O mapa e o territorio: outro capítulo máis da novela de Houellebecq

Last updated on 14 / Novembro/ 2012

Con gran pracer lin O mapa e o territorio, a última novela de Michel Houellebecq e premio Goncourt 2010. O estraño francés é, sen dúbida, un dos grandes escritores europeos vivos, un auténtico clásico que segue a producir. E un tipo escorregadizo, raro, un tanto freak máis alá da súa personaxe.

Houellebecq chega coa súa prosa ata onde moi poucos escritores se atreven a chegar: a unha disección tan desencantada e tan brillante do capitalismo e da Europa actual que é imposible non negarlle unha tremenda lucidez analítica. As súas novelas, cada vez máis, aseméllanse a ensaios críticos, nos que os homes acábanse convertindo no previsible produto e servizo dunha sociedade do benestar que esmorece. A autopsia de Houellebecq non se detén ante nada: singulares son as súas visións do sexo, descarnadas e atroces non nos feitos, senón da crueza da súa monotonía, da súa previsión.

Despois de ler practicamente toda a narrativa de Houellebecq, o seu último libro, O mapa e o territorio, xa o vexo máis como un capítulo máis como un episodio do longo ensaio que leva escribindo ano tras anos. As personaxes, pouco a pouco, van sendo reducidas aos seus trazos máis esquemáticos. Nesta novela, Houllebecq, que se convirte el mesmo nunha personaxe que acaba…acaba non vos deirei como, remata por despreocuparse de trama ata solucionala cun deus ex machina bastante elemental. Non parece importarlle, e a min tampouco. As súas personaxes solitarias, desamparadas, incapaces da grandeza no sentido literario, convértense cada vez máis en arquetipos dalgo que está, esencialmente, na cabeza de Houellebecq e non na de todos. En parte do seu discurso elemental sobre unha Europa que decae lentamente tal e como foi coñecida.

O mapa e o territorio representa un mundo amoral, no que ninguén pretende nin encarna exactamente nada. Desprázase do presente a un futuro inmediato, novamente agrario e destinado aos turistas asiáticos. Reflexiona (non demasiado) sobre a arte contemporánea e descalabra o encanto dos hoteis con encanto e dos restaurantes de “tradición”. Todo é falso, todo é unha máscara, todo é un servizo orientado a un cliente que desexa ser enganado na súa procura do auténtico.

Houellebecq paródiase a si mesmo, representado na novela como un ser misántropo e deleznable; non quero facer spoiler, pero representa o seu enterro miserable e as palabras pronunciadas para el polos representantes do Ministerio de Cultura francés. Só ao final da súa vida na novela parece obter unha misteriosa redención que non acadamos a comprender na súa totalidade.

Por iso penso que entenderemos a Houllebecq unicamente cando decida poñer punto e final á súa obra. Só entón veremos cada unha destas novelas como un retrato cruel, descarnado, e non sei se máis ou menos exacto do mundo que nos tocou vivir.

2 Comments

  1. 13 / Novembro/ 2012

    Tíveno na man pensando seriamente en mercalo, e ao final optei por outra cousa… Pero se de verdade é recomendable, heille de dar unha oportunidade cando volva pola librería de onde son parroquiano.

  2. Xacordei
    16 / Novembro/ 2012

    Plataforma, As partículas elementáis e Ampliación do campo de batalla son o meu entender ás novelas máis relevantes de este grande literato francés. A primeira de elas causa moito impacto, sobre todo si non se coñece previamente a obra de Houellebecq. Eu a recomendo encarecidamente porque contén moitas das claves don que hoxe acontece…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *