Last updated on 7 / Xaneiro/ 2013

Tradicionalmente, a finais de ano sempre escribo un post sobre tendencias no sector da comunicación para o vindeiro 2013. Gústame facer exercicios prospectivos. Aínda que ás veces, as prospectivas sexan tan etéreas como as discusións bizantinas sobre o sexo arcanxélico, a prospección obriga a facer un exercicio de reflexión sobre o que realmente sabemos.
Sen embargo, sinto que 2013 debe ser un ano de acción, máis que de reflexión. A nós -a todos nós- correspóndenos reactivar o tecido cultural. Están en xogo moitas cousas: desde non deixar perder o que custou tantas décadas e xeracións conseguir, como realmente aproveitar as oportunidades da certa confusión para forxar un novo xeito de comprender e concibir a cultura. Así que aquí van as miñas sete propostas para a cultura galega en 2013:
1. Gañar a batalla do/s público/s.
Que menos do 20% dos libros mercados en Galicia estean en galego é basicamente penoso. Non hai unha única causa para isto, evidentemente, e hai moita xente que se leva rompendo a cabeza ao respecto desde hai décadas. Podemos ver esta escandalosa cifra (desde a óptica dun país normal) como algo terrible (que o é), ou podémolo ver como unha ampla marxe de crecemento no mercado interior. Chámenme optimista, pero non creo que a estrutura e a inercia sexan tan ríxidas. Galicia está chea de novos públicos agardando ser descubertos, conformados e construídos. Cando nós publicamos Herdeiros, a aposta era arriscada: había moitos compradores para un ensaio de divulgación sobre patrimonio cultural? Claro que os había. Igual que os hai para un público de lecturas gastronómicas non recetarias, para a divulgación científica, e para moitos outros. Reflexionemos e vexamos como se pode gañar a batalla do mercado interior nos libros, nos espectáculos, no cinema e tamén en Internet.
2. Incorporar de cabeza a ciencia á cultura galega.
Galicia conta con algúns dos mellores divulgadores científicos do Estado. Non é un fenómeno menor: hai un monllo de científicos e xornalistas que adoran contar ciencia, pero aos que lles faltan soportes para facelo. Triunfan nas cousas que promoven individualmente. É o momento de facer da cultura galega a referencia a nivel estatal en divulgación científica -en ciencias da natureza e en ciencias sociais. E é o momento de facelo visible, de construír unha marca mesmo a nivel europeo ao respecto. Sentémenos e pensemos como, con ambición. Crebemos dunha vez a fronteira das dúas culturas.
3. Activar a dixitalización.
É a miña teima continua, e moitos ma teredes escoitado moitas veces. A cultura galega púxose guapa con Internet: a ruptura da idea de intermediario permitiu a moitos axentes publicar directamente e subir vizosos contidos á rede. A irrupción das redes sociais incentivou a conversa, pero machacou moito dese movemento, arrinconándonos en ghettos galegofalantes, pero tamén galegofaltantes. É o momento de aproveitar a rede para facer visible moito contido morto, metido en alcanfor, en inanes e esquencidas publicacións locais ou sectoriais. A próxima vez que un coñecido teu, activista cultural, te bote a chorada de que unha deputación ou un concello non lle paga a edición do seu libro de refráns da comarca de Cuspedriños, dille que se non a fai pública é simplemente porque non quer. E axúdalle a organizar o acto de presentación do web no concello ou nun local social de prestixio, claro que si. Os eventos sociais son unha magnífica recompensa para o traballo desagradecido e altruísta de moitos grandes investigadores do pequeno. Pero que deixe de chorar e suba ese condenado PDF! :-) Temos que crear clubes de dixitalización voluntaria do contido. En patrimoniogalego.net comezamos hai pouco e chegaremos aos 3000 bens catalogados en breves meses. Claro que é posible!
4. Realizar cousas en común.
Somos menos de tres millóns de habitantes nun país con pouca xente nova. Iso non é nada, en termos absolutos de creatividade e creación. Precisamos unirnos para compensar as carencias derivadas da concentración do talento en moi poucos puntos: cunha boa planificación, transparencia e mente aberta, colaborando podemos crear proxectos grandes e con futuro. Coñezo a moitas persoas que perden numerosas horas da súa vida (co corta que é a vida!) repetindo e duplicando o traballo dos outros. Trátase diso, de mente aberta, de escoller moi ben ao compañeiro de viaxe. Pensa en proxectos moi concretos máis que en grandes movementos. Pensa nalgo que se poida crear nun mes, en tres, en seis. Une a científicos con poetas, a médicos con cociñeiros e a taxistas con historiadores. Proba a mesturar xente de diferentes disciplinas e pensa nalgo que vos outorgue pequenos triunfos. E evita todas esas cousas e persoas que fan tumbar sempre os proxectos. Os que me coñecen xa saben a que me refiro: revirados, os xustos!
5. Falar de diñeiro.
Aínda o outro día vivín unha situación na que unha persoa coa que tratabamos unha cuestión económica vinculada á cultura lle entraban suores fríos ao falar do asunto. A ver, quitémonos esa mentalidade católica do século XV. O diñeiro non é suxo, é un mecanismo de transacción e de intercambio. O que son suxas son algunhas prácticas con diñeiro. Á xente da cultura non lle pode dar vergoña falar de diñeiro: por culpa diso, as marxes son pírricas, os cabreos moitas veces son moitos, por non aclarar desde o principio os asuntos económicos. Moitos proxectos cun retorno de valor posible esfarélanse ou simplemente malgástanse, desperdícianse, porque non se pensa en como deseñar as canles de retorno. Falemos sen medo do diñeiro, e con iso limparémolo. O resto é unha fábrica de malentendidos. A cultura debe ser viable e debe ser economicamente solvente.
6. Valora publicamente o talento do teu compañeiro de sector
Un dos nosos peores cancros é ese sórdido mecanismo que provoca unha desautorización ou perda de prestixio inmediata dun profesional cando sabes de que familia vén sendo, ou se foi ao mesmo colexio ca ti. Valoramos máis ao foráneo porque descoñecemos as súas orixes, pero desprezamos ao tipo que está bebéndose un gintonic na mesma barra que ti polo motivo de que o ves todos os días neste pub ou mercando no súper, malia que sexa un auténtico fenómeno. Debemos crear unha cultura na que recoñezamos ao contrario, ou ao colega, e o fagamos público. A excelencia debe ser visible e compartible. E o noso próximo pode ser perfectamente un exemplo.
7. Canto tempo perdes reafirmándote diante dos colegas?
Os teus colegas do Facebook e do Twitter xa saben perfectamente que o/s goberno/s te cae/n mal. Non precisas demostrarllo cada día, ou cada hora, porque tan pouco vas conseguir cambiar gran cousa: a maior parte das redes persoais comparten moito da esfera ideolóxica. Inviste boa parte dese tempo no teu proxecto persoal, ou nalgunha tarefa colectiva artellada na rede ou no mundo físico. Iso si pode conseguir trascender e levar a túa mensaxe e ideas máis aló.

8. Empregarmo-nos um tom mais construtivo nos comentários de blogues e jornais.
Com isto havemos melhorá-la sua visibilidade, propiciaremos um verdadeiro debate e faremos mais ricos os textos iniciais.
A crítica é imprescindível, mas as formas também. Confundirmos crítica com ataque evidência o déficit de cultura democrática da nossa sociedade.
Totalmente de acordo, Xulio!
Moi boas ideas, con mente aberta e pensamento lateral. Pódese facer moitísimo na nosa terra. Os que pensan que xa está todo dito non teñen razón. Nada de derrotismo nin complexos. Adiante todas e todos.
Moi clariño, concordo nun 100%
Avogo pola fusión dos puntos 3 e 4! non teñades medo e subide fotos e texto a patrimoniogalego.net e á Wikipedia en lingua galega! Ademais dos refráns de Cuspedriños igual vos emperrades en difundir a igrexa da vosa parroquia, ou o cruceiro que está a carón da vosa casa; alí teñen cabida!
Uns momentos para a publicidade! No grupo Flickr de Arquitectura tradicional galega unha vez máis superamos as expectativas!… Xa camiñamos cara as 7.000 fotos do noso patrimonio arquitectónico máis tradicional!. Todo grazas ós máis de 650 colaboradores!
Podédelas ver en: http://www.flickr.com/groups/arquitecturatradicionalgalega/
Aponto-me!
Menos redundancia-repugnancia nos comentarios das redes e blogs e máis construción.
Sentoume moi ben a lectura deste post porque ando bastante cansa dos peloteos inútiles e de ver a adultos imitando fillos adolescentes.
O punto 3 é unha das miñas obsesións, dixitalización e exportación. Sempre que falo cos profes insisto no mesmo, en que fagan visibles as súas producións, non nos podemos permitir o luxo de que tanto traballo permaneza agochado nas webs dinámicas dos centros educativos. Lamentablemente o medo ao xuízo alleo é máis convincente ca o meu discurso.
Saúdos.
Manuel, eu acrescentava aí um oitavo ponto:
8.- Fazer um uso digno e correto da nossa Língua, em qualquer uma das normativas existentes.
(já seria o máximo …)
Alégrame especialmente ler o punto 2 dedicado á ciencia. A ver se algún día vencemos a artificial separación entre “as dúas culturas”.
Porén, na explicación faise referencia unicamente ás ciencias naturais e sociais, e penso que é un tremendo erro hoxe en día deixar de lado o mundo artificial, isto é, a tecnoloxía, entendida desde un punto de vista amplo e global. Son moitas as razóns polas que digo isto, sinalo só algunhas:
– A tecnoloxía forma parte da nosa cultura. Isto é innegable. Ou alguén pensa que a tecnoloxía non inflúe nada na nosa maneira de comunicar, sentir, expresar, facer, crear, etc.?
– A tecnoloxía fai de ponte entre a ciencia e a sociedade, pois emprega os coñecementos científicos coa fin de crear sistemas que satisfán as necesidades das persoas. É próxima, pois a usamos. Non credes que será máis doado aceptar a ciencia como parte da nosa cultura aproveitando a proximidade da tecnoloxía?
– A tecnoloxía está a tomar un papel moi importante na creación artística actual. Son moitos dos exemplos de “tecnoarte” que se están a desenvolver no mundo, e tamén no noso país: música 100% electrónica, instalacións interactivas con arduino, animación, robótica, etc. Penso que a este tipo de creacións habería que darlles un empurrón cara adiante e estendelas.
Hai miles de razóns máis para incorporar a tecnoloxía na cultura galega, pero penso que chega con estas para xustificalo. Iso si, é importante que se entenda a tecnoloxía desde un punto de vista amplo, e non se reduza a publicar e comunicar cultura a través de Internet, pois non se trata diso.
Un saúdo :-)
Moi boas propostas, xustas e necesarias, menos a 5 que é a mellor pero, o meu entender, a mais imposible de conquerir nesta nación de propietarios e aforradores na que os cartos son o grande TABU con moita diferencia de outros (morte, sexo,relixion..), por su posto non so na cultura senon en tódolos ambetos.
E a 8 de Xulio Ze tan boa coma as outras.
Saude.
Parabéns, Manuel, por deixar por escrito o que muit@s pensamos e pouc@s escrevem, dizem ou, o que é ainda mais meritório, fazem!
O caso é que estamos viv@s e com uma cantidade de energia que pode crescer, combinar-se e multiplicar o conhecimento de tod@s.
Trabalhemos desde aí, sem medo e sem deter-se!!!
Si, María, totalmente de acordo co tema tecnolóxico. É clave, e dicho un tecnófilo. Moitas veces, nos proxectos (non sempre se poden) hai un valor importante que me guía: empregar tecnoloxías en galego que moita xente sexa a primeira vez que experimenten. Dito doutro xeito, que cando a xente coñeza algunha fascinante ferramenta, técnica ou sistema novo, o faga en galego.
Aprofa, no mundo do ensino hai un enorme coñecemento por dixitlaizar, efectivamente. Hai moita xente que comezou a facelo (benditos blogs), pero queda aínda moito traballo, en parte por esa prevención -por outro lado, comprensible e cauta- de moita xente.
Manuel, estou moi de acordo co que dis. Porén hai unha cousa que quixera engadir respecto ao ponto 1. Penso que ademais de falar da busca de públicos existentes, hai que falar da creación dos mesmos. A cultura de masas dos últimos 20 anos meteu á sociedade enteira nunha dinámica de consumo pasivo de cultura. Nunca antes se vira tal cantidade de xente nas exposicións e nos museus, nunca antes se crearan tal cantidade de contedores culturales, algún deles hoxe valeiros. Isto non é malo per se, mais penso que xa ven sendo hora de promover unha cultura activa e participativa que xenere novos públicos.
Apertas dende o exilio.
Sen dúbida, Rafa. O que eu falo é que nos faltan públicos por crear en Galicia, algúns deles xa existentes noutros lugares, outros mesmo máis específicos da nosa realidade. Creo que a marxe de crecemento é moi ampla. Galicia ten algo bastante curioso: é un país vello pero tamén novo ao mesmo tempo.