Pero debe haber tanta caza?

Last updated on 11 / Xaneiro/ 2013

Hoxe subimos ao monte para ver as posibilidades de filmación dun curioso fenómeno natural que acontece preto de Santiago e do que xa vos falarei. Pero eu creo que nin durante a francesada houbo nos montes de Padrón tanta xente armada e disposta a pegar tiros. Na pista de terra, moi ao carón dos coches, os cazadores estaban apostados á caza do coello. Inmediatamente xa nos puxemos nerviosos. Sabedores das escasas destrezas de moitos destes señores co tema da escopeta, non podes estar menos que alerta. Nos últimos meses, iso nos ten acontecido en numerosos fins de semana nos que nos tivemos que marchar dos lugares que desexabamos visitar pola presenza de partidas.

Non teño nada contra a caza e contra os cazadores; coñezo moitos, ben sei do traballo que fan algunhas agrupacións no coidado dun monte cada vez máis abandonado. Pero nos últimos anos, a súa proliferación está acadando cotas que van moito máis alá do sentido común e introducindo profundas distorsións no medio natural e na convivencia de intereses sobre o monte. Fóra de Galicia, en Castela, os cazadores -moi abundantes- practican en áreas bastante ailladas ou directamente en coutos de caza privados. Ademáis, o matorral, menos denso, facilita a visibilidade. A súa actividade, se ben perigosa, é esencialmente perigosa para eles, pero non para o resto de individuos.

En Galicia, as cousas cambian. A maior parte dos grupos de cazadores teñen TECOR -os coutos modernos de caza- en amplas zonas de monte que teñen outros moitos usos -sobre todo deportivos, de disfrute, pero tamén arqueolóxicos. Son coutos de moitos propietarios, de uso tamén forestal, que ocupan superficies en moitos casos moi próximas ás aldeas e no monte comunal. Os TECOR ocupan estas vastas áreas e inclúen no seu interior xacementos arqueolóxicos que fican, polo tanto, non visitables mentres os cazadores dedícanse á cousa cinexética. Segundo a Lei de Caza de Galicia, pódese cazar en tempada os xoves e os domingos. Iso significa que a metade da fin de semana -tempo no que a maior parte das persoas poden ter tempo libre para andar polo campo, facer roteiros ou visitar monumentos arqueolóxicos- unha gran parte dos montes galegos están ocupados por cuadrillas de señores con experiencia mínima en caza pegando tiros.

O asunto é perigosísimo e grave. En teoría hai unha normativa que regula todo isto, que fai que haxa xente apostada impedindo o paso, etc. Na práctica iso non é así: os cazadores vixian moitas veces nas pistas grandes, ao carón dos seus coches, supoño que para non ter que andar moito, e se fas sendeirismo polos vellos camiños arrieiros, estás considerablemente exposto a situacións de risco. A práctica da caza ao carón das aldeas -témonos topado con numerosos exemplos nos últimos anos- tamén é perigosa, pero ademáis supón a expulsión das actividades de natureza de moita xente que xa non se arrisca a saír ao monte, e menos con nenos.

A caza é unha actividade vertebradora e positiva para un rural actual que perde lazos e vínculos entre persoas, e iso hai que valoralo. Ofrece unha alternativa de lecer social e gastronómico (escasamente deportivo no sentido físico) a moitos señores de mediana idade que collen momentaneamente unha distancia ceibadora do círculo familiar. Non é polo tanto nada negativo en si mesmo, aínda que a ela estean vinculadas cousas nada positivas.

Que a caza en Galicia camiña cara unha desregulación, que a súa forza como lobby é considerable, obsérvase nos reiterados casos de mortos e feridos dentro das propias cuadrillas, coma os que pasaron en decembro. Dentro da histérica sociedade do espectáculo na que vivimos, os políticos terían aparecido na televisión avisando dunha regulación e dunha restrición máis grande no emprego de armas, pero fixádevos que houbo silencio ao respecto. Calaron coma tumbas cando deberan ter saltado algunhas alarmas. Cando nos escandalizamos co tema da venda de armas nos Estados Unidos, non somos conscientes de que os nosos gobernos están facendo avanzar ao país na mesma dirección.

Non son partidario de suprimir a caza, desde logo e nin moito menos. Pero a cousa está excedendo os límites de todo o sentido común. Debe haber unha regulación máis estrita dos espazos nos que se pode practicar, limitando moito máis do actual o número de coutos de caza nas súas diferentes modalidades e ubicándoos en zonas que non teñan un destacado interese natural, deportivo ou arqueolóxico, e unha maior limitación no acceso ás armas por parte de xente sen ningún tipo de experiencia. Débese garantir o uso e disfrute do monte por parte dos cazadores cos outros usos deportivos e turísticos que se fan habitualmente na fin de semana, coma o acceso aos sitios arqueolóxicos e de interese natural e etnográfica, así coma os sendeiros: non se pode expulsar á xente do monte como se está facendo agora. O que acontece nestes momentos nos montes galegos a fin de semana é unha auténtica animalada. E van a pasar máis desgrazas.

E cando pasen, as autoridades e os cazadores non poden mirar para outro lado, ou laiarse en abstracto. Porque vai haber responsables, con nomes e apelidos.

28 Comments

  1. OPT
    7 / Xaneiro/ 2013

    Totalmente a favor de prohibila, se queren pegar tiros que tiren ó prato. Algún partido tiña que levar está prohibición no seu programa.

  2. Elixio
    7 / Xaneiro/ 2013

    Eu tiven que negociar estes días cun cazador ( e co demo de can que traía con el) e decirlle máis ou menos “rostro pálido vén en son de paz” e vai a pasear por alí e por acolá, ou sexa que vostede “tiro de fuejo” apunte para alá. Na casa de miña nai tiñan tomada a aldea, menos mal que non me fixeron enseñar o pasaporte.(Habería 5 coches 20 cans, e 6 soldados)

  3. Manuel
    8 / Xaneiro/ 2013

    Apuntas unha realidade moi certa e comprobabel, pois sen ir mais lonxe, esta fin de semán fun pasear pola zona do encoro de Castrogudín, en vilagarcía e aquilo semellaba unha guerra ao animal salvaxe peinando toda a contorna do val que fai o rio do Con, e se oian berros aos cans e tiros dende diferentes ángulos daquel anfiteatro natural poboado de terras de labrantío, pinos, e xetas o que fai moi perigoso o ir a pasear pola mañá. Outro lugar que coido se debería coidar mais polos responsabies da xunta e o parque de Corrubedo e mais en concreto a contorna da lagoa de Vixán, pois nos primeiros días de anticiclón do presente mes era o espectáculo de cazadores en plena zona do parque, e seino pois hai cartaces polas aldeias da zona que o recordan. En fín, estou de acordo en que se debería acotar o exercicio da caza e que o rural tamén e para o desfrute de todos e todas.

  4. 8 / Xaneiro/ 2013

    Manolo sabes que te coñezo de hai algún tempo e creo que eres un tipo reflexivo, mais dame que nesta ocasión te deixaches levar polos sentimentos mais que pola realidade.
    Non dubido que en ocasións haxa cazadores (ía decir compañeiros, pero teño que estar contigo en que por desgraza no monte en tempada tamén hai escopeteiros) que imcumpren as normas. E para isto deben de estar as forzas da orde.
    Eu mesmo este fin de semana tiven un incidente con dous axentes da orde pois ó seu criterio estaba incumprindo unha norma por estar nas cercanías dun camiño. Neste caso puiden demostrar que a lei estaba da miña parte e que estaba legalmente amparado.
    Eu podería falar tamén da xente que con vehículos sobre rodas pon en risco fin de semana tras fin de semana ós meus cans (incluso acelerando cando ven un grupo de xente con cans ceibos e estando circulando fora de vía pública) ou dos destrozos en plantíos que facemos os cazadores non montes para alimentar ás nosas escasas especies de caza menor.
    Pero isto é pouco relevante. Eu son dos que creen que haberá que chegar a unha convivencia, porque o monte é un préstamo dos seus propietarios, nin é noso, nin dos ciclistas nin dos camiñantes.
    E vaia por diante que penso que a nosa primeira preocupación, plo menos na cuadrilla onde eu cazo é a seguridade. Pero entendo a alarma dunha persoa que teme o que un arma poida facer.
    Vouche poñer un exemplo. Hai unha tempada tivemos un problema cunha propietaria dunha casa porque vímonos obrigados a rematar un xabarín (de peso considerable, por certo) no entorno da súa casa. A premura da situación e o risco para as persoas obligou ó xefe de cuadrilla a tomar unha decisión puntual complicada. Nun principio a dona da casa proptestou. Ó explicarlle o perigo potencial que podía supor ese animal ferido no entorno da súa casa recapacitou.
    Non sei, son da opinión que temos que convivir, iso si, poñendo por diante a seguridade. Pero pensa que si non cazamos, o aumento do sinistros de automoción , tamén dará lugar a feridos e mortos nas estradas, que non serán asumibles para a sociedade.

