As Barferencias da Torre dos Mouros: os bares de Carnota énchense de arqueoloxía este verán

Pois xa son públicas as Barferencias, conferencias divertidas e informais sobre a prehistoria e a arqueoloxía de Galicia, sempre partindo da base e do patrimonio cultural carnotán. As Barferencias son a verquente máis didáctica do Proxecto Arqueolóxico da Torre dos Mouros. Levamos a expertos de toda Galicia que durante unha hora conferencian e interactúan nos bares de diferentes puntos do concello, explicando de xeito ameno o noso pasado. Comezamos este mesmo sábado. Xa sabes. Volver da praia e disfrutar dunha gran charla antes de comezar a noite.

Sábado 7 de xullo, 20:00h.
Bar Casa Louro (Lira)
Atlántico e Mediterráneo: as relacións comerciais na Prehistoria
Xurxo Ayán (arqueólogo do INCIPIT-CSIC) e Rafael Rodríguez (arqueólogo da Deputación de Pontevedra).
Ayán e Rodríguez foron directores de dous proxectos de escavación de espazos arqueolóxicos claves para coñecer o encontro entre galaicos e púnicos hai máis de dous mil anos. Unha historia fascinante que comezamos a coñecer nos últimos anos.

Sábado 14 de xullo, 20:30h:
Bar do Rua (Carnota)
Petroglifos de Galicia e Carnota
Antonio de la Peña (arqueólogo e conservador do Museo de Pontevedra) e José Cernadas (investigador, autor do libro Os petróglifos de Carnota)
Antonio de la Peña é un dos principais expertos en arte prehistórica galega e José Cernadas é o responsable da localización do importante conxunto arqueolóxico dos petróglifos do arco de Carnota.

Sábado 21 de xullo, 20:30h:
Salón de actos do concello (Carnota)
Presentación do libro “Herdeiros pola forza”
Xurxo Ayán (arqueólogo do INCIPIT-CSIC) e Manuel Gago (xornalista e profesor da Universidade de Santiago)
Herdeiros pola Forza é un ensaio que reivindica o papel dos cidadáns na xestión e preservación do inmenso patrimonio cultural galego. En só catro meses de edición, Herdeiros pola Forza leva tres reimpresións.

Sábado 28 de xullo, 20:30h:
Bar Illa (Lira)
Que fai un castrexo coma ti nun sitio como este? Rarezas e curiosidades da Idade do Ferro galega
Alfredo González Ruibal (arqueólogo do INCIPIT-CSIC)
Alfredo González Ruibal é un dos maiores especialistas na Idade do Ferro do noroeste da Península Ibérica.

One Comment

  1. Santi L
    5 / Xullo/ 2012

    Hai uns días andaba eu pola Montaña de Carnota, á procura duns petroglifos xa inventariados, e entre a leña do monte descubrín un amontoamento de pedras cubertas de musgo e maleza das que descoñezo se poden ter interese arqueolóxico ou non. Semellaba algún tipo de construcción derruida.

    O lugar é pretiño da estación nº3 “As Fontiñas” descrito no libro de José Cernadas Sande “Gravados Rupestres nos Montes de Carnota” ISBN978-84-936262-7-3

    Localización aproximada (vexo que o GPS do móbil non rexistrou moi ben o percorrido)
    https://maps.google.es/maps/ms?msa=0&msid=209046397362117667544.0004be6cdb79d746cb41f&ie=UTF8&ll=42.845073,-9.076166&spn=0.038325,0.077162&t=h&z=14&vpsrc=1&iwloc=0004c411fccfebdcaadf3

    Fotos
    http://www.flickr.com/photos/75008991@N02/sets/72157630432330976/

    Quedo á disposición de quen queira botarlle unha ollada para acompañalo ata o lugar que é de moi difícil localización e acceso.

    Apertas
    @santillecha

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *