas figuras elaboradas pola escola do Mestre Mateo para a Catedral de Santiago do Pazo de Meirás- en que nos escandalizabamos polos tesouros gardados nos pazos e furtados, polo tanto do acceso público. Pensei que nos indignabamos con que un guerreiro estivese depositado cunha familia porque esa familia nos permitiu o acceso ao guerreiro. Pensei en todas as coleccións arqueolóxicas e artísticas inaccesibles, gardadas nos pazos galegos, e en coleccións nos pisos das rúas céntricas da Coruña, Compostela, Madrid e Vigo que nunca saíron ou sairán nos medios, e polas que nunca nos escandalizaremos. Boa doble moral! Cal é a solución para este Guerreiro de Ralle? Unha solución que pase pola dignidade.
Ángel e máis eu dámoslle voltas lentamente ao guerreiro de Ralle. Cando marchamos da antiga casa petrucial, case lle tiña escoitado besbellar o seu nome entre os beizos de granito, respondendo á miña pregunta discreta.

Conheces o achadego dumha cabeça no castro de Guimil em Barro sae mencionada no livro de catalogaciom de Calo Lourido sobre a plastica castrexa
Este artigo tem-no todo, Manuel. Parabéns e obrigado polo gratíssimo momento que passei mentres o lila!
Moitas grazas, Ulmo! Gustavo, coñézoa do libro de Calo, creo.
Acho que o Gustavo se refere a esta cabeça: http://www4.uwm.edu/celtic/ekeltoi/volumes/vol6/6_3/images/fig26_240.jpg
o pazo de Tor,é o mesmo no que viviu Uxio novoneyra?,.
Desocupabanse os castros e volvianse a ocupar,logo no sur de galicia norte de portugal nos abandonaron todos no séculoI?
A Verdadeira dignidade para a cabeza do guerreiro ,que é a nosa dignidade sería aclarar a verdadeira historia,para asi aclarar o noso presente para así teren futuro,por que, somos nós dignos?
Coma escribiu novoneyra,…. hai que soñar as cousas unha por unha ……..repetindo os puntos da muiñeira ,ata fundirnos…
igual o pasado é o futuro depende do que nos fagamos agora ,igual os achadegos arqueoloxicos máis importantes siguen gardados ata que soñemos en darlle a dignidade que merecen,igual …
penso que non entendiches a soidade do rural galego. Alí a soidade é aillamento físico. O monte, os ríos e regatos, as montañas e agora as liñas de tren e autoestradas fixeron que o mundo sexa aínda máis pequeno. Se o vello subía ao neno ao carro e ían velo tren son agora os vellos os que nada queren ver. Xa teñen na tv (na telegaita, a única que é quen de chegar a recunchos orográficos imposibles) a que os achega a un mundo descoñecido, hostil e que non é para eles.
Esa distancia fai que todo o que viven lles pareza cotiá e o que non forma parte de esa rutina, os que veñen de fora ou o que non está alí é unha ameaza descoñecida. Esto todo fainos autosuficientes. Non poden ir a ningures a mercar nada. Na cidade non venden patacas, touciño nin pan. Se queres algo prodúcelo ti. Penso que a día de hoxe o rural está máis aillado que vai 100 anos. E o estará aínda máis co monocultivo forestal. Ao monte irase cada 20 anos a talar todo alí non quedará ninguén
Nemigo, olvidacheste do sin carné,mi madriñaaaaaaaaaaaa
A dios lo que es de dios y al César lo que es del César.
Sin menoscabo de la noticia que nos ofrece aquí Gago debo recordar que el “guerreiro de Ralle” ha sido publicado hace algún tiempo por Laureano Fernández Carballo, arqueólogo y numismata de Chantada, que dio bastante guerra con el tema denunciando, también, el abandono en que está. Esta es la ficha de su publicación en Gallaecia, se accede al texto a través de Dialnet. Después lo publicó también en Ollodagos (Bruselas) y creo que en alguna revista bretona.
O gerreiro galaico de ralle (Taboada-Lugo)
relectura etno-arqueoloxica do Torques
Autores: Laureano Fernández Carballo
Localización: Gallaecia, ISSN 0211-8653, Nº 20, 2001 , págs. 133-148
Texto completo (pdf)
Ei, que Laureano está perfectamente mencionado no texto! Cito literal:
“(…) Laureano Fernández Carballo, o arqueólogo que realizou os primeiros estudos, estima que a peza foi parte no seu momento dunha enorme escultura de ao redor dos catro metros de altura (…)”
Cierto, me di cuenta después, cosas de leer en diagonal.
Sorry…
Marco
Ao meu parecer estás a buscar razóns moi “revirichadas” a enigmas que non o son. Refírome aos anacos de seixo da pedra utilizada para labrar esta fermosa cabeza. Penso que o autor simplemente usou o tipo de pedra que tiña máis a man.