  5. 8 / Xaneiro/ 2013

    Ola, Eloi. Creo que en absoluto me deixei levar polos sentimentos, senón por unha realidade que, para os que frecuentamos o monte e o rural, estase a volver cada vez máis frecuente e perigosa. Nos últimos anos o incremento de batidas en zonas próximas ás aldeas é notable e mesmo delirante. Lembro unha situación moi complicada ao redor da aldea de Vilar do Rei, aquí en Compostela, ou outra en Cotobade, que puña os pelos de punta. Ou o outro día, ao carón dunhas aldeas en Chandrexa de Queixa, cos tiros disparándose ao lado de onde estabamos falando cos vellos.

    Francamente, creo que a situación está ida de madre e alguén debera racionalizar o asunto antes de que pase algo francamente malo, e os cazadores teñan moitas máis restricións das que deberan.

  6. 8 / Xaneiro/ 2013

    En todo caso, Eloi, a anécdota do xabarín na casa da señora é un exemplo ao meu favor. A partida feriu a ese xabarín, e ese xabarín adoptou unha actitude non habitual, foise contra a casa da señora. Sen comelo nin bebelo, a pobre da muller tivo que enfrontarse na súa propia casa a unha situación de risco provocada por outros. Non sei se me explico…

  7. Nemigo
    8 / Xaneiro/ 2013

    a día de hoxe a “caza” e “pesca” non teñen senso algún. Están a perseguir animais que son criados en granxas e logo ceivados cunha patada no cu. Animais que non son quen de sobrevivir ceives. É ruín e ata noxento ir polo monte e ver animais esfameados que se achegan a canta persoa ven á busca de alimento… reciben chumbo.
    A caza era unha demostración de habilidades, de saber moverse no monte e entender a contorna. Hoxe un fato de escopeteiros BÉBEDOS non serían quen de cazar un ourizo cacho morto que isa é outra: é necesario atropelar a canto animal se atopa na estrada?

    Os nosos antergos ían ao monte en carro e a pé. Subían canta costa había e ían vestidos algún ata con chalego, gorra e reloxo. Agora estos novos cazadores de 4×4 vestidos de rambito (pero se nin na guerra se viste así!) non son quen de moverse por ningures e moito menos achegarse a lugares que estean alonxados de tascas e puticlubs.

  8. 8 / Xaneiro/ 2013

    Coido que das bastante na chave de todo o caso.
    Existe em boa parte do rural moita cultura da caza e pesca que é de muitos jeitos algo positivo e mesmo revitalizador.
    O problema radica-se pola falta de control e normativa; e sobre todo pola introduçóm das técnicas ou jeitos de caza que se aplicam em Andalucía… o nº de cães x cazador, o usso de walkies e localizadores GPS, o acceso sem control a pistas forestais de cuadrilhas de caza…
    Acontecem algo assim como as pescas agresivas no mar… REMATAM COM TODO E CONVIRTEM A CAZA NUMHA ESPECIE DE “TIRO A DIANA” NO CANTO DO QUE ERA ANTES.
    A gente chega em todoterreno, cobra umha peza, e como a satisfacçóm é pouca, busca outra e outra e outra… … o normal na caza é um cazador e umha parelha de cans como moito, moitas horas caminhando e umha única presa o final do dia.

  9. Antón
    8 / Xaneiro/ 2013

    Estou dacordo en todo coa entrada. Hai días que mete medo andar polo monte.
    O dos bicicleteiros baixando a todo filispín por corredoiras e camiños sen visibilidade éche de traca tamén… e durante todo o ano.
    saúdos

  10. manuel bs
    8 / Xaneiro/ 2013

    Eu penso en que haberia que poñer normas máis estrictas,e si eu intento evitar ir polo monte cando hai cazadores ,sobretodo caza maior,ademáis os casos de falecidos por accidente esta aumentando e sempre soen ser un compañeiro que dispara a outro pensando que é un xabarin,e non os mostran todos no telexornal,penso que estan deixando batidas de máis nalgún caso,xa que a maioria dos cazadores soen repoblar e cazar o xusto,pero non todos son responsables,e logo xa se sabe o das comidas copiosas e nas comidas bebese e os cazadores non son moito de auga ehhh,non,fan falla dirixentes con xentidiño.

