Reserva especial

Last updated on 23 / Xaneiro/ 2013


Coñecín a Xosé Manuel G. Trigo hai moito tempo, pero non consigo recordar como nin onde. Sei que aquel home sorprendérame: era de palabra rápida, sarcástica e aguda. Como acontece moitas veces en Galicia, un comeza a ler a un escritor despois de coñecelo persoalmente. Rinme bastante desde entón coa súa ollada irónica nas columnas de prensa. Tempo despois, dona Concha Valladares -tenente do histórico ultramarinos especializado en viños de Compostela- ensinoume con orgullo un exemplar de Reserva Especial que Trigo, cliente habitual, lle dedicaba. Observei con sorpresa que era un dos poucos libros de ficción galegos dedicados ao mundo do viño, e iso antes de que o asunto caldos se puxera de moda.

As dinámicas do día fixéronme sepultar aquela referencia libresca nalgún remoto bloc de notas de teléfono móbil. O outro día, o amigo Tono púxomo na man nunha rúa que alentaba chuvias. Lin esta Reserva Especial nun par de deliciosas horiñas.

A paradoxa do libro está na relación entre o título e o contido. Os viños dos que fala Trigo nesta sorte de crónica memorística da súa infancia e mocidade non son reservas, senón os caseiros viños do ano, conservados nas adegas domésticas do Morrazo. Algo máxico ten a cultura do viño e da viña nesta comarca mareira, cando Cunqueiro e Castroviejo a teñen louvado (asunto que se recoñece e se menta no libro) en riscos similares aos que Trigo conta. Unha cultura do viño da amizade, de peñas de amigos indo a adegas de amigos -convertidos nunha sorte de santuarios domésticos de encontro entre os familiares, os compadres e os visitantes-, nos que se comparten tesouros, como ese caíño pegado á parede que toma o avó do protagonista como celebración da vida antes da segura morte nos vindeiros días. Ou ese albariño especial. A cultura do viño do Morrazo, sofisticada á par de campesiña, que elabora máis dun branco distinguindo terruños ou variedades. A cultura do roteiro de amigos por adegas, sen a cal non se pode entender o triunfo actual dos furanchos na zona.

Catalán, albariño, tintafemia, caíño, espadeiro…os viños e os vasos (non copas) van tecendo os recordos do protagonista, narrados desde a madurez. A infancia, a primeira mocidade, a sensualidade, a amizade e tamén o amor e o humor. As pequenas historias son anécdotas que se van tecendo no campo melancólico do xa ido, no que as persoas adquiren a dignidade da vida ben levada cando das e recibes agarimo dos outros, no que cada historia parece construída para xustificar o dito do final. Aínda que a historia está chea de referencias do Morrazo, é inevitable non poñerse melancólico co libro, soñador e evocador. O gran acerto de Trigo é o de identificar os momentos neboentos e máxicos da nosa infancia e mocidade co cheiro dos acios e a sombra dos emparrados dos viños atlánticos.

Un libro delicioso en todos os sentidos. Un libro cheo de humor, amor e amizade: o que debe ser o propio viño.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *