Last updated on 17 / Xullo/ 2012

Foto: Andrea Lozano
Un aspecto máis que relevante de calquera investigación arqueolóxica é o traballo documental. Acceder aos documentos, lelos, orientarse no proceloso mundo da documentación e os arquivos é un proceso lento, case detectivesco, que vai avanzando chanzo a chanzo, pero que depara tremendas sorpresas e luz sobre os espazos arqueolóxicos. Tede en conta que nun territorio tan humanizado coma o galego, xacementos como mámoas, pedrafitas, castelos ou castros foron empregados como divisorias parroquiais ou doutro tipo de territorios durante séculos. E que significa iso? Pleitos. Centos, miles de pleitos. Con saborosas testemuñas da época, voces vivas nos pregos…
No proxecto Torre dos Mouros temos a sorte de contar coa empresa DeHistoria (aquí tamén está a súa páxina en Facebook), especializada en servizos históricos e de documentación, que está a realizar a investigación documental en paralelo ao traballo de campo. Hai que saberse mover entre eses arquivos, diantre, pero están aparecendo cousas con moita chicha, aínda en proceso de verificación. Algunha certamente bonita no caso de verificarse.
Pero agora subministramos algo do principio. Cando os investigadores comezan a traballar sobre unha zona, teñen varias biblias documentais moi reputadas ás que se acude como primeiro paso. Unha delas é o monumental Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de ultramar, coñecido no mundiño histórico e arqueolóxico coma o Madoz, polo seu responsable, Pascual Madoz, un importante político da primeira metade do século XIX. Trátase dun inventario de todas as parroquias, con datos básicos como o tipo de solos, colleitas, camiños e comunicacións. O Madoz son 16 densísimos tomos de información que retratan con fidelidade a España da década de 1840: é como acceder a unha fiestra no tempo que ás veces dá sorpresas.
E vaia se as deu na Torre dos Mouros. Se lembras, cando publicamos a primeira nota sobre a Torre dos Mouros , aludía a que o lugar estaba mencionado na Geografía General del Reino de Galicia, de Carré Aldao, do ano 1936. Alí había unha referencia clara á Torre dos Mouros e a un “fuerte antiguo” moi próximo.

Pois para a nosa sorpresa, Carré non escribe isto desde cero: parte do Diccionario de Madoz, do seu tomo 10, editado en 1847. Iso mándanos a primeira referencia “do mundo moderno” case 100 anos máis atrás no tempo. Aí é nada! Aquí está a cita:

A cita de Madoz á Torre dos Mouros é un magnífico exemplo de como funcionan a investigación de fontes e como pouco a pouco transforman a información. Fixádevos: o primeiro, a referencia clara de Madoz a un castro cabo do Ríomao (Carré refírese a un fuerte antiguo) permítenos verificar que se está a referir ao castro de Mallou. Pero Carré omite un mínimo detalle moi interesante: “en la cúspide del monte Garganta se encuentran vestigios de torreones cuyo sitio es conocido por Torres dos Mouros”. Fíxense nos varios detalles: Madoz precisa que o xacemento está “na cúspide”, pero ademáis, fala xa non dunha Torre en singular, senón de “torreones” e, xa que logo, do topónimo Torres dos Mouros, revelando unha maior entidade estrutural para o xacemento que o texto de Carré non sospeitaba.
Así que todo parece indicar que a mediados do século XIX a muralla debía estar abondo en pé como para ver nela algún trazo constitutivo que se interpretou como “torreones”, e que hoxe non percibimos (aínda que temos sospeitas dun lugar), ata o punto de que conforma un plural que Carré perdeu e nós con el. Como comenta Mercedes Vázquez, de deHistoria, o xacemento debía ter certa entidade para que aparecera recollido no Madoz…Tamén hai outra cousa interesante: Madoz non consigna que houbera usos agropecuarios nese momento nese lugar, pero non sabemos por que…O espectacular é que as datas das fontes van cara atrás no tempo case cen anos, e por riba dan información.
As técnicas de DeHistoria están xa mergulladas nun proceloso universo de pleitos, testamentos, fontes, nos que parece haber algo, e mesmo pode que teña que ver coa lenda do cabaliño de ouro. Hai cousas en camiño…

Que tiempos aquellos en que el esfuerzo del hombre quedó enterrado bajo tierra.
y..lo enterrado saldrá de nuevo a la luz, gracias al esfuerzo de una generación que con su tesón harán posible rehabilitar “TORREDOSMOUROS”
ENHORABUENA a tod@s los que formáis el equipo