Last updated on 7 / Novembro/ 2012

Pirámides cuantitántricas en Baroña. Foto: Migueljv
Estimado Gran Ghulai:
Escríbote desde as penurias do mundo dos mortais para queixarme por vía administrativa (por escrito) dos teus crentes, orantes e ofertantes. Enviareite esta carta a través do procedemento establecido para os envíos certificados: fumareime un par de puros, bebereime dun grolo unha botella de augardente e esgonzarei o pescozo dunha pobre galiña cabo do cruceiro da Corredoira de Atrás despois de que pasen todas as vellas que veñen da misa.
Entendo que non te sentara ben que prohibiramos os sacrificios humanos e que tampouco leves con gusto que a xente abandonara o new age polos libros do traidor Paulo Coelho, pero debes saber que os galegos non temos a culpa. Certo é que Paulo Coelho vén moito polo noso país, pero iso non debe ser motivo para acusarnos de connivencia. Tamén vén con moita frecuencia La Pantoja e non por iso nos arrincamos por soleares (agás en Palmeira e Rianxo, que hai escola de sevillanas, son traidores tamén).
Queremos escribirte, como te dicía, para transmitirte as nosas queixas formais polas accións dos ghulais que practican o teu culto. Ese costume de facer pirámides enerxéticas para deixar a súa pegadiña no sitio no que sinten que comungan coa Natureza. De facer o que os antropólogos definirían como “apropiación” dese espazo a través da construción de pequenas Gizehs tamaño Lego empregando as pedriñas dos xacementos arqueolóxicos. O caso de Baroña se cadra é o máis coñecido, pero hai uns meses, subindo a un sitio arqueolóxico case inaccesible, cando cheguei arriba del atopeime que un/unha Ghulai, querendo comungar coa ría de Muros e o solpor, sacara pedras das muradas para facer a súa pirámide cuantitántrica. Gran Ghulai: sei que a intención é noble, como a dos poligoneros e tuneiros que lle meten neóns pola parte de abaixo ao coche ou car audios de 900W ou os que mercan claveis noturnos aos pobres chinos que andan sorrindo entre os cús apretados dun pub. Sei que a intención dos teus oferentes ghulaiítas busca a comuñón co sagrado, pero é que nos van deixar sen pedras. Se os nosos devanceiros decidiron botar a perder as súas casas é para que nós, na nosa época, sigamos mantendo os xacementos como unha ruína chea de porcallada e matogueira, non para que o convirtamos nun Portugal dos pequeninhos, coma o Braga.
Gran Ghulai, eu ben sei que as pirámides cuantitántricas recargan a túa enerxía e permiten estender o ghulaísmo a través de vías tan importantes coma o Camiño de Santiago; eu ben sei que tes demostrado o teu poder sacándote da manga do teu rico manto novos rituais para Fisterra que convertirán en breve á vila neria na segunda cidade santa de peregrinación, despois de Rosswell.
Pero desta volta pedímosvos que lle digades aos vosos servos e crentes ghulaiítes que, simplemente, modifiquen un pouco o ritual. Que se queren crear un recordo que perdure, poden probar a coller esas mesmas pedras no sitio e deixalas caer xuntas sobre o pé dereito. Ou probar a degustar en cru unhas bonitas Amanitas Muscaria para acadar a Comuñón Ghulai con facilidade. Pero deixen os nosos entullos como están. O pobo galego é un pobo amante do entullo. Non ten máis que ir por calquera pista forestal, e no lugar máis perdido do monte verá un depósito ritual de lavadoras antigas, colchóns que se entregan malia levar toda a unha vida na familia e ladrillos e cemento dun cortello dos porcos desmontado para montar unha churrasqueira. A todas esas cousas collénselles cariño e sen embargo, facemos un esforzo por entregalas aos deuses. Non se imaxina o traballo dos nosos devotos e oferentes en levar isto desde as súas casas ata estes lugares de vista singular. A nosa ambición é destruir, estrar, abandonar; se os seus ghulais constrúen pirámides cuantitántricas, escachan a harmonía da nosa paisaxe e móvennos o entullo do sitio, que os nosos devanceiros deixaron tan concentrado e nun delicioso ‘caos creativo’, como hoxe o definirían os amantes das conferencias TED.
Gran Ghulai, con todos os respectos saúdoo e despídome. Póñame aos pés da súa señora, a Gran Pai-Lana. Só dicirlle que agardo ter noticias positivas súas. Do contrario, terémonos que ver obrigados a acudir a Hercólubus, o Planeta Rojo para que devolva a paz a este pequeno noso universo.

Na Curota, perto da canteira, hai outro templo de adoración ao gran ghulai, a ver se despois podo subir unha foto.
Nese sitio da foto, no solpor dun día de verán, levounos uns 20 minutos derrubar os ridículos pináculos (éramos catro). Una parella de xoves madrileños que baixaba do castro preguntou se a “tradición” era levantalos pola día e tiralos pola noite( eles fixeran un ),.. eu díxenle que sí e que botaran unha man. Ata había un de Noia co seu fillo de 3 anos facéndolle levantar a pirámide de marras. Cando lle dixen que o que estaba a facer non era o máis doado para un xacemento, case lle teño que explicar a dinámica de mareas e a formación de coídos, pois o cartel que está a cincocentos metros arriba non o ve ninguén. Por certo xa os hai frente a Illa do Castelo en Touriñan, e atopei a un “energético” cargando as pilas cara o Sol, eu amablemente pregunteille se estaba mareado e se necesitaba algo.
