#torredosmouros (3): O visible e o invisible


Lenzo E. Foto: Andrea Lozano

Pasar moitas horas na Torre dos Mouros transmite unha certa sensación etérea. A primeira hora da mañá o campo está enchido de vapor. Unha hora despois, as nubes pasan por debaixo túa, meténdose pola Garganta Grande, e todo parece como recén duchado. Logo, a media mañá, cae o sol con toda a súa decisión, rebota contra o granito e éncheo todo, pero a variante oeste dos ventos de Lira, que impacta contra esta franxa de costa inclemente, leva con ela os grados de temperatura. O mellor sitio para estar, na Torre dos Mouros, sempre, é este: aquí onde se escoitan piquetas, paletíns, movemento de pedras.


Abrindo a zona 2 (escotaduras nas pedras). Foto: A. L.

Esta semana a acción arqueolóxica estendeuse a varios puntos do recinto baixo da Torre dos Mouros. Mentres se continuaban os traballos no gran edificio localizado cabo da muralla este, dúas pequeniñas catas exploraban, máis no centro do recinto, unha serie de escotaduras na rocha. As catas revelaron, efectivamente, a existencia de eixos ríxidos que parecen cortar profundamente as rochas, sen que sexan técnicas canteiras. As pequenas e estreitas franxas exploradas non permiten comprender exactamente que son estas formas, escotaduras e rebaixes nas pedras. Á falta dunha avaliación máis formal, a min non deixan de parecerme as que teño visto miles de veces nas plataformas roqueiras dos castelos roqueiros medievais, os trazos de antigos asentos de estruturas. Pero hai unha diferencia. As escotaduras e asentos que se atopan en lugares coma os castelos roqueiros, fanse porque non queda máis remedio. Trátase de gañar espazo entre os batolitos para ubicar habitáculos ou estruturas. Pero aquí é distinto.

Aquí as escotaduras, os niveis, as pedras regularizadas están estendidas no medio da plataforma. Como as sondaxes son moi estreitas, non é posible ver se estes trazos conforman algo. Alguén defínemo así:

-Parece arquitectura invisible.

E pareceume tremendamente correcto. Como se estiveramos vendo a prantiña de un conxunto de estruturas que xa non existen. As sondaxes, outra volta, non amosan nada de material. En breve, comeza a aparecer un conxunto de terra alaranxada: é o sustrato, o final da deposición de terra. Seguimos coa incógnita, pero temos algo máis, algo moi distinto do que nos atopamos no lenzo este.


Retirando o entullo. Foto: A.L.

Aló os arqueólogos están facendo un traballo titánico. Se lembrades, aparecera unha estrutura de carácter ovalado na semana anterior. Seguiuse traballando alí, a ver que pasaba. Ayán, Muros, Rafa escavan e escavan e de cando en vez lles axudamos dunha volta ou doutra. O traballo, como digo, é moi duro. A condenada estrutura colapsou en gran medida para dentro. Os arqueólogos comezan a saber como foi ese proceso: non colapsou de repente. A existencia de capas de terra intermedias revelan que este gran edificio foise derrubando aos poucos. Se cadra primeiro foi un lenzo, e logo outro, e logo outro máis. E entremedias pasaron dez, trinta, cen anos, douscentos anos. E seguen para abaixo. A potencia do edificio é enorme, os seus muros considerablemente sólidos. Ao final do edificio, localizan algo especialmente interesante, unha traza de humanidade entre tanto cachote. No momento no que edificaron a estrutura, colocaron na base unha serie de calzos con toscas trazas que permitían facer un oco para erguer uns postes. A interpretación non é doada, polo momento. De súpeto, chega o final. O sustrato de cor laranxa que aparece por todo o recinto.

Habitualmente, os arqueólogos saben cando chegan ao final. As cabanas castrexas, por exemplo, conservan o pavimento apisonado, por xeracións e xeracións de pés que acaban conformando unha serie de plaquetas. Aquí o fondo non parece ter un chan definido como tal, é inapreciable. Entón, de que estamos falando? A calidade dos muros permite desbotar a existencia dun cortello aquí: é unha factura demasiado boa. Non parece de tella, senón con tellado de colmo. Elisa Amigo, a arquitecta do proxecto, fai unha análise. Calcula os metros cúbicos de entullo e os reparte pola superficie do muro da edificación para tentar determinar a altura. Malde, traballando na casa, envíame posteriormente un whatsapp:

Non atopamos pavimento porque o piso inferior non fora colmatada como tal? Ten realmente a estrutura esa considerable altura? Un segundo factor, tremendamente intrigante, é a relación entre a estrutura e a muralla. Como é esa relación, exactamente? É anexa, foi construído un elemento despois do outro? Por que? Para Malde, aínda que non dispomos da cronoloxía, neste lugar podería haber dous momentos construtivos distintos. Pregúntolle aos arqueólogos pola ausencia de material no nivel inferior. É bastante estraño, sobre todo se o contrapoñemos cun castro, no que toda a superficie está chea de anacos de pezas de cerámica e outro tipo de obxectos que testemuñan a evolución do xacemento durante xeracións de veciños. Unha casa castrexa é un espazo ocupado e reocupado durante xeracións, no que as cousas escachan, se van acumulando, fican ao carón. Se cadra, esta estrutura non sexa exactamente doméstica.

Asi que temos dous escenarios polo momento. O centro da plataforma, cheo de canais, surcos e asentos labrados na rocha, como pegadas de algo hoxe inexistente; e cabo da muralla oriental -agora, limpada grazas aos voluntarios, pódese apreciar a súa monumentalidade- un xeito totalmente diferente de concebir o espazo, con estructuras a lo grande. A cousa está ao vermello. E, aínda que non temos cronoloxía, é apaixoante constatar a intensa ocupación do espazo e a monumentalidade de algunhas das estruturas.

O horizonte desta fin de semana non pode ser máis apaixoante. Os arqueólogos vanse orientar á procura de elementos que nos permitan comezar a comprender cronoloxicamente o lugar, pero ninguén sabe se se vai poder conseguir. Estamos falando dun estraño e enorme castro? Ou as lendas que comezan a aflorar, que indican este lugar como ancestral refuxio contra os piratas, teñen visos de realidade? Ou serán as dúas cousas.

Isto non é como facer ben un pastel, no que todo -ingredientes, utensilios, mañas- depende de ti: os arqueólogos poden acotar as opcións da intervención para maximizar as posibilidades de éxito, pero iso non quere dicir que as atopen. Unha vez Arsenio Iglesias díxome, cando eu era moi novo, que no fútbol todo era cuestión de sorte. Na arqueoloxía non é exactamente así, pero parécese. Nunca sabes realmente que vai acontecer en todos os seus termos, e menos nun xacemento tan estraño coma este. O xoves vaise usar un radar de terra que permita botar unha ollada ao interior da Torre dos Mouros. Posiblemente Carlos Otero, o técnico, non localice co gradiómetro a cova onde están os cofres de ouro e veleno, pero a súa visión pode axudar a tomar a decisión, tamén.

Seremos quen de dar con esta resposta? Síguenos nas redes sociais, colabora na intervención ou aproveita e vente a Carnota esta fin de semana a facernos unha visita.

2 Comments

  1. Lume
    18 / Xullo/ 2012

    Abraiante Manuel!!

    Semella que, seguindo o seu propio nome, aquí había unha torre. Unha torre nun lugar xa elevado de seu e con visibilidade?.

    Agardamos aos resultados da vindeira intervención con moito interés.

    Apertas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *