Last updated on 21 / Decembro/ 2012

Fotos: Sole
A cociña italiana é para min o máis parecido a unha festa. A esta cociña pégalle algo de rebumbio, sarillo, alegría e conversas acaloradas, como nunha película de Fellini. E pégalle porque é capaz de sobreporse a todo: o sabor dos produtos fai que esta comida entre por todos os sentidos sen concesións.




Teo abriu o Mare e Monti (Rúa do Camiño de Ferro, 886 21 48 94), un dos mellores restaurantes italianos de Galicia, hai dous anos e medio. Está en Pontevedra, moi preto da estación de autobuses. Teo é a quinta xeración de propietarios de restaurantes na súa Campania natal (el é de Caserta, preto de Nápoles). De feito, Teo afirma que a tradición familiar comezou nunha fonda na que se produciu o histórico encontro entre o rei Vitorrio Emmanuele e Garibaldi en 1860 rexentada por un descendente del. Teo abrazou a cociña como vocación tardía, pasados os trinta e tantos. Tras unha vida errática no mundo do deseño de xoias e da arquitectura, un día que ía xantar ao restaurante dunha familia amiga, atopouse no medio dunha disputa familiar. O fillo, que era o cociñeiro, marchara cabreado e os clientes estaban a piques de chegar. De punta en branco meteuse na cociña sen un coñecemento especial e tirou non sei cantos pratos nun servizo. Cando rematou, pringado e suxo ata arriba, preguntoulle ao propietario se podía volver pola noite. E aí comezou o asunto.







Fumos aló un grupo de blogastrónomos baixo a recomendación do amigo Alfredo Montero. O xantar foi un auténtico festival aderezado coas anécdotas de Teo. O xantar arrinca cuns aperitivos: mortadela boloñesa, provolone dolce, melenzane a funghetti, zucchine alla capecce, zucca grigliata, parmiggiana di melenzane e carciofi alla romana. Todo un achado o cabazo (a zucca) grellada e as berenxenas, unha auténtica explosión de sabor. Logo seguimos con dúas pizzas, unha catro estacións e outra terra.
A partir de aí pasamos a dous pratos de altura, uns gnocchi con salciccia e provola affumicata -unha pasta delicada na que tanto a salchicha coma o queixo afumado investían dun aroma envolvente; seguimos con outro pratazo do día: uns troccoli con centolla, pasta con centola troceada, un auténtico gustazo ver xeitos distintos de traballar co marisco, e descubrir o ben que lle queda a pasta a unha boa centola.
O capítulo de doces, elaborados pola parella de Teo, incluiu clásicos da casa, como esta imprescindible pizza de nutella, o tiramisù, a ricotta e pera, un milfollas, ou tres deliciosas pannacottas, ao chocolate, ao caramelo e ás froitas do bosque (a miña preferida).
Os viños foron ben interesantes, case todos da Campania. Un greco di tufo e un Fiano di Avellino no capítulo dos brancos (particular, moi afrutado o primeiro) e un Aglianico del Valture e un Negro Amaro no dos tintos. Magnífico, puro terroir -variedades tintas ancestrais, chan volcánico. o primeiro, o Aglianico.
O magnífico xantar, que combina pratos máis convencionais e clásicos -é un restaurante moi familiar- con exquisiteces pouco habituais, resume a propia filosofía de Teo. “Non hai cociña”, di Teo en plan provocador. “Está un gran produto e está o restaurante”, e o cociñeiro, segundo este casertino, é a penas un intermediario entre eses dous mundos. A súa é unha cociña da tradición, anónima, chea de herdanza familiar. Os cociñeiros e algúns dos produtos veñen de Italia, como a propia fariña coa que se elabora a pasta (prefiren unha determinada forza), pero moita da despensa provén, diariamente, dos mercados pontevedreses. Teo é un namorado de Galicia e da nosa despensa: non pode crer que non teñamos desenvolvido aínda o potencial que nos observa.

En total, con viño, no Mare e Monti os xantares non chegan aos 30 euros por cabeza. Váleos. Como dixen ao principio, aínda que son os italianos sen dúbida o tipo de restaurante de cociña internacional máis estendido de Galicia (ou serán os chineses a estas alturas?), o Mare e Monti de Pontevedra é dos mellores italianos de Galicia. O meu consello: déixense aconsellar por Teo. El vailles guiar por unha gastronomía italiana máis ampla do que agardan.

Be First to Comment