Os canteiros sufrimos moi a miudo este tipo de problemas, escollemos unha pedra que nos parece axeitada e logo, cando xa temos o traballo avanzado, decatámonos que a pedra non é tan consistente como parecía. Outras veces tócanos unha pedra tan dura que parece que estamos a bater co demo e neste caso, que lle imos facer, temos que rillala.
Aposto que isto tamén pasa con parte das esculturas da cidade de Arméa (ainda que non as vín) xa que a pedra que hai pola zona tamén contén anacos de seixo, ás veces bastante grandes.
Falando de guerreiros protexidos. En Castromao apareceu un exemplar que Calo Lourido menciona no seu traballo sobre a plástica castrexa e o ano pasado andiven na procura del e non conseguín atopar ningunha imaxe. Preguntei no concello de Celanova e dixeronme que esta custodiado polo seu descubridor na súa casa.
A ver si alguén pode aportar algunha foto (disque apareceu sobre unha mámoa).
E a cabeza de Besomaño ¿hai algunha foto por aí?
Con labregos así da gusto! inda semella que a testa castrexa está mellor ahí que nun museo!! O das horas de visita é certo, hai que ir pola tarde ou así e saudar a todo o mundo co que se cruza..senón claro,vos podemos tomar por vai ti saber qué, unha banda de rumanos,sacaúntos ou pior aínda! Os de Patrimonio que se veñen roubar o que hai de valor nas aldeas!. Nada nada o que é do pobo fica nel, como fixeron os de Formigueiro (Amoeiro) cando aparaceu a labra castrexa no altar da capela, que ven que a amosan a todos os que pasan por alí e a deixaron na fachada da capela e tan pancha!
en casa honrada aseghun que horas non ha lugar para visitas e menos se eres de fora e non te das a coñecer, pero claro… xa se sabe que os urbanitas non lles incomoda que alguen lles vaia molestar as 11.30 da noite na sua casa con unhas teimas ou problemas personais sin avisar, e sen identificarse, e mais, soen deixar de ver Madmen para atender gustosamwente tales asuntos, namentras te ofrecen algo que picar ou no seu defecto un cafe con un licor e uns peticos doces.
o de sempre , non hai problema… que ali atenden a calquer hora…en fin fractura rural-urbana que segue aumentando e consolidandose,
-me dicen aunque no me lo aseguran…que mas alla de la grela y del puente pasaje hay vida…
-no me jodas …
-dicen.. eh… que yo tampoco lo he comprovado..
cambiese os limites geograficos por outros e o resultado sera o mesmo.
XDD que boa noticia¡¡, unha moi boa nova¡¡ parabéns, que ledicia saber que as especulacións da prensa castelá impresa en Galicia, eran como moitas outras das súas publicacións falsas, cheguei a ler que recaera nun museo en Pontevedra e alí se lle perdera a pista, que ledicia, mil parabéns mil e unha de graciñas. obrigado polo traballo ben feito.
Falando de guerreiros protexidos. En Castromao apareceu un exemplar que Calo Lourido menciona no seu traballo sobre a plástica castrexa e o ano pasado andiven na procura del e non conseguín atopar ningunha imaxe. Preguntei no concello de Celanova e dixeronme que esta custodiado polo seu descubridor na súa casa.
A ver si alguén pode aportar algunha foto (disque apareceu sobre unha mámoa).
E a cabeza de Besomaño ¿hai algunha foto por aí?
Pelouro, non estou moi de acordo. Teño visto moitas esculturas castrexas en primeiro plano -que non deixan de ser elementos moi excepcionais, mesmo na súa época- e asegúroche que as pedras están moi ben elixidas. Non é unha peza de “apaño xa con isto que teño a man”. É unha peza con importantes funcións simbólicas e para a cal se escollía material moi complexo. A abundancia tan grande de seixo na pedra para min ten que ver con este tipo de prácticas. Por outra banda, a atracción e o uso simbólico do seixo está acreditado na sociedade galaica da Idade do Ferro: fascináballes por algún motivo, igual que pasou antes e despois na historia da arquitectura galega.
Sobre as pezas que pides, o guerreiro de Armea (sen seixo) podes velo ben aquí:
http://www.musarqourense.xunta.es/wp-content/files_mf/pm_1999_05_gal.pdf
A cabeza de Besomaño podes vela aquí:
http://montedocastro.wordpress.com/2012/12/07/o-protector-do-castro/
Manuel, unha vez vin un documental sobre cómo se facían os valos de pedra en Francia. Un dos construtores ía escollendo as pedras, e escollías moito, e logo buscáballe o xeito para colocalas entre as outras pedras. Eran valos como os que hai por aquí. Pedra sobre pedra sen máis asento. O condutor do documental nunha destas preguntoulle ¿e logo cómo escolle tanto nas pedras? e el díxolle: é que as bonitas tardan máis en caer e así o valo non se derruba.
Así que algo lle vería de bonita á pedra do guerreiro de Ralle.
Fermosos: o guerreiro macrocefálico e o texto.
Curioso e vasto o torque deste persoaxe celta.
Saúdos: Manuel.
Parabens pelo artigo. Este pais tem de sobreviver.