
O amigo Suso Baños remíteme esta magnífica estampa para a colección de Fotografías que son novelas. Déixoo que o explique el mesmo:
Envíoche para a túa colección unha fotografía que me resulta extraordinaria. Foi feita no ano 1900. Na imaxe están os irmáns Cherry e Richard Kearton, dous pioneiros do estudo da vida salvaxe. Richard, que é o que está por baixo era naturalista e Cherry, fotógrafo. Foron dos primeiros en estudar o mundo natural. No ano 1898 publicaron o libro “With Nature and a camera”, ilustrado con fotografías, que amosa tamen a vida na illa de St. Kilda. Na internet pódense ver algunhas imaxes do libro. Pensar nos medios que hai actualmente!
Completo a estupenda descrición de Suso Baños coa ligazón ao libro completo en Archive.org. Unha chulada!

Moi chula a meta-fotografía. O enxeño destes dous individuos déulles para argallar unha tremenda trepia, pero non para inventar o disparador. E moi chulo, o libro. Hai algo curioso nese enfoque que mestura antropoloxía e ciencias naturais, coma se a xente fose parte da fauna salvaxe. Supoño que para os ollos do “astronauta” que chega coa cámara a tomar mostras nun planeta estraño, a cousa vén sendo así.