Last updated on 8 / Outubro/ 2012

Conducimos cara a fisterra galesa, a península de South Pembroke; aquí estas apacibles terras de granxas, años e vacas, métense para o mar occidental. As estradiñas serpentean pequenas vilas cos pendóns dos pubs anunciando ales artesanais e os camposantos dispóñense espaciosamente ao redor de igrexas que parecen castelos fortificados. O mar, que ata Swansea foi un conglomerado industrial, aquí vólvese apacible e tranquilo. A viliña de Laugharne é un fermoso lugar para contemplar unha ría ancha, que coa marea baixa convírtese nun agro de area.


Hai un castelo en ruínas, un paseo cabo do río, un conxunto de casas apiñocadas e a omnipresente figura de Dylan Thomas. Aquí pasou estadías o poeta, aquí estaba un dos seus pubs preferidos, e aquí están os lugares nos que traballou e escribiu. Fermosos sitios.


O carreiro literario leva ata un pendello sobre un cantil, que contempla a ría. A luz éntralle polas pequenas fiestras e ben, está todo. Os fetichistas da literatura poden apreciar, como nunha casiña de bonecas, as cornas, os papeis, os debuxos a lenzo, o candil. Alí todo tal cal, sobre o mar.

Non só en Laugharne, senón por todo o mundo, o poeta escribiu unha obra singular, que parece fóra do tempo e desde logo fóra do que o século XX paría por estes mundos europeos. Unha poesía de imaxes turbias, alucinadas, apreixada na natureza, que os críticos explican na súa interacción co mundo cultural galés. O poeta, Dylan Thomas, é magnífico. Lino por primeira vez cando aínda era universitario. A miña cabeza debía andar máis libre de aquela, porque lembro que me raptara a imaxinación. Anos despois, estes días, cando revisei a súa poética completa, custoume algo máis entrar na poética, pero entrei. Cando estudaba na Universidade non tiñamos o tesouro que agora temos, chegar á poesía a través da voz orixinal do poeta. Agora si. A miña sorpresa cando escoitei un dos seus poemas máis celebrados, Do not go gentle into that good night, e descubrín o texto oculto baixo o propio poema.
Se o texto estaba escrito, na poesía de Dylan Thomas tamén figura o non escrito, neste caso a música, e a canción. Os poemas de Dylan Thomas parecen concibidos nun estraño limbo entre a poesía e a canción. E esa voz monocorde, como se fose un arcano texto recitativo, transforma toda ela o sentido do poema. A canción como forma de falar.

Laugharne é fermosa. Tralo pendello poético está a Boat House, a súa residencia familiar por momentos. Aínda que hai disensións entre a crítica, é moi posible que Dylan Thomas ambientara -moi libremente- en Laugharne unha das súas obras máis celebradas, un radioteatro chamado Under Milkwood, Baixo o Bosque de Leite. A obra, gravada pola BBC e dirixida por Richard Burton, era unha alucinada viaxe a unha viliña galesa de mar. A historia comeza pola noite, cando os defuntos visitan a un capitán de navío retirado -non sei se lles soa o estilo e a imaxinación-. Mortos e vivos viven e conviven na vila de Llareggub. A obra, unha marabilla da lingua inglesa, tivo unha versión da propia BBC en castelán dirixida polo uruguaio Walter Acosta. Aquí tedes unha gravación moi mala, pero que permite apreciar o inmenso talento da prosa poética de Dylan Thomas.
Baixo o Bosque de Leite tamén tivo adaptación galega, levada a cabo no Festival de Teatro Universitario de Santiago por Aser Álvarez. Non sei se haberá traducións dispoñibles (é raro que esta obra non fora traducida formalmente ao galego); se alguén sabe algo, por favor mencionádeo nos comentarios. Esta fermosa obra merece ser compartida.

En Laugharne tamén os mortos viven cabo do mar; non é difícil sentirse a gusto aquí, entre estes camposantos, mariñas, rías e fragas dóciles e campesiñas.

Vexo a foto da que imaxino será o escritorio de Dylan e lembrome da viaxe que en principio pensei sería na Inglaterra e tornouse no percorrido dos lugares do National Trust. Porque ese cuidado ate o perfección, ese amor a terra e o patrimonio, a forma de valorar o seu, a atención os visitantes deixandote sentar nos butacons e sofas dos pazos, deixarte tocar e cheirar, os lugares para vestirse os nenos e non tan nenos como os marqueses, os xardins, as florestas e ate as praias perfectamente agarimadas, en fin, todas as casas e pazos cheos de voluntarios, en moitos sitios ate en cada habitación, atendendote e explicandote as singularidades de cada estancia, todo iso e mais so o encontrei no Reino Unido e en concretro no NT. Que saudade!.
Comparto a miña experiencia coa de Álvarez… e a min chámame a atención especialmente o tema dos voluntarios.
Resulta sorprendente a capacidade e vontade que teñen para organizarse por medio do voluntariado e levar a cabo proxectos que aquí, se non se fan polas administracións públicas, non os fai ninguén: limpeza e acondicionamento de praias, ríos e zonas verdes, recuperación e restauración do patrimonio (trens, muíños, canais de navegación…), mantemento de museos…
Cantos muíños abandonados -por poñer un exemplo- que hai por Galicia adiante non se poderían rehabilitar desta maneira! Pero tamén estou seguro que as trabas burocráticas que se poñen aquí botan para atrás a calquera…