  11. Eu
    9 / Xaneiro/ 2013

    Se me permitides saír un pouco do tema, cómpre dicir que os cazadores son grandes coñecedores do monte e que son un elemento chave á hora de facer achádegos: son moi observadores, teñen coñecemento de elementos estranos ou que desentoan na paisaxe e camiñan por zonas do monte non habituais. Ademais coñecen contos e lendas do propio monte que se van contando uns aos outros nos intres en que non pegan tiros. O meu consello é que se lles pregunte pois coido que nos podemos levar máis dunha sorpresa. Ademais, coñecen atallos para chegar aos lugares ;)

  12. miguel
    9 / Xaneiro/ 2013

    A min tamén me amolan os escopeteiros, só teño os domingos para andar polo monte da miña zona e estráganmos. Nunca me sentín ameazado por bicicletas nin tampouco por 4×4, aínda que estes tamén os deosto; tampouco me considero protexido dun acidente de tráfico polo “traballo” dos cazadores.
    Comprendo q a caza ten unha tradición e todo iso, e xa que non se pode eliminar, poderíanse cambiar os días de caza, por exemplo que fosen os luns e xoves, e reducir os domingos á metade e limitados ás licenzas que o soliciten.

  13. NANO
    9 / Xaneiro/ 2013

    Ben penso de que tampouco é para tanto, son tres meses escasos ao ano. Hai outra xente que tamén fai dano ao monte (motos, quads, bicicletas, …). Para os senderistas hai rutas determinadas, a outras zonas nin se achegan. Hai outras épocas ao longo do ano para visitar restos arqueolóxicos que nos meses de outubro a xaneiro ( non é boa época). Deixade que cada un disfrute da natureza á súa maneira. Senderistas ( eso de andar por andar).

  14. NANO
    9 / Xaneiro/ 2013

    Estimado Manuel Gago: Desde sempre sigo ou teu blog, riguroso, formal e extraordinairo, quero dicirche que eu son cazador e teño publicado artigos sobre gravados rupestres, que precisamente atopei, en zonas alonxadas. Existen moitas partes dos montes ás que non chega, hoxe en día, ninguén agás en oportunas ocasións os cazadores/as. Ademais penso que a caza ou mesmo a pesca son un bo recurso “económico” nesta época e que deberían estar máis profesionalizados. A ver do monte cada persoa disfruta da ” súa maneira “, non sei eu non lle vexo moita “lóxica” ao senderismo por exemplo (xente paseando por fincas ou terras privadas)que ao mellor non coñecen o do seu redor , son temas de profundo debate. Un saúdo e non se pode deixar un levar pola “demagoxia”.

  15. Félix Neira
    9 / Xaneiro/ 2013

    Manuel, moi oportuna a reflexión.

    Hai un par de días subía no coche para a casa, e xusto a carón da estrada, onde comeza unha congostra, vexo a un tipo coa escopeta no ombro, en posición de descanso, apuntando directamente a canto coche pasaba trala curva. Estou falando dunha pista urbana, case no centro de Ponteceso.

    Non sei se a actitude era reglamentaria (alguén mo pode confirmar aquí?), pero de dispararse a arma “cazábanos” ao meu fillo e máis a min.

    Do de patear os montes do país os domingos… eu xa hai tempo que renunciei.

    Un saúdo, Manuel.

  16. manuel bs
    9 / Xaneiro/ 2013

    Pero claro que os cazadores coñecen o monte,tamén o coñezo eu e non son cazador,vamos a ver,a quen lle vai parecer mal limitarlle a bebida,os perdighóns matán,ehhhh,hai que limitar as batidas ,o seprona ten que facer o seu cometido que non o fai,un 0 a esquerda non fan nada,señor nano vostede di que os cazadores poden ir ao monte e os que van a outra cousa non ,se lle hei ter que ir pedir permiso aos cazadores para ir apañar castañas,desbrozar,cortar leña,podar,andar,facer plantacións, ou ir rascalo carallo,era o que faltaba.

  17. Nemigo
    9 / Xaneiro/ 2013

    confírmocho eu: non, non poden apuntar a ninguén ca escopeta. Nin a coches e moito menos a persoas. De feito non poden estar preto de estrada algunha en “actitude de caza” A próxima vez (que vai volver pasar) chamas á garda civil e que llo expliquen eles mesmos.

    Vai uns anos pasoume algo parecido na A6 a altura de Montesalgueiro un descerebrado cazador-bébedo subido a unha ponte apuntando aos coches que pasaban pola autoestrada. Esta xente vai en grupos. Non hai ninguén que lle diga que eso non se pode facer? Ningún compañeiro é quen de impedir que persoas bébedas estean armadas?

  18. 9 / Xaneiro/ 2013

    Nano, grazas polo comentario (tamén ao resto). Se les o post, verás que non cuestiono a existencia dos cazadores nin as súas prácticas, e valóroos como un elemento moi positivo, aglutinador, nun rural cada vez máis desvertebrado. O que critico é o abuso de determinadas prácticas, a excesiva proliferación de batidas e o perigo que iso comporta, que deben dar paso a unha reflexión ao meu ver bastante seria.

    Tamén adoro os coches pero estou en contra de subir o límite de velocidade a 130 km/h. Por poñer un exemplo.

  19. Saric
    9 / Xaneiro/ 2013

    Eu penso que isto e como todo. O problema non e do partido/deporte/caza, senon das persoas. Se os cazadores (entre outros) respetasen as normas, haberia menos queixas doutros grupos. O problema e que un bicicletero a filispin pode darche un susto maior ou menor, un sendeirista pouco mais que pisarche a leira ou emporcala (que habelos hailos). Pero un Homo “sapiens” cargado (e non de chumbo) pode facerche unha desgracia gorda, e como di Manuel, despois non me veñas con lamentacions vagas.
    Exemplos multiples, os tipos cazando ao caron do CUVI e dun colexio, os da Madroa, o tipo paseando coa moza e a escopeta nas Gandaras (iso e un trio?) que e refuxio de fauna e en veda, os que cazaban xusto na zona de refuxio de fauna e non na permitida do Suido. E mais grave, o home do Caramiñal que lle meteron un tiro, nun sabado, fora do coto, cun calibre raro..
    E insistindo, dia 2 de xaneiro de 2011, imos comer, cuadrilla xa rematando de comer. Chupitos varios. Comemos sen presa, saimos e ainda estaban na mesa despois de varias rondas mais. Esa xente voltaba ao monte pola tarde, alguen pensa que estaban en condicions de conducir ou discernir se o que lle zoscaban era un xabarin ou que?.
    Evidentemente non todos van a ser asi, pero se che toca a ti a cuadrilla de romeria..

  20. Nemigo
    9 / Xaneiro/ 2013

    o mítico vídeo de land rober sobre o corzo

    http://www.youtube.com/watch?v=TK9oVPoj6Gs

    e noraboa aos que non entenden que a xente vaia ao monte a pasear.
    Eu tampouco entendo aos que van recoller cogumelos. No gadis por dous euros mercas un kilo.
    Claro que postos a critiar. ¿Sabe alguén a canto sae o kg de coello de monte? Porque para rentabilizar un 4×4, escopeta, cans, licenza de armas, roupa, gastos de comida, etc. Xa poden cazar os coellos por milleiros.

  21. NANO
    9 / Xaneiro/ 2013

    OK. E que un xa está un pouco canso de que se critique sempre o mesmo que si os cazadores/as, que si beben,que si queiman o monte, … xa está ben, que hai de todo; a min persoalmente serviume para atopar, entre outras moitas cousas, restos arqueolóxicos que dificilmente atoparía e retratalos coa miña cámara e finalmente publicalos. Un saúdo e a continuar traballando así de ben.

  22. Diana
    12 / Xaneiro/ 2013

    Totalmente dacordo,eu xa tiven que fuxir por que me pillou a caza en pleno paseo polo monte preto dunha aldea e paseino moi mal,non me gustan nin un chisco

  23. Xacordei
    12 / Xaneiro/ 2013

    Na serra do Galleiro preto de Redondela é un inferno pasear polo monte estes días por culpa dos cazadores e os motoristas. Os primeiros meten moito medo porque non sabes por onde aparecen xa que van disfrazados de “marines americanos”. Os segundos contaminan ademáis o medio polo ruído que meten, ademáis deixan os camiños enlamados. Por outra banda algunos cazadores se creen os donos do monte. Deixan os seus coches no medio dos estreitos camiños e si baixas en bici polo monte podes levarte un grande susto cando negocias unha curva é de pronto te aparece uno de estos vehículos no medio da pista. En fín, paciencia, moita paciencia.

  24. brigantium
    13 / Xaneiro/ 2013

    Hoxe caeu outro, de momento “somentes” grave, pero xa verás como non pasa nada………

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *