
Nin conto nada novo nin quero contalo, nesta volta. O que a min me pasou tenlle sucedido a miles de persoas antes. Estes meses de baixa -que agardo que vaian rematando pronto- valéronme para escribir, para rematar un proxecto que tiña adiado durante dúas décadas. Ao volver a enfrontarme no espello do tempo o proxecto cambiou de xeito radical, pero para mellor. E tamén traballo noutro. Ambos os dous, a rutina continua de traballar con mundos máis ou menos imaxinarios, obriga a asumir unha nova relación coa palabra, a súa representación, as súas raíces e orixes, todo ao que remite.
Os xornalistas sacrificamos, no noso transo cara a produtividade e a solución de textos, a busca do sentido profundo das palabras. Con independencia da riqueza léxica de cada quen, os xornalistas convertimos as palabras en engranaxes dunha factoría máis ou menos estandarizada da que nos concedemos aínda unha mínima liberdade nos titulares. O resto, demasiado previsible.
Sen embargo, a linguaxe vai moito máis alá. A miña gran descuberta interna destes días é descubrir que a linguaxe, a escolla da palabra correcta, pode converter un texto aparentemente sinxelo nun auténtico universo evocador. Que non é preciso o barroquismo, a descrición extensa ou o artificio estilístico para facer que unha palabra sexa coma o cordel dun ovillo de lá: cada quen, segundo a súa sabencia, tira ou non do ovillo, amosa o mundo que está detrás desa palabra. Obviamente, como dicía ao principio, nada hai orixinal disto. Pero gustábame o xeito no que Norman Mailer, John dos Passos ou Tom Wolfe conseguían isto, por exemplo, tirando da cultura popular norteamericana. Doutro xeito, Juan Rulfo acadaba a mesma situación.
Tampouco é un achado literario, e quero contar un sucedido real que vou incorporar á primeira das historias, a escrita ao longo de vinte anos, que falaba antes.
Contóunolo o señor Villar, prexubilado de Feiraco. Díxonos que estaba un día paseando por un camiño, e viu un animal ao carón do camiño, bebendo dun bidón de plástico que quedan no monte para os cabalos.
-Vin que era coma un can grande, cun peito ancho, e quedou mirando para min -díxonos Villar, un gran narrador de historias. O señor continuou- eu mirei para el e díxenlle: “Ti érelo”. Porque era o lobo e miraba para min. “Ti érelo”, repetinlle.
Ficamos prendados do Ti érelo.
-É incrible como esas dúas palabras describen todo o universo simbólico ao redor do lobo -comentou despois o amigo Xosé. Cando un animal é importante para os galegos, pasa do plural ao singular, convírtese nun concepto. Ao animal se lle trata de ti, pero nesa frase, o animal convírtese nun concepto abstracto. Ese lobo son todos os lobos. Este lobo é O lobo.
O señor Villar mirou para o lobo, o lobo mirou para el e os vellos relatos deron a volta.
-O lobo miraba para min e non me tiña medo! -dicíanos asombrado o home.Como cambiou o mundo. Nos relatos de Fole era o home quen debera ter medo do encontro!
Non tería que ser ao revés? De aquela contarámoslle ao señor Villar a razón de que estiveramos alí, porque o atoparamos no medio de aquela pista solitaria. O señor Villar escoitouno con atención e achegounos un dato:
-Un cura que tiñamos en Feiraco, un cura que non parecía cura, dicíanos: “do Tambre para alá non son católicos. Veñen a Santiago a cabalo con fusta. E haste de fixar que as súas igrexas están ao revés. As nosas teñen a porta mirando para o nacente do sol. E as deles para o poñente. Haste de fixar”.
Con estas verbas enigmáticas continuamos camiñando, seguindo o rastro que deixou o tempo no lugar e na súa memoria. Aínda seguía alí.
Durante varios días, ese ti érelo petou na miña cabeza. E agora, esas dúas palabras, incorporáronse nun episodio central da outra historia. Adoro as historias que se conectan, silandeiras ou reais, con todas as outras historias.

Non será unha forma de falar herdada de moi antigo?. Este xeito de referirse ós animáis míticos recorda ós relatos de pobos tradicionais de África e América. Eu mesmo recordo como en Chile un campesiño fala do Puma, do perigo do Puma, nos dos pumas.
Acabo de ler a túa entrada, e de primeiras quero decirte que te desexo un bo restablecemento, sexa do que sexa,pous deducín que estivestes maliño.
As cousas dos lobos polas nosas terras, xa non son as que foron.¡Xa quedan poucos! e inda seguen a ser temidos ou mais ben odiados por demasiada xente.
¡Uf, Fole. Amigo as súas narracións, en noites de frio, arredor da lareira e con luz de candil, son inesquencibles.
Repito, boa recuperación e unha aperta.
Si, claro, é unha vella forma do galego, que emprega o singular para designar a determinados animais, nomeadamente salvaxes aínda que non necesariamente perigosos. As galiñas teñen plural, as vacas adoitan ser en plural, pero pode haber O lobo, O xabaril, O polbo…O que nunca tiña escoitado era o seu uso dese xeito tan concreto e abstracto ao mesmo tempo: ti érelo.
En todo caso, seguro que un filólogo nos aclararía máis isto.
Grazas, Xabrés, xa me queda pouco!
Ola, Manuel.
Xa que ninguén con máis autoridade ca min se anima a comentar isto, direi eu algo. Non podo citar ningún texto concreto porque aquí non teño esa bibliografía, pero aí o que tes é unha estrutura que está descrita nas gramáticas galegas. Tratarei de ser breve; os expertos que desculpen as imprecisións terminolóxicas. ;-)
O uso máis frecuente dos pronomes átonos o/lo/no, a/la/na, os/los/nos e as/las/nas é o de “substituír” complementos directos en oracións con verbo transitivo:
O neno come a mazá. > O neno cómea.
Fixeches o traballo? > Fixéchelo?
Lavei as toallas. > Laveinas.
Ademais, tanto en galego como nas linguas do contorno, o masculino singular destes pronomes tamén poden utilizarse para “substituír” varios tipos de atributos en oracións con verbos copulativos (ser, estar, parecer):
Foron simpáticas. > Fórono.
Fuches rápida. > Fúchelo.
O que parece ser un caso máis específico do galego é que usamos estes pronomes, concordados en xénero e número cun atributo que sexa un substantivo, nas oracións en que se trata de determinar a identidade do suxeito:
-Aquela que vai por alí é Sara?
-Non, non a é.
-Si, ho, si que a é.
-Teus pais foron onte á praia? Estaban lonxe e non sei se os eran ou non, pero parecéronmos.
-Pois non os eran, porque botaron comigo toda a tarde.
Na frase que comentas tes un exemplo deste tipo de usos. A estrutura sintáctica indica que o señor Villar puido dubidar brevemente á hora de identificar aquel animal como un lobo (“Seralo ou non o serás?”, imaxino que pensaría), pero finalmente acabou por telo ben claro: “Ti érelo“.
Iso si, hai que ter en conta que el usa o castelanismo “(Ti) eres” en lugar da forma galega “(Ti) es”, pero isto non é relevante para a explicación anterior.
Ala, vou calando, que xa falei abondo.
Excelente explicación, Antón!
Era consciente do castelanismo do señor Villar, pero decidín preservalo.