Fixestes ben, Elixio. Os adoradores do Gran Ghulai entran en perigosos estado de éxtase. Comezan por estas pirámides e acaban vendo o programa de Iker Jiménez e lendo libros sobre a Era de Acuario.
Dani_elo, estupendo. Por todos, se tedes fotos de templos ao Gran Ghulai molaba compartilas. Sobre todo para activar cuadrillas de demolición antes de que nos dominen.
Aquí está. Templo do Gran Ghulai na Curota.
https://pbs.twimg.com/media/A6sWbyxCIAAdl-y.jpg
Louvemos ao Gran Ghulai!
jajajajajajajajajajajja .
P. S. : a foto esa do enlase foi feita por un “artista” penso que coa colaborasion dun dos concellos da súa banda…jajajaja
Carlos, a da Curota, ou a de Baroña?
A da Curota. Foi unha rapaza, unha artista creo que madrileña. Creo que fixera outra performance destas na praia da Corna. Non é desta secta. :-)
Ollo, que hai “pirámides ghulais” que non son tal, …son marcas en camiños de montaña e roteiros que se non fora por elas tería dado eu algunha volta innecesaria.
aaammmm, vale, vale! pois eu ía na bici polo monte e cando o atopei flipei. Ademais está nunha zona con bastantes Amanita Muscaria… :)
ajajjjssjsjs,moi bo,unha pregunta a que época se remonta a adoración a este deus?polo menos fai decenios,ajajajajjsa,tamén adoitan no camiño,a ofrendar os panos ao gran deus mocco-eira,debe ser para protexerse dos resfriados do vran.
Ui, polo menos desde os anos 70 ou o primeiro libro de J.J. Benítez, pero que dúbida cabe de que é o culto é radicalmente contemporáneo. :-)
Comparto coa sinceira pretensión de que o espírito desta misiva se eleve desde as pirámides cuantitántricas, sobrevoe o “Parque de Estudio y Reflexión” creado pola Comunidade de Silo en Cercedo, biqie as runas gravadas no Monte Pindo, entre polo cu do Gran Ghulai levando con el a todos os magufos, creacionistas e homeópatas e finalmente estoupe. Polos séculos dos séculos Amén, lo juro.
O de xuntar pedras para marcar camiños (“fitos” en Asturias) non ten nada que ver con esta secta. ë un uso pastoril tradicional, con miles de anos e con finalidade práctica, nin ningunha ansia transcendente. Un hurra polo post!
non tiña ningunha dúbida,arre carallo ho.
Xa sei que mal de moitos consolo de tonto. Pero o culto ó Gran Ghulai por parte dos seus siareiros está xa extendida, polo menos, por boa parte de Europa. Vendo fotos dunha boa amiga que recentemente andivo por Escocia vin que tamén alí hai bastantes destas “aras” tanto nos lagos, como perto dos castelos e nas costas das illas.
“Otrosi digo” a foto esa da Curota, ten moito máis de land-art non efímero que da doutrina do Gran Ghulai.
E o de amorear pedras, claro que ten certa tradición para sinalizar camiños, e cando se limpan terreos para botalos a prado ou traballalos (lembra Manolo o que había a carón da na mina de ferro en Viveiro). Pero se diferencian ben uns doutros, ¿non é?.
os amilladoiros nos camiños ten miles de anos,ata a igrexa cristianizou moitos deles dende portugal ata escocia ou dinamarca,claro síntoma de seren pagáns,ainda hoxe os hai,.
Polo cal se a igrexa non cristianizou estas piramides ao gran ghulai,ou ben non que darlle publicidade ou non lle parece unha rival,ajajjajjjsahjsassha,(lease ben para entender o que quero dicir).
Carallo, canto ocioso!!!!!!!!!!!!!!!!
Unha interesante diferencia entre os “altares” ó Gran Ghulai, e outros amoreamentos tradicionais no pais, os “santos” de Tomonde, en Cercedo-Pontevedra, visto hoxe no face: http://www.facebook.com/photo.php?fbid=316600331787560&set=o.182067791877609&type=1&theater . Non sei que terán de certo, pero aí están.
miña nai do ceo¡ acabo de ver o choio ese da curota i estou alucinando. e increible a donde chega a intelixencia do mal chamado ser humano, menos mal que es estoume desligando e cada vez me asemello mais a unha rata, que a pesar da sua mala fama non fan as barbaridades que fan os meus conxeneres
jajajaja! tan fatal! a xente está fatal!
e dito isto, corrección gramatical: non é “escríbote” e “enviareite” é: “escríboche” e “enviareiche” eses pronomes! jejeje
E não param… http://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/2014/08/27/visitantes-facho-adulteran-yacimiento-creando-torres-piedras/0003_201408V27C9991.htm :/
Hoxe tamén dan a noticia… http://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/2014/08/28/cangas-pide-autorizacion-urgente-patrimonio-reparar-facho/0003_201408V28C9