Last updated on 26 / Novembro/ 2012

Fotos: Sole Felloza
Estes días, cando as paredes da casa parecen encollerse demasiado, collemos o coche e imos dar un paseo; desde o asento do copiloto observo os dourados do outono sobre o campo de Galicia. Abro a porta do coche e miro o mundo. É curioso isto de que non te podas mover: ás veces os cheiros, os arrecendos que non levas ulido durante meses abondan para curar a morriña. O cheiro doce a follas podres fermentando nos soutos, ou da herba mollada. Son estes meses un viaxeiro de beirarrúas e gabias, con pequenas incursións pola terra mol. Mudei nun viaxeiro de olfato, mentres as pernas non me permitan o tacto. Está ben.
Como ando a reler Os outros feirantes, de Cunqueiro, esa delicia, penso moito na relación entre realidade e imaxinación. É un lugar común que Cunqueiro non tivo que facer moito esforzo para sacar as súas personaxes, porque estaban aí. É certo, estaban aí, pero cada vez decátome máis da prodixiosa amalgama de creatividade, memoria e talento literario do mindoniense. Pero tamén do máxico que é ás veces o país que nos tocou vivir.
Isto vén a raíz dunha escapada que fixen o outro día. Baixamos pola Estrada na procura do Picho de Curantes, unha fervenciña que pintaba fermosa. Por suposto, sen sinalizar e mal localizada no Panoramio. Ao chegarmos a Parada, aparcamos na carballeira dos Pereiriños, e entramos a preguntar dentro dunha taberna. O local estaba baleiro, cheo de recordos, algo frío. Só había dúas persoas sentadas nunha mesa. Un deles tocaba o acordeón. O outro, máis maior, ao seu carón, co dedo levantado como un profesor, íalle ensinando unha canción tradicional.
Con educación atenderon á nosa demanda de información; o máis novo marchou a buscar un papel no que debuxarnos un mapa. O máis vello mirou para min e díxome:
-A vostede non lle gustan as brancas, non?
A miña primeira reacción foi pensar en que o vello era bastante faltón. Seguinlle un pouco o xogo e o home sinalou para estes dous apéndices de aluminio que me acompañan e dixo:
-É que como o vexo collido con dúas mulatas!
Entrementres o acordeonista volveu do interior. Nunha folla comezoume a representar nun mapa. Cando acabou de debuxalo, todo o mapa estaba pintado con cousas de valor que había no camiño, pero o Picho de Curantes a penas ficaba nunha esquiniña.
-Chamoulle “o picho de Curantes” un escritor da Estrada, pero nós aquí o coñecemos coma o Lago de Maimón.
-Soa moito mellor.
-Bueno, éche o noso -dixo o señor, empregando esa categoría tan galega que está fóra da escala do bo ou do malo, o noso é noso a todos os efectos-, pero se ides, págavos a pena pasarvos antes por estes sitios.
O mapa resultante ten unha serie de trazos marcando pistas, pero no centro, enorme, está a igrexa da aldea.
-A máis bonita que eu coñezo, e teño visto moitas -apoiou o vello desde a mesa.
O home preocupouse de representar ata cos trazos as portiñas do campanario. E logo unha estatua na base.
-Pasen por alí, válelles o desvío, porque inauguramos hai unhas semanas o busto ao inventor da calculadora, que era da aldea.
E de seguindo contáronnos como don Ramón Verea inventou en 1868, en Nova York, una máquina de calcular “que foi a primeira en saber multiplicar”. Por suposto que fumos a saudar ao señor Verea, na praza da igrexa de Curantes. O busto, moderno e bonito, solitario nunha tarde outonal e fría, lembroume a Edgar Allan Poe. A igrexa, neoclásica, demostra que a beleza é unha realidade tan subxectiva como patriótica.
O Lago de Maimón está tras unha húmida corredoira. O encanto solitario que hoxe vemos, unha fermosura de frouma, humidade e regatos, debeu ser no seu tempo un espazo cheo de vida, de enerxía hidráulica. Os veciños andan limpando os camiños que amosan os muíños que no seu tempo aproveitaron as bondades de Maimón. Hoxe, a fervenza dá lugar a unha pequena poza, chamada Lago aquí -vese que os de Curantes son auténticamente entusiastas- que debe estar chea de historias e lendas que foron marchando coa auga.

Malia termos o depósito na reserva, non quixemos marchar sen facer a visita de invernía a un lugar tan máxico como ausente: a Lagoa Sacra. Fronteira de Silleda, A Estrada e Forcarei, a Lagoa é case invisible. Maniféstase, cunha suave capa de auga deitada sobre o prado, cando chove moito. As orixes do nome non están claros, pero o solpor frío aquí, nestas alturas ermas, parece suxerilo. O dourado laranxa viste esta lagoa invernal. Non podo menos que lembrar o que se conta deste lugar: ao carón deuse unha batalla épica entre guerreiros. Aqueles que morreron foron botados á lagoa, e por iso no seu tempo un misterioso muro de pedra rodeábaa. É ese vello mito do occidente atlántico, os mortos xacendo baixo as augas, case no límite da tona líquida, e que tan ben representou Tolkien na Ciénaga dos Mortos.
Aquí, entre os relampos do solpor, brillará o último relampo do metal das armas destes guerreiros dun tempo mítico. O céo pesado sobre a lagoa inviste á auga da pesadez, a espesura e a cor do chumbo das forxas guerreiras. Rodeando á lagoa, as Mámoas do Boi Morto parecen completar unha paisaxe chea de ondulacións que queren ser escritas.

A Lagoa Sacra cheira a noite apreixada no inverno, a humidade clara e venteada, a prado estercado polos animais que pacen libres entre este silencio, só interrumpido polos avións que devolven obreiros de garabata e mariñeiros, polas noites, a Compostela.
E nese momento decátome de que o gran traballo de Cunqueiro foi, durante anos, as mazás desta árbore das historias. Por iso o seu estudo estaba chea delas. As historias están no olfato.
Actualización:
A través dun track-back, descubro/descúbreme este fermoso poema sobre a Lagoa Sacra feito por Susana Sánchez-Aríns
liçom de história
de seguires o caminho do vede subindo por curantes
até os altos de fraíz podes contemplar a lagoa sacra.
dizem que há séculos, em tempos dos mouros,
houve um grande longo e sanguinoso combate
na gândara que se estende nestas cimas de olives.
uns dizem que carlomagno foi aqui acabado;
outros dizem que foi ele que venceu um mamede
ou um almançor. o caso é que avós de avós
tenhem encontrado, juro-vos, gastos capacetes
espadas comestas de ferrugem crânios furados
por toda esta alargada branha de gestoso.
dizem que foi tal a matança o sangue verquido
a desolaçom em campos valados lavouras
que todos os cadáveres foram soterrados
sob as terras e águas que ante ti se estendem
aqui no alto, ao sopé da mámoa do boimorto.
e dizem que a lagoa sacra nom seca nunca
porque no fundo das suas águas encorgadas
dormem calmas as lajas do velho cemitério.
dizem outros que essas lajas nom som lajas
mas perpianhos traves pedras colunas
que erguiam umha vila doutras idades.
antioquia dizem uns que era, valverde
eimil ou duio a fermosa dizem outros.
dizem que tam soberbos foram aqueles
que a habitaram, tam crueis e infieis,
que este nosso deus humilde clemente
provou em secreto dos vilegos a bondade:
enviou um velho esmoleiro, jesus cristo
ou noé dizem uns que dizem que era.
ninguém lhe deu pousada. só a casa
mais pobre do mais miserável bairro.
decidiu a ira divina na lama afundir
a cidade por isto ou por nom acolher
os bois da raínha lupa, segundo digam
os uns ou os outros, que todos dizem
mas ninguém sabe. a lagoa nunca estinha
para nom libertar penados. dizem também
que algumhas noites pode ser escuitado
o dindondám das campás o canto do galo.
mas eu vim a lagoa seca. há três anos.
sem água segue. e nom há lajas, nom há
campa nom há telhados de cidades
ardidas em sangue e podredume.
só urzes gestas pequenos pintafontes.

que gosto ver aqui a nossa fervença e as nossas lendas. vai de volta a que aprendemos de crianças sobre a lagoa sacra, a que nunca seca: http://dedoscomovermes.blogaliza.org/2012/11/21/licom-de-historia/
Susana, grazas por compartilo! Permíteme tamén reproducir este fermoso poema que escribiches ao final do post. Creo que é parte fundamental e fermosa desta historia. Estou editándoo, que os saltos de liña danme guerra.
obrigada a vós, que ponhedes em valor o nosso património!
quando nena lembro ter aprendido que a lagoa sacra nunca secava, porque no fundo tinha uma cidade assolagada. também soubem que aí houvera uma batalha entre mouros e cristãos e que ficavam os restos no fundo, mas que nunca os poderiamos ver porque, claro é, a lagoa nunca secava.
o resto do poema som as misturas que eu lhe figem a estas verdades verdadeiras com o resto do imaginário lagoeiro.
e sim, com o tempo, chegamos a ver a lagoa seca, vítima de pistas forestais que a tronçarom ao meio obstruindo a nascente de água (lenda?).
Magago, podes sinalala na túa cartografía? Saúdos.
Feito! Aquí tedes os dous sitios:
Ver Roteiros de Capítulo 0 en un mapa más grande
é Manuel Verea ou Ramón Verea?
Certo, é Ramón. Confundinme porque nalgunha fonte habitualmente fiable que consultei tamén tiñan o mesmo erro (obviamente non é excusa). Xa está corrixido, grazas!
Como curiosidade, o rio do Maimom, oficialmente Rio Curantes, conhece-se mais abaixo (por Sequeiros e Rubín) como o Ghulhufe. Nom tem nenhum interese, sei-no, mas sempre me fez graça o nome.
Esta fin de semana achegueime ata a Lagoa Sacra, e concordo con Dedoscomovermes na súa apreciación das pistas de concentración parcelaria, unha é como se a fixeran por riba dela e outra cerra un dos laterais. Por contra, facía tempo que non escoitaba croar ras con tanta alegría, xesús que orquestra….