Chega a segunda barferencia da #torredosmouros : Antonio de la Peña e José Cernadas (e un agasallo adicional)

O Proxecto Torre dos Mouros ten obxectivos científicos, sociais e económicos/empresariais. O que queremos é demostrar que unha escavación arqueolóxica é viable e rendible economica e socialmente desde o primeiro momento no que comeza: que se trata de proxectos de gran valor para dinamizar os concellos que os emprenden. Por iso creamos as Barferencias. Non se trata só de divulgar, senón de empregar un dos soportes de comunicación máis dinámicos dos que dispón o rural galego: os bares.

Ao encher un bar, como se fixo o outro día en Lira no Bar Louro, no que á conferencia de Xurxo Ayán e Rafa Rodríguez acudiron máis de 60 persoas, estamos amosando o tirón real da arqueoloxía e da ciencia, traducido en consumicións e público desde o primeiro momento da intervención. Propoñemos conferencias non académicas, conversas amenas que dan que falar e que se comentan á hora da cea. Propoñemos unha Tapa de Ciencia gratis coa consumición para acompañar os seráns do verán. E para nós é un orgullo contar, este sábado 14 de xullo, con dúas persoas ás que eu persoalmente admiro:

Un, Antonio de la Peña, é arqueólogo e conservador do Museo de Pontevedra, e unha das maiores autoridades en Galicia no estudo da antiga arte rupestre, á cal consagrou boa parte da súa actividade profesional. E outro, José Cernadas, é canteiro, veciño de Carnota, e autor dun importantísimo estudo que puxo no mapa da arte rupestre galega ás montañas que rodean o arco de Carnota, desde o Pindo ata a Torre dos Mouros. A combinación é insuperable cando lla propuxemos, e eles aceptaron. De la Peña levaranos á orixe, características e sentidos das enigmáticas figuras gravadas nos nosos montes. Cernadas, pola súa banda, presentaranos as xoias da arte rupestre agochadas entre as pedras de Carnota e achegaranos a súa sabencia profesional sobre o máis inmortal dos lenzos: o granito. Será unha Barferencia de luxo.

Onde: Bar do Rúa (Carnota) Ver localización en Google Maps.
Cando: Este sábado 14 de xullo ás 20.30 horas. Entrada gratuíta.

As Barferencias son posibles grazas á organización do Concello de Carnota, os establecementos de hostelería e á colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

E un agasallo adicional: o Roteiro da Torre dos Mouros e os petróglifos

Amablemente, José Cernadas levounos por algunhas fermosas estacións de arte rupestre de Carnota próximas á Torre dos Mouros, para que Xosé Gago confeccionase un roteiro (coa axuda de Manuel Franco e Andrea Lozano) de fermosos petróglifos a moi pouca distancia do xacemento arqueolóxico. Aquí a tes, por se te animas a vir!


Ver A ruta dos petroglifos: a carón da Torre dos Mouros nun mapa máis grande

4 Comments

  1. Santi L
    12 / Xullo/ 2012

    Cada día máis enganchado a este tema. Eu tentei ir marcando os petroglifos facendo o camiño do revés, comezando na costa de Louredo. Mais é ben certo que esta nosa montaña de Carnota está impracticable. Os toxos son espesos.

    http://goo.gl/maps/mbCs

    Quixera recordar que José Cernadas Sande ten unha moi interesante guía titulada “Gravados Rupestres nos Montes de Carnota” Ed. tresCtres ISBN 978-84-936262-7-3

  2. Santi L
    12 / Xullo/ 2012

    Esquecime de asinar o comentario anterior ;)
    @santillecha

  3. 12 / Xullo/ 2012

    Efectivamente, unha guía absolutamente recomendable. Está sempre no meu coche. :-)

  4. paleocastro
    14 / Xullo/ 2012

    Non te esquezas que queremos que colgues os vídeos das barferencias, aínda que sexa con retraso. ¿E qué eso dos osos de pingüinos na Lanzada? algo lín, non sei se é así